A Fiscalía investiga a Augas de Galicia pola contaminación da mina de Touro

Tras as denuncias de Ecoloxistas en Acción, a Fiscalía investiga se houbo delito penal na actuación de Minas ou Augas de Galicia na súa competencia de vixiancia e control dos vertidos procedentes da mina.

Por Galicia Confidencial | Touro | 18/07/2024 | Actualizada ás 10:53

Comparte esta noticia

Ecoloxistas en Acción denunciou ante a Fiscalía a  contaminación procedente da mina de Touro porque, a pesar de anos de interpoñer continuadas denuncias, a Xunta de Galicia non conseguiu rematar coas drenaxes contaminantes desta mina. “Ante os desleixo de Augas de Galicia, estes vertidos contaminantes afectan os ríos Pucheiras, Portapego, Felisa, Ameneiro- Lamas, Burgo, que verten aos ríos Lañas e Brandelos, seguen sen vida e isto esá ocasionando danos á calidade das augas destes afluentes directos do Ulla, xa na rede Natura 2000”, declara a voceira de Ecoloxistas en Acción.

Verteduras no río Pucheiras, na contorna da Mina de Touro-O Pino (A Coruña). ECOLOXISTAS EN ACCIÓN
Verteduras no río Pucheiras, na contorna da Mina de Touro-O Pino (A Coruña). ECOLOXISTAS EN ACCIÓN

A Fiscalía provincial de A Coruña ven de recoller a denuncia de Ecoloxistas en Acción e anunciar dilixencias de investigación preprocesal (47/2024) para, no marco dunha investigación penal, indagar se hai indicios de delito no proceder de Augas de Galicia. Para isto, a Fiscalía reclamou documentación, respecto aos vertidos da mina e a actuación da Xunta antes esta contaminación ambiental, tanto á Consellería de Economía e Industria como a Augas de Galicia.

As investigacións iniciadas suporán a investigación de denuncias dos tres últimos anos que consten no Seprona  e poderían ser sancionados as autoridades ou funcionarios públicos que, a sabendas, tiveran informado favorablemente a concesión de licenzas manifestamente ilegais que autorizaran o funcionamento de actividades contaminantes, tiveran silenciado as infraccións ou omitido a realización de inspeccións de carácter obrigatorio.

"GRAVE IMPACTO AMBIENTAL"

A organización ecoloxista asegura que "non hai dúbida de que é a actividade do complexo mineiro a causante deste grave impacto ambiental" e lebran que así quedou recollido na revisión do Plan hidrolóxico Galicia-Costa 2021-2027. Por iso, sinalan como presuntos responsables penais dos feitos aos actuais propietarios dos terrenos e da concesión, que son perfectamente coñecedores de que tiñan a obriga de restauración e do cese da contaminación ás augas. Tamén acusan a Xunta de Galicia de poñerse do lado do agresor ambiental e protexer os intereses do infractor, en vez dos da poboación afectada.

Ademais, Ecoloxistas en Acción considera que Augas de Galicia ten que paralizar a autorización de verteduras encuberta outorgada á empresa Explotaciones Gallegas que lle permite achicar augas tóxicas da balsa de lodos mineiros do Vieiro ao río Pucheiras, extremo sobre o que a Administración ten aberta outro expediente. 

Ecoloxistas en Acción alerta que a autorización destes vertidos implica legalizar unha vertedura de máis dun millóns catrocentos mil litros de augas tóxicas por ano ao rego Pucheiras, no sistema fluvial do Ulla-Deza. Un rego que xa está desprovisto de fauna e flora actualmente ao seu paso polos terreos da mina pechada. Lembran que o Pucheiras é tributario do río Brandelos, o cal desemboca no río Ulla onde xa forma parte da Rede Natura 2000, apenas 4 kilómetros augas abaixo, e que inclúe a desembocadura do mesmo na ría Arousa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta