Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 04/08/2024 | Actualizada ás 21:00
Pensar en Corrubedo é pensar automaticamente na praia das Furnas ou na de Ladeira, situadas na entrada da ría de Noia, entre os concellos de Ribeira e Porto do Son. A grandiosidade do areal case virxe das Furnas, duns 800 metros, con area branca e fina e augas cristalinas, atrae cada ano a milleiros de visitantes. A cor turquesa do mar e as súas piscinas naturais rodeadas de rochas na súa maioría fana moi atractiva. Aínda que tamén se caracteriza pola forte ondada e o vento habitual, o que a fai idónea para a práctica de deportes acuáticos como o 'windsurf'. Pero hoxe non vimos falarvos desta espectacular praia onde Alejandro Amenabar rodou escenas da película 'Mar Adentro' e onde se filmaron varias partes da exitosa serie 'Fariña', senón dos pequenos areais da súa contorna que se atopan moito menos masificados e que gozan de idénticas cualidades.
Tampouco vimos a expoñervos as virtudes da praia de Ladeira, que con case un quilómetro de lonxitude é outra das xoias naturais do Parque Natural das Dunas e Lagoas de Corrubedo. Tamén con area fina e un espazo virxe e protexido rodeándoa. Aínda que ben podiamos deternos a reparar en que esta praia é custodio da gran duna móbil que hai no parque, un dos grandes atractivos que ten Corrubedo, sendo a maior duna que se conserva en Galicia, non imos facelo. Esquécete de todo isto e pensa nunha praia sen nome oficial, que unicamente é usada polos veciños e algúns visitantes aos que estes lle comparten o seu segredo, onde as mareas petan con forza contra os muros das casas de estilo mariñeiro que foron construídas no seu tempo en primeira liña de costa e onde só se escoita o latexo das ondas do mar contra algún que outro barco atracado na area.
Estamos a falarche da praia da Robeiriña, ou de Ribeiriña, como tamén lle chaman algúns. Con escasos 12 metros de lonxitude e 8 de anchura, cando sube a marea queda completamente inservible. Os seus maltreitos chanzos de pedra tamén quedan recubertos de auga e, coas mareas vivas do mes de agosto, esta auga mesmo pode dar o salto e adentrarse nas rúas da vila. Cómpre destacar que, para atoparse en mar aberto, ao estar ao abrigo do espigón do porto de Corrubedo, está protexida das inclemencias do tempo e dos fortes ventos que poden soprar na zona aínda en días de verán. E ollo, que non é a mesma praia que a de Robeira, que sería a súa curmá maior, situada xusto no peirao de Corrubedo, onda o faro e o centro da vila, con todos os bares e cafetarías ás súas costas. Esta é moito máis tranquila, pois carece de todo ese ruído propio da contorna urbana.
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Sada celebra que o Pazo de Meirás sexa declarado 'Lugar de Memoria Democrática'
- Atopan unha aldea sueva, cos seus enterramentos, nos montes de Casaio
- Xabier Díaz, músico: "A tradición musical e oral non forma parte dun testamento, senón que é algo vivo"
- O PSdeG pide declarar como lugar de memoria democrática o Campo de Aragón en Ourense
- Panxoliñas e cantos de Nadal, cando o solsticio de inverno dá comezo a un novo ano
- Que se fai sobre Memoria Histórica?... lembrando os tempos de cando Galicia era un referente no Estado