Por Galicia Confidencial | Lugo | 30/12/2024 | Actualizada ás 21:55
"Non hai na actualidade unha xestión completa do que significa a memoria da construción da democracia en Galicia. Estanse facendo cousas, hai accións a título individual ou por parte de institucións locais, pero moito a golpe de tirón", expón Emilio Grandío Seoane, catedrático de Historia Contemporánea da USC. Hai unhas semanas, no marco da xornada 'A xestión dos lugares de memoria da represión franquista", realizada nun espacio memorial simbólico como é a illa de San Simón, realizouse unha revisión, "incluso reseteado", do que está feito en Galicia no que atinxe á memoria histórica, tomando de exemplo o realizado noutras comunidades autónomas.
Grancío abordou o tema 'Lugares de memoria do pasado traumático na Galicia rural' ou 'Lugares e memoria democrática en Galicia' poñendo de manifesto a realización dos últimos proxectos, vencellados a lugares de memoria: "Estes realizámolos desde o grupo Hispona, baixo a miña coordinación e que pretendían, por un lado, amplificar o concepto de memoria e máis aló dos ámbitos máis violentos de dignificación das vítimas ou das fosas, amplialo cara ao concepto de memoria democrática". Porén, expón que demorado o tempo, as cuestións vanse ao concepto de memoria, primeiro histórica e agora democrática, vanse ampliando. "Houbo moita xente que traballou a favor desta democracia. Hai moito traballo de dimnificación de xente que traballou no ámbito cultural, de xénero, veciñal, no ámbito de loita incluso contra as institución pola impunidade do que significa unha ditadura", comenta.
Por outro, outra das cuestións e temporizar esa Memoria Histórica. Hai quen o circunscribe só ao tempo da Guerra Civil, outros van un pouco máis alá, durante a dictadura. Pero para Grandío é necesario ir máis alá, cando menos ata o ano 75-77. "Todos eses anos non podemos quedarnos ata o final da Segunda Guerra Mundial, non podemos quedarnos incluso no final da guerrilla. Nos anos 50, 60, 70 houbo moita presión de moitos estilos e moitos anos, xente que loitou moita xente anónima, que non se coñece e loitou pola democracia de distintos ámbitos", destaca.
OS LUGARES DA MEMORIA
E, por iso, este historiador e o seu equipo teñen xuntado máis de 300 de lugares de memoria que se poden consultar na web memoriasvivas.es. Aquí atópase unha ampla base de datos e outros recursos como guía docente, información variada, roteiros temáticos e mesmo publicacións sobre o tema.
De feito, semella que Galicia camiña nun tempo diferente nos traballos de Memoria Histórica. Mentres en Navarra e Cataluña falan xa da "xestión dos lugares de memoria", na nosa terra falamos só de "lugares de memoria". E, en parte, isto ten que ver coas cores políticas que gobernan os distintos territorios e os traballos e recursos que se adican a isto que no caso de Galicia son moi escasos. "Dá unha enorme envexa o realizado xa durante uns anos con políticas públicas estables vencelladas á dignificación das víctimas e recuperación da memoria democrática", indica Grandío.
De feito, o historiador destaca que moitos destas políticas de memoria postas en marcha noutros lugares do Estado beben do proxecto 'Nomes e Voces', no 2006, que se puxo en marcha durante o goberno bipartito do PSdeG-BNG en Galicia. "Todos eles viñeron falar co equipo de 'Nomes e voces'... Eles desenvolveron proxectos de maneira estable durante este tempo e nós so temos lugares de memoria, non temos xestión, para entendernos", suliña.
Practicamente, calquera curruncho de Galicia ten algún lugar relacionado coa Memoria Histórica. "Moitos destes lugares poderíanse personificar ou simplificar nalgún máis ou menos simbólico" porque "sae a luz unha loita pola democracia moito máis grande do que se visualiza cara ao exterior en catro, cinco, seis, dez, quince, vinte, corenta fosas excavadas", di.
OS CATRO GRANDES PROXECTOS DA MEMORIA EN GALICIA
E entre estes proxectos concretos de lugares de memoria físicos nos que se están desenvolvendo, desenvolveron ou se van desenvolver proxectos hai algúns con nome propio: Pazo de Meirás, Castelo de San Felipe en Ferrol, Illa de San Simón ou o Vello Cárcere de Lugo. A Illa de San Simón e o Pazo de Meirás para explicar o poder e a represión exercidos pola ditadura. O segundo polo recoñecemento obvio exterior, non só en España senón fora, como residencia da corte desa ditadura. "Era a capital física do estado durante os meses de verán", suliña Grandío.
A iIlla de San Simón, un dos campos de concentración máis grande na Guerra Civil, é un referente por abordar distintas temáticas da lembranza do que significan estes espazos. O cárcere de Lugo, co seu proxecto de rehabilitación, é un símbolo como centro cultural e de recuperación da memoria da represión na provincia, e o Castelo de San Felipe como lugar de lembranza dos fusilamentos e represións en Ferrolterra durante a Guerra Civil.
Pero en Galicia a memoria está en todos os recunchos, nas zonas urbanas e nas zonas rurais, ao carón do mar e nas montañas. "Se un visualiza o mapa de items e lugares, aparece o panorama de Galicia moi distinto da loita, moito máis proactivo, con accións de ambito rural, en ámbito urbano, en todos os ámbitos", destaca..
INICIATIVAS LOCAIS
Neste camiño avanzouse moito dende fai 10 ou 15 anos. Avanzouse moito no concepto de culturación democrática, de entender aqueles como parte desta sociedade aquí, a orixe de todo isto. Porén, avanzouse desde a perspectiva de iniciativas de caracter moi individual, monumentos ou localizacións ou visualizacións, lugares, feitos a través de institucions locais, asociacións, ou provinciais, derivando moito e dependendo moito dos rumbos politicos. "Hai iniciativas que tirán máis cando hai uns determinados gobernos ou outros. Non debería ser así. O que existen noutras comunidades é unha politica estable de memoria blindada porque a memoria democrática é de todos, de esquerda e de dereitas", apunta. Entre elas, iniciativas como as da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova ou Comité pola Memória Histórica do Val do Límia, entre outros.
"Fai 18 anos fomos referentes para todos estes proxectos que cuallaron e foron estables no tempo e aí se ven os resultados. Cando un vexo os resultados feitos por institucións en Navarra e Cataluña, públicas, de todos, non partidistas, dame absoluta envexa, de xeración, de cultura democratica entre xente nova, pedagoxia, que é o que fai falta, non so visualizar lugares, poñer placas, senón explicar ben de maneira ténica e con rigor", suliña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.