Así viaxou Noia a Idade Media esta fin de semana

Bufóns, pallasos e carros de leprosos animaron as rúas, creando un ambiente festivo e interactivo.

Por Elena G.Fdz | Santiago de Compostela | 20/07/2024 | Actualizada ás 23:40

Comparte esta noticia

O bulicio do século XXI desvaneceuse en Noia a pasada fin de semana, cando a cidade mergullouse na atmosfera máxica da súa esperada Festa Medieval 2024. Rúas empedradas e edificios históricos transformáronse nun escenario que evocaba os tempos de cabaleiros, damas e xograres, transportando a locais e visitantes a unha época de lenda e tradición.

Feira Medieval de Noia 2024
Feira Medieval de Noia 2024 | Fonte: Elena González - Galicia Confidencial

UN MERCADO CON SABOR A HISTORIA

Desde que chegamos a mañá do venres, o aire encheuse do son de tambores e flautas, mentres os artesáns despregaban os seus postos na Praza do Tapal e por toda a zona vella de Noia. O mercado medieval, corazón palpitante da festa, ofreceu unha ampla gama de produtos: dende finas pezas de xoiería artesanal ata armas forxadas con madeira, pasando por exquisitos queixos e embutidos curados ao estilo tradicional. O cheiro a pan e especias enchía o aire, convidando os transeúntes a deterse e gozar das delicias que ofrecían os vendedores. Un mozo do posto de churrasco cóntanos que "vimos de Andalucía, este ano empezaba a feira un día antes, e a verdade é que vai ben de xente, pero esperamos que sábado e domingo sea mellor".

Ademais, os visitantes tiveron a oportunidade de probar delicias árabes que enriqueceron aínda máis a oferta gastronómica do mercado. A maioría dos bares uníronse á festa decorando as súas terrazas con motivos medievais, creando un ambiente festivo en cada recuncho. Entre os postos tamén se atopaban coroas de flores, cervexa, sidra e hidromel artesanal. Os artesáns exhibiron esculturas de pedra, runas, obxectos de coiro, xabóns artesanais e mesmo obras de arte ao estilo medieval, achegando un toque auténtico e variado ao evento.

ESPECTÁCULOS E RECREACIÓNS QUE CATIVAN

Acotío había unha pequena banda de música, xunto con bufóns da corte realizando espectáculos polas rúas e interactuando co público. Os pallasos, rodeados de nenos fascinados, ofrecían un espectáculo de pasacalles que atraeu a numerosos pequenos e ás súas familias. Ademais, cada certo tempo pasaba un carro para leprosos, que anunciaba o perigo e facía que as persoas se apartasen entre risas e sorpresas. Unha asistenta explica que "veño todos os anos á Feira e vestida de medieval, este ano hai bastante xente, e iso que en Esteiro están cas carrilanas".

Os nenos gozaron especialmente dunha zona dedicada a eles, que incluía unha noria de madeira e un pequeno carrusel tamén de madeira, xunto con xogos tradicionais. Este espazo, situado fora da muralla que cercaba o mercado e á beira dunha catapulta, estaba sempre animado pola música que acompañaba aos xogos. Esta área de diversión ofrecía un ambiente encantador e cheo de enerxía, sendo un punto destacado para os máis novos e as súas familias durante o festival.

UN VOO INESPERADO: A BATALLA AÉREA EN NOIA

Ás sete da tarde, o esperado acto de voo de aves rapaces prometía ser un dos momentos culminantes da xornada medieval en Noia. Con todo, as gaivotas locais tiñan outros plans. Aínda que a demostración fora organizada para exhibir a maxestade e destreza das aves rapaces, o espectáculo viuse inesperadamente alterado pola intrusión das gaivotas que dominan o ceo da localidade.

Mentres os asistentes agrupábanse para gozar da exhibición, as gaivotas, claramente descontentas coa competencia pola atención, comezaron a sobrevoar a zona de voo. Os seus graznidos estridentes e as súas rápidas baixadas en picado revelaban un claro sinal de rexeitamento. A pesar dos esforzos do equipo encargado da exhibición, só puido saír ao aire o ave rapaz máis grande, mentres as gaivotas continuaban a súa agresiva vixilancia desde as alturas, marcando o seu territorio con insistencia. Un asistente cóntanos que "os paxaros xa andaban pola mañá a facer ruído, e voa que voa, á miña muller cagoulle un na espalda".

UNHA VIAXE NO TEMPO QUE NAMORA

A Feira Medieval de Noia 2024 non só celebrou o pasado, senón que tamén uniu á comunidade nunha experiencia compartida de historia, cultura e diversión. A dedicación e o esforzo dos organizadores, voluntarios e participantes víronse recompensados polos sorrisos e o entusiasmo de todos os asistentes.

Aínda que a celebración continúa cun día máis de festividades, o espírito da festa xa empeza a despedirse. Noia non só di adeus a este evento, senón que tamén promete volver o próximo ano. Coa certeza de que a festa de 2025 seguirá cativando a todos coa súa máxica viaxe ao corazón do medievo, o pobo prepárase para manter viva a tradición e a promesa de novas aventuras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta