Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 05/08/2024 | Actualizada ás 22:00
As feiras medievais e celtas están en auxe en Galicia e, se hai algo ao que todas elas están contribuíndo en gran medida, é ao apoxeo do oficio de cetreiro, tradicional na nosa terra pero que se foi perdendo co paso do tempo. Non hai evento destas características no que non haxa exhibicións de voo de falcóns e doutro tipo de aves. Pero, detrás diso que se ve tan bonito nos espectáculos, hai moito traballo de adestramento e coidado dos paxaros. Hoxe dende o Galicia Confidencial falamos con Francisco González, presidente da Asociación Galega de Cetreiros e Criadores de Aves Rapaces (AGCCA) e responsable de Falcóns Galicia, unha das entidades máis demandadas nestas feiras para facer exhibicións, que nos conta como foron os seus comezos no mundo da cetrería e como se adestra estas aves, así como todas as trabas que dende a Administración lle poñen á xente que quere comezar nesta profesión e garantir, coa súa incorporación, o relevo xeracional dunha fermosa arte. A día de hoxe xa ten todas as fins de semana ata ben entrado o mes de setembro ocupadas con eventos en Galicia, Asturias e algúns en Castela e León.
O primeiro que apunta Francisco é que "a cetraría non só se basea no adestramento para a caza coas aves de presa", senón que "tamén se emprega para moitas outras cousas". De feito, explica que "os cetreiros mesmo están implicados na proteción das aves de presa, formando parte de moitos proxectos de recuperación como os do falcón peregrino nos Estados Unidos ou os do falcón sacre en Mongolia, por nomear dous exemplos a grande escala". Ademais, asegura que "tamén están implicados en moitas pequenas intervencións, como é a inserción de falcóns peregrinos nas cidades para levar a cabo de xeito natural o control das palomas". Estas e moitas outras cousas son parte do oficio dos cetreiros, "polo coñecemento e a experiencia que teñen de convivencia con aves de presa".
Tamén hai que engadir "a cría en catividade, algo que é moi importante como reservorio natural da natureza por se nalgunha zona falla a cría natural e é preciso repoboar". De feito, Francisco conta que "os cetreiros foron pioneiros en técnicas de reprodución artificial". Por que? "Porque aínda que antes se podían capturar exemplares na natureza, hoxe en día isto xa non é así, dende que a administración protexeu ás aves e prohibiu a extración de individuos da natureza, o que obrigou automaticamente ao cetreiro a implicarse en técnicas de reprodución artificial". Para iso os cetreiros tamén deben ter uns elevados coñecementos. Para Francisco, o verdadeiro cetreiro é aquel que "coñece perfectamente a vida dos falcóns na natureza, e logo saca partido deses coñecementos cun manexo adecuado de cada especie", pois tamén hai que ter en conta que "non é o mesmo adestrar un falcón peregrino que unha águia de Harris ou un falcón sacre, por exemplo, son caracteres e costumes diferentes".
O que si asegura Francisco é que "todas as aves se poden adestrar", aínda que con algunhas leve máis traballo que con outras. No seu caso integra dentro da exhibición que leva polas feiras un corvo, un milano, que a pesares de ser unha ave de presa ten orixe carroñeira, non se empregou tradicionalmente na cetrería, pero "tamén fai os exercicios e lle ensino á xente o que é quen de facer, a que se pode adicar, de que se alimenta...". A xente queda abraiada cando o bota a voar e o ve facendo manobras no ceo. "Sabendo as súas costumes e que tecla é a que tes que tocar para que a ave poida entenderse contigo, un cetreiro é quen de adestrar calquera especie", afirma.
"CANDO FÉLIX RODRÍGUEZ DE LA FUENTE PUBLICOU O SEU LIBRO SOBRE CETRERÍA, A MIÑA IMAXINACIÓN XA SE MULTIPLICOU POR DEZ"
Os comezos de Francisco no mundo da cetrería foron dende ben novo. "É algo que xurdiu en min de forma innata, porque nin tiven tradición cetreira na casa nin ninguén ao meu arredor me ensinou o oficio ou se adicaba a isto", explica. Lembra que "eu sempre estaba mirando para o ceo e o único recordo que teño é que meus pais sempre me andaban berrando porque non atendía a ninguén, era un desastre, a verdade", chancea. Así que pódese dicir que foi un autodidacta dentro do mundo da cetrería, nun intre no que "había que buscarse a vida para aprender, non como agora que os rapaces poden buscar en Internet ou achegarse a preguntarche, eu tiña que ir aprendendo a trancas e barrancas, como ben podía, facendo as miñas cousas". O que si confesa é que "cando Félix Rodríguez de la Fuente publicou o seu libro sobre cetrería, aí a miña imaxinación xa se multiplicou por dez".
"DEIXEI TODOS OS AFORROS DA MIÑA VIDA PARA TRAERME UNHA ÁGUIA DE FORD DE INGLATERRA E TELA DE XEITO LEGAL"
Tras coñecer a unha persoa do mundiño en Pontevedra, viaxou con ela a Madrid para aprender. "E todo isto con 16 anos", lembra. Agora mesmo Francisco conta con 58, polo que verdadeiramente pode dicirse que leva toda a vida neste oficio, "toda a miña vida estiven rodeado de paxaros", afirma. Con todo, o que nunca se esquecerá será do seu primeiro exemplar de adestramento. "Por aquel entón era moi complicado conseguir unha ave en catividade, en Europa estaba comezando a facerse, pero criábanse moi poucos exemplares en catividade aínda", explica. Así que, "antes de que Inglaterra entrase a formar parte da Unión Europea (da que agora xa volve a non formar parte), fixen unha importación de terras inglesas dunha águia de Ford". "Deixei todos os aforros da miña vida en traela e en todos os permisos precisos para tela de xeito legal", confesa. Con esta Ford foi que aprendeu a adestrar.
TRES FASES: O AMANSAMENTO, O ADESTRAMENTO E O MUSCULAMENTO
E como se adestra a un destes paxaros? Pois Francisco explica que hai tres fases diferenciadas: a primeira é a fase de amansamento, na que a ave está salvaxe e o cetreiro tena que amansar, conseguindo que lle coma no puño e que non se asuste dela, creando unha confianza ave-cetreiro; a segunda fase é a de adestramento como tal, que é cando a ave xa obedece ao dono e comeza a voar ao puño a curtas distancias; e, finalmente, está a fase de musculamento, na que a ave xa voa totalmente libre e haina que preparar fisicamente para que estea en forma. Pero, como indica, "hai aves que son moito máis fáciles de adestrar que outras, que teñen maior complexidade e leva máis tempo ensinalas".
A modo de recomendación para as persoas que queiran comezar nisto da cetrería, el recomendaría a águia de Harris, porque "é fácil de adestrar e moi indicada para a xente principiante, xa que soporta moi ben os erros e non é moi esixente en canto a manutención, cousa que por exemplo un falcón xa o é máis". Así, asegura que a águia de Harris "é unha ave perfecta tanto para principiantes como para xente á que lle gusta a cetraría, pero que, por cuestións laborais ou persoais, non ten moito tempo para adicarlle, porque coa águia de Harris pode matar o gusanillo e manter igualmente ao paxaro en perfectas condicións sen ter que estar todo o tempo enriba del".
"CONSEGUIR QUE UN PAXARO FAGA OS SEUS VOOS COMO SE ESTIVESE NO MONTE CANDO ESTÁ NO MEDIO DUNHA PRAZA CHEA DE XENTE É UN RETO"
Ao preguntarlle polo reto máis difícil ao que se enfrontou dentro do oficio de cetreiro, Francisco afirma que sen dúbida foi o preparar aos paxaros para as exhibicións, porque "conseguir que un paxaro faga os seus voos como se estivese no monte cando está no medio dunha praza chea de centos ou ás veces de miles de persoas é un reto importante, non é como voala ti no monte, porque ela establece un vínculo contigo e coñéceche, pero neste caso ten que distinguirche no medio dunha feira con centos de persoas e seguir notando esa conexión que se precisa para que realice correctamente os exercicios". Ademais, tamén explica que "debe conseguirse que se comporte de forma natural, sen que se asuste nin se entreteña con outras cousas que non sexan o obxectivo".
Do mesmo xeito que mentres non se realizan as exhibicións e están pousadas para ser admiradas polo público, tamén "teñen que estar tranquilas, e non todas as aves serven para iso". "Ás veces estás adestrando unha ave e ves que non soporta ben ese ambiente, así que tela que destinar a outras cousas", explica Francisco, que asegura que "facer un equipo de exhibición de aves leva varios anos, porque non eres ti o único que decide que aves queres levar e que exercicios teñen que facer, senón que a última palabra sempre a ten o paxaro, que acepta ou non". No caso de Francisco, o cetreiro conta con 40 aves, das que algunhas as emprega en exhibicións (como a águia de Harris, a águia escudada, o búho real, o falcón xerifalte, o falcón lanario, o falcón sacre, o falcón peregrino, o cernícalo e o milano) e outras se adican a outros servizos, como control de fauna e cría en catividade.
"O ÚNICO QUE RECIBIMOS DENDE A ADMINISTRACIÓN, DESGRACIADAMENTE, SON INCONVINTES PARA PODER EXERCER A NOSA ACTIVIDADE"
Sen dúbida, dentro de todas as aves que leva ás exhibicións, se hai algunha que gusta especialmente ao público esa é o búho real, "a xente queda abraiada coa súa maxestuosidade". Pero tamén chama moito a atención un paxariño moi pequeniño que sempre resulta moi cuquiño para os máis pequechos, e que ten o nome de cernícalo americano. "É un falconciño así de pequeniño, non crece máis, é así a raza e a xente sempre me pregunta se é unha cría, pero non o é, de feito entre o tamaño do falcón xerifalta que tamén levo ás exhibicións e o deste falconciño hai unha grande variedade, cada un dos falcóns co seu cometido e misión dentro da natureza", conta Francisco.
A cetrería é un oficio que cada vez, e grazas tamén a estas exhibicións de voo en feiras, gaña máis adeptos, con todo, o presidente da Asociación de Cetreiros de Galicia lamenta que as trabas burocráticas non fan nada doado que exista un relevo xeracional. "Desgraciadamente temos unha Administración que non colabora moito coa cetrería, a pesares de que está considerada como Patrimonio Inmaterial da Humanidade, o que obriga á Administración a protexer a actividade e divulgala", afirma Francisco, que tamén anuncia que "dentro duns meses mesmo estamos traballando para que sexa declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en Galicia, título que agardamos con moita ansiedade porque entón si que a Administración vai ter a obriga de subvencionar e axudar a cetrería". Pola contra, ata o momento, "o único que temos son inconvintes para poder exercer a nosa actividade", lamenta.
"O DIÁLOGO COA ASOCIACIÓN GALEGA DE CETRERÍA PARA PODER FACER LEIS E NORMATIVAS QUE REGULEN A ACTIVIDADE É NULO"
Que tipo de inconvintes? Pois moi variados e case sempre de tipo administrativo e burocrático, porque "ás veces impóñensenos uns requisitos para exercer que non son propios da cetrería, pois non hai unha lexislación específica para iso". De tal xeito que ás veces "aínda que a min me visita moita xente interesada no oficio de cetreiro e moitos rapaces que queren ter unha ave veñen a verme con moita ilusión, non son quen de conseguir ter eles unha por todos os trámites e permisos". Por unha banda é lóxico que as aves teñan que contar cunhas instalacións e coidados adecuados, pero "ás veces piden unhas cousas que non son nin necesarias e nin sequera son boas para os paxaros, porque realmente a Administración nunca consulta con nós (os expertos na materia) á hora de facer as normativas e as leis". Así as cousas, Francisco confesa que, "aínda que me pese dicilo, moi ben non estamos nestes momentos, esa é a realidade". "O diálogo coa Asociación Galega de Cetrería é nulo e semella que tampouco hai vontade de arranxar as cousas dalgunha maneira", lamenta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.