Rosalía busca a inspiración na Ponte dos Mouros de Brión nun novo mural creado pola italiana Rame13

No marco do festival con perspectiva de xénero Delas Fest, Ginevra Giovannovi deixou a súa pegada fronte ao instituto deste concello coruñés. "Pode contribuír a que os nenos se pregunten quen era esta gran muller", desexa.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 27/07/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Dende fai cousa duns días fronte ao instituto de Brión loce un fermoso mural obra da artista italiana Ginevra Giovannoni, coñecida polo alcume de Rame13. Creado no seo do festival Delas Fest, o único festival europeo que inclúe a perspectiva de xénero á hora de representar a historia das comunidades nas que ten lugar, este mural non deixa indiferente a ninguén, por moitas razóns: o seu tamaño, os seus detalles, a súa explosión de cor e o seu trasfondo, entre outras cousas. Tras achegarnos ao lugar e comprobar en primeira persoa a grandiosidade da obra, dende o Galicia Confidencial falamos coa súa autora, que nos conta que se agocha detrás dese debuxo a viva cor.

Ponte dos Mouros en Brión
Ponte dos Mouros en Brión | Fonte: Galicia Máxica

"Intentei reunir as informacións que a min máis me sorprenderon do que me contaran sobre o concello de Brión", explica Rame13. A ilustradora, tatuadora e muralista italiana asegura que "o que máis me chamou a atención foi a figura de Rosalía de Castro, porque non chegara a entender que tan importante era para Galicia". Partindo desa base, comezou a xestar o deseño do mural, sempre coa premisa de "que fose unha cousa que tamén tería elixido ela, como escritora e muller, imprescindible para o territorio galego".

Ademais, tamén optou por Rosalía por outro motivo: "o mural está en fronte do instituto, e pensei en que lles chamase a atención aos nenos, para que se detivesen a miralo e se preguntasen que é esa muller que sae nel". Deste xeito, "profesores e pais poden contarlle a historia de Rosalía de Castro e a súa obra para que esta poida pervivir nas novas xeracións". Ginevra considera que "isto pódelles impactar más que ver o seu nome nunha rúa, rúa Rosalía de Castro, por exemplo". 

Á hora de levar a Rosalía á pintura, Rame13 explica que "tratei de imaxinar unha Rosalía un pouquiño máis moza da que temos nas fotos que se conservan dela". Así, no mural pódese observar a unha Rosalía na súa mocidade, sentada á beira dun río e facendo o que máis lle gustaba: escribir. Agora ben, o lugar no que se atopa sentada non é calquera lugar, senón a Ponte dos Mouros, pertencente a este municipio e lugar ao redor da cal se xestaron moitas lendas sobre esas fermosas mulleres de longos cabelos vermellos e pel pálida que habitaban baixo a auga da terra galega.

Para a artista italiana era unha idea bonita "que Rosalía fora a esa ponte a buscar inspiración, a preguntar ás mouras". Confesa que xa lle dixeron que as mouras non viven na superficie, senón baixo o río, "pero parecíame un pouco escuro que saíse de aí a moura, entón púxena na superficie, pero esa era a idea, a dunha moura que se achega a Rosalía para levarlle a inspiración". E é que, como lembra Rame13, "a Rosalía encantáballe a natureza e falar cos campesiños, porque a súa narrativa tamén denuncia a forma de vida da nobreza e o seu estado".

Mural de Rame13 en Brión no marco do festival Delas Fest
Mural de Rame13 en Brión no marco do festival Delas Fest | Fonte: GC

Precisamente para recoller tamén esa idea, Ginevra optou por "vestir a Rosalía cos traxes típicos dos campesiños galegos". "Ela non vestía así, vestía como a muller nobre que era, pero pensei en trasladar deste xeito eses temas tan importantes que ela trataba, moi raros nunha muller do seu nivel social, e a mellor maneira pareceume poñéndolle a roupa dos campesiños", confesa a muralista. Finalmente, o monte tiña que estar presente no fondo, porque "cando cheguei a Galicia eu mesma me sorprendín de cando verde ten, é máxico, incríble, fermoso e unha parte moi poderosa do territorio, así que tiña que estar no mural".

Rame13 confesa que tan pronto como lle xurdiu a oportunidade de participar no Delas Fest non o pensou: "Estaba moi feliz, seguíao dende fai moito tempo e sempre me pareceu un bo proxecto, así que fíxome moita ilusión poder participar nel". O Delas Fest destaca a relevancia do arte e pretende construír espazos colectivos de liberación e experimentación, sempre con perspectiva de xénero para combatir as desigualdades no sector cultural. Agora, despois de estar pola nosa terra estas semanas, Ginevra xa pon rumbo Irlanda para comezar un novo proxecto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta