'IRIBARNE' gaña o Premio do Público da MIT 2024

A obra de ButacaZero, en coprodución coa MIT e o CDN, consolida a Esther Carrodeguas como unha das dramaturgas máis destacadas do teatro galego contemporáneo. Por outra banda, o 19º Premio Abrente de textos teatrais foi para Alberto Ramos coa súa obra 'Os servizos prestados'.

Por Galicia Confidencial | Ribadavia | 01/08/2024 | Actualizada ás 10:45

Comparte esta noticia

O Xurado do Premio Abrente de 2024, composto por Nerea Brey, actriz e dramaturga premiada en 2023, Rubén Porto actor e Marcos Alonso, membro da Sala Ártika e Roberto Pascual, Director Artístico da Mostra Internacionald de Teatro de Ribadavia, decidiron conceder por unanimidade o Premio Abrente desta 40ª edición da MIT ao texto titulado "Os servizos prestados", unha obra de Alberto Ramos Ríos.

A obra Iribarne na MIT de Ribadavia. Foto: Org.
A obra Iribarne na MIT de Ribadavia. Foto: Org.

"A obra destacou polo seu interese social, con posibilidade de xerar debate arredor da explotación e da autoexplotación laboral e o risco que conleva de perda de dereitos da clase traballadora conquistados historicamente. Tamén transcende o texto ao ámbito afectivo, á perda de vínculos de amizade por motivos de relacións laborais", comentan dende a organización da MIT.

Tamén destacan na obra os cambios de personaxes, o ritmo, a ruptura da cuarta parede e o pertinente uso de metáforas. Recursos compositivos que lle conceden ao texto moito interese escénico e calidade artística.

Alberto Ramos é escritor e xornalista, estreouse como dramaturgo co Premio Rafael Dieste en 2023 e na actualidade traballa para a Asociación de Actores e Actrices de Galicia na área de Comunicación.

PREMIO DO PÚBLICO

Por outro lado, o Premio do Público recaeu por escasas décimas no espectáculo Iribarne, unha sátira política de excelente dramaturxia e interpretación e que se converteu nun dos espectáculos galegos máis valorados na historia deste festival internacional e que consolida a Esther Carrodeguas como unha das dramaturgas máis destacadas do teatro galego contemporáneo.

Un momento de 'Iribarne' na MIT de Ribadavia 2024. Foto: Org.
Un momento de 'Iribarne' na MIT de Ribadavia 2024. Foto: Org.

As votacións dos espectáculos desta edición estiveron moi equilibradas e a satisfacción do público quedou de manisfesto consolidando a este como protagonista indiscutible. "Un público experimentado e aberto á innovación á que se acostumou cunha Mostra esixente, aberta e moi internacional nestes últimos anos baixo a dirección de Roberto Pascual", comentan finalmente dende a organización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta