Por Galicia Confidencial | Allariz | 06/08/2024 | Actualizada ás 09:00
Zinemusik e Escena Sonora, coa colaboración do Concello de Allariz e a Deputación de Ourense, son os organizadores do RIR, Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia.
Curtas de humor de diferentes países e actividades paralelas como espectáculos teatrais e musicais farán que os espectadores poidan gozar ao máximo deste evento tan especial. Este ano recibíronse un total de 291 curtametraxes de comedia, das cales 35 están finalmente na Selección Oficial.
A VII edición arrincará o domingo 1 de setembro coa proxección das curtametraxes premiadas na edición anterior, permitindo ás persoas asistentes gozar novamente destas obras destacadas. Como é tradición, presentaranse catro bloques de curtametraxes de 75 minutos cada un, incluíndo un bloque dedicado exclusivamente a curtametraxes documentais. Os outros tres bloques combinarán ficción e animación, garantindo unha variedade de xéneros para todos os gustos. O xurado, encargao de elixir as curtas gañadoras, comporase por estes tres membros: Victoria Teijeiro, Luis Iglesias e Atenea Mata.
O xoves 5 os máis pequenos poderán gozar dunha actuación especial na Praza do Matadoiro co espectáculo "Ritmando" de As Jalochas, e o venres 6 farase a gravación en directo do podcast "Bueno Carallo Bueno" --de Silvio Falcón e Alberte Montes-- e unha charla coa xornalista María Aller sobre "A comedia de guerrilla", xunto a produtores e o actor Gerald Fillmore.
O sábado 7, xornada final e máis completa do festival, comezará coa sección "Festival Amigo Convidado" que contará coa presenza do FICAR Entrimo, seguido pola presentación oficial do libro "Memorias de un cinéfilo sarnoso" por Gerardo Sánchez, director de "Días de cine". A tarde traerá a estrea de dúas webseries, "Pulp Air" de Anita Pico e "Poscoito" de Héctor Rodríguez, ademais dunha proxección especial polo 20º aniversario da curtametraxe "Toxic Percebe" coa presenza dos seus creadores e protagonistas.
A clausura do festival celebrarase cunha gala especial, transmitida en directo a través de YouTube, conducida este ano polo humorista Avelino González. Nesta gala entregaranse os premios do festival.
'PREMIO RIR CONTIGO' PARA MIGUEL DE LIRA
O premio RIR Contigo, que se outorga para premiar traxectorias dedicadas á comedia, concédeselle este ano ao actor galego Miguel de Lira, en recoñecemento á súa extensa traxectoria na comedia. En edicións pasadas foron premiados Carlos Blanco, Luis Davila, Xosé A. Touriñán, Isabel Risco ou Manquiña na edición pasada.
SUSTENTABILIDADE E COMPROMISO SOCIAL
A Alcaldesa do Concello de Allariz, Cristina Cid, ademais de sinalar a importancia do Festival RIR para a cultura e para a economía local, subliñou o crecemento axeitado do mesmo destacando o seu desenvolvemento consciente, cun enfoque na responsabilidade social corporativa e na sustentabilidade.
O evento está por terceiro ano dentro do Pacto de Cultura Sostible e dende a organización estase a traballar tamén para intentar reducir o consumo de pásticos e envases dun só uso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.