Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/08/2024 | Actualizada ás 12:46
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o vicepresidente segundo do Comité de Asuntos Constitucionais do Parlamento Europeo, Adrián Vázquez, mantiveron unha reunión recentemente na que coincidiron na necesidade de dotar de seguridade xurídica ao sector eólico en Galicia.
Durante o encontro, tal e como trasladou a Xunta nunha nota de prensa, a conselleira lembrou que o Executivo autonómico "sempre aplicou de maneira estrita" a lei estatal básica de avaliación ambiental durante a tramitación dos seus parques eólicos. De feito, engadiu, o Tribunal Supremo "avaliou a actuación do Goberno galego de tramitar de forma simultánea os procedementos de consulta e información pública ao anular as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), nas que argumentaba que primeiro se terían que solicitar os informes sectoriais, e, a continuación, trasladarllos á cidadanía".
Así, ante a decisión do TSXG de presentar ante o Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea (TSJUE) unha cuestión "prexudicial para clarificar esta cuestión xurídica", o Goberno galego insiste na necesidade de que este procedemento se tramite pola vía de urxencia "para axilizar a súa resolución e evitar a paralización que supón para os proxectos eólicos tramitados tanto pola Xunta como pola Administración do Estado".
Nesta liña, Ángeles Vázquez e Adrián Vázquez incidiron en que a normativa europea considera que os proxectos de enerxías renovables "son de interese público superior ao asegurar o abastecemento enerxético e coadxuvar á descarbonización", polo que "fai falta unha resolución urxente do tribunal europeo que estableza criterios claros de tramitación e outorgue seguridade xurídica a un sector que é clave na protección do medioambiente e no obxectivo de alcanzar a neutralidade climática canto antes".
Ademais, a conselleira informou ao vicepresidente segundo do Comité de Asuntos Constitucionais do Parlamento Europeo de que o próximo mes de setembro manterá en Bruxelas unha rolda de contactos con varios representantes comunitarios aos que lles trasladará "o compromiso do Goberno galego de continuar garantindo un modelo eólico ordenado que se desenvolva desde a máxima transparencia e participación e que estea avalado por unha rigorosa tramitación ambiental".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.