O 90 % das mulleres durante o embarazo ten intención de dar o peito, pero só o 30 % chega aos seis meses facéndoo

Dende a asociación Arrolos de Teta Parvati Devi lamenta que "no sistema sanitario hai un buraco enorme no que respecta ás pautas para a lactancia materna". Tamén denuncia o problema dos permisos de maternidade, pois "a OMS di que un bebé debe lactar durante os 6 primeiros meses, pero os permisos duran 16 semanas".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 07/08/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Aínda que ás veces nos esquezamos, os seres humanos somos mamíferos, é dicir, somos animais. As normativas sociais que rixen a nosa conduta e nos axudan a vivir en comunidade ao tempo que nos restrinxen certas liberdades en favor dun ben común (ou non) fan que non nos demos conta que as nosas necesidades básicas son as mesmas que as de calquera outro organismo vivo. Dentro desas necesidades e desas características intrínsecas ao humano está a lactación materna, o feito de que unha nai dea o peito e amamante ao seu bebé, como fan as demais especies de mamíferos coas súas crías. A lactación materna foi decaendo a comezos da década dos 2000 cando a incorporación xeralizada da muller ao mercado laboral e a redución do tempo dispoñible para alimentar ao bebé se impuxeron fixeron preciso para moitas botar man da leite artificial e do biberón, non tanto por decisión propia como imposta pola necesidade.

Lactancia materna
Lactancia materna | Fonte: RTVE - Arquivo

Afortunadamente, a día de hoxe, como explica ao Galicia Confidencial dende a asociación Arrolos de Teta Parvati Devi, "a lactación materna está retomándose moito, as mulleres manifestan as súas ganas de dar a teta", apuntando que "agora hai moita información durante o embarazo e na sociedade en xeral que apoia esa reconexión coa natureza". Ao final, como indica, "somos seres mamíferos e precisamos a lactación como calquera outro mamífero". Dende ese punto de vista si que asegura que hai unha volta á lactación materna, "unha reconexión cara o que sentimos que precisamos", algo que tamén se pode ver nas estatísticas: un 90,7 % das mulleres teñen intención de dar o peito cando se quedan embarazadas. Cal é entón o verdadeiro problema a día de hoxe? Porque todos sabemos que non hai 9 de cada 10 mulleres dando o peito ás súas crianzas.

"O moi sorprendente e moi frustrante para nós é que, no día a día, o 'feedback' que nos dán as nais é que hai un enorme buraco no sistema sanitario no que respecta ás pautas para a lactación materna", denuncia Devi, que por o exemplo de que, no caso concreto do hospital de Ourense, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), "supostamente hai xente formada en lactación materna, pero a realidade é que non hai o asesoramente nin o apoio preciso ás mulleres que queren dar o peito ao seu bebé, habendo moitísimos obstáculos". Tantos obstáculos que as estatísticas amosan que só o 30 % dese 90 % de mulleres que elixira aleitar ás súas crianzas chega aos seis meses de vida do bebé dándolle o peito. Así as cousas, "estamos nun momento no que o lóxico e natural é querer dar a teta, pero tamén nun mal momento a nivel de cultura e apoio á lactación materna", de tal xeito que "se lles nega ás mulleres o dereito que teñen a escoller a forma na que queren alimentar aos seus bebés", ao igual que "se lles nega ás crianzas o dereito a recibir leite materno".

"A LACTACIÓN MATERNA XA NON ESTÁ NO IMAXINARIO COLECTIVO, AGORA ESTÁ DAR O BIBERÓN, E DAR A TETA É MOI DIFERENTE"

E é que aínda que a lactación é algo innato e natural do ser humano, "sobre todo para os bebés, que semellan xa vir programados para iso sen que ninguén lles ensine", Devi apunta que "para as mulleres humanas e tamén outras nais mamíferas como os gorilas, é algo condutual tamén", é dicir, "é algo social que aprendemos do resto de nais que vemos ao longo da nosa vida aleitar". Pero ver hoxe a unha nai aleitando ao seu bebé non é o máis habitual, pode que haxa nais primerizas que non visen a unha na súa vida. "Vivimos nunha sociedade na que estamos tan illadas que ao final cada unha fai a súa crianza na casa entre catro paredes e practicamente a turnos co outro proxenitor, polo que se perdeu ese ver como se transita a lactación, como se colle un bebé á teta, que pasa cando ten unha fase de crecemento na que se altera o patrón de succión e pide alimento todo o tempo", explica Devi, que asegura que este último caso "as nais sempre o adoitan acusar a que acontece algo na teta, cando en realidade forma parte do proceso de crecemento do bebé", pero "é algo que non saben porque a lactación materna xa non está no imaxinario colectivo".

Lactancia materna
Lactancia materna | Fonte: Arquivo

Pola contra, en lugar diso, "o que temos no imaxinario é como se dá un biberón, aínda que tampouco é moi correcta a imaxe que temos, pero ao final pensamos sempre nun bebé tumbado no brazo da nai ao que lle cae algo dende arriba, cando dar a teta é moi diferente a iso". Por iso, para Devi está claro que, para suplir esa falta de información, "é preciso asesoramente á hora de explicar ás nais como se agarra o bebé á teta, que pasa se doe, que pasa se está moi lonxe, se se descoloca, se hai algo na súa boca que non lle permite mover a lingua da forma que a ten que mover... Todo isto tería que ser observado e acompañado polo persoal sanitario no purperio inmediato, nada máis nacer, no parto, na sala de espertar e nas consultas de pediatría". Sen embargo, moi ao contrario, "o que nos atopamos en todos estes lugares son moitísimas deficiencias e unhas carencias moi grandes".

"MOITAS MULLERES PASAN POR UN DUELO GRANDE CANDO SE REINCORPORAN AO TRABALLO: O BEBÉ PRECISA DELAS E ELAS PRECISAN DO BEBÉ"

Outra das grandes problemáticas actuais é a rápida reincorporación da muller ao mundo laboral tras o parto. "Temos un problema moi grande con iso", confesa Devi, que explica que "os permisos que existen a día de hoxe non seguen ningunha das recomendacións realizadas por todos os organismos oficiais da saúde, incluída a Organización Mundial da Saúde (OMS), e que falan de que debe haber mínimo seis meses de lactancia materna exclusiva". Isto é algo imposible para as mulleres cando se teñen que reincorporar ao traballo tras 16 semanas (catro meses), o que lles obriga "a facer malabares se queren mantela". Tamén lamenta que os permisos de maternidade e paternidade sexan instransferibles, porque "realmente nesas idades o bebé o que precisa é da súa nai, e hai evidencia científica diso, porque o bebé nos primeiros 9 meses precisa o corpo da nai practicamente igual que cando estaba dentro dela". Entón, como é posible que só se lles concedan ás nais 16 semanas para poder adicarse ás súas crianzas en exclusiva? E iso sempre que a muller estea dentro do réxime específico, porque se é autónoma a cousa aínda se lle complica máis.

Así as cousas, dende a asociación Arrolos de Teta "estamos nunha loita constante contra unha sociedade na que non podemos exercer os nosos dereitos e na que os dereitos das persoas nada máis nacer xa non son respectados, na que non se respecta a súa necesidade de ter dispoñible o leite ou o corpo onde se xestou e onde necesita seguir formándose". Deste xeito, "ao final o que acontece é que moitas veces as mulleres pasan por un proceso de duelo moi grande cando se reincorporan ao traballo, ao ver que o bebé as necesita moito e elas tamén o necesitan a el (porque hai unha codependencia), pero non poden estar xuntos". Como apunta Devi, "a natureza danos hormonas ás nais para que nos sintamos tamén realizadas cando aleitamos ao bebé e tranquilas ao estar ao seu carón sabendo que se atopa en bo estado". "Universalizar este tipo de permisos a tan curto prazo fai que as mulleres teñan que recorrer a biberóns e facer cousas extrañas coa lactación ao non gozar de facilidades mínimo durante eses 6 meses que determina a OMS", critica.

"A LACTACIÓN MATERNA XA NON É UNHA ESCOLLA, É UN SACRIFICIO: AS NAIS SEMPRE TEMOS QUE ESTAR DECIDINDO ENTRE MATERNIDADE OU PRECARIEDADE"

Pois, se ben é certo que hai alternativas como por exemplo a redución da xornada laboral, isto conleva "que a lactación materna xa non sexa unha escolla, senón un sacrificio", pois "a redución de xornada implica menos horas de traballo e, polo tanto, menos cartos que entran na casa", de tal xeito que "ao final as nais sempre temos que estar decidindo entre maternidade ou precariedade". As que apostan por non negarlles aos seus fillos a lactación materna, que debería ser o natural, o que non habería que negarlles polas circunstancias externas impostas, "viven empobrecéndose cada vez máis". Todo isto conleva, como é lóxico, unha presión psicolóxica moi grande sobre esas nais que acarrea problema de saúde mental máis ou menos serios, a curto ou a longo prazo.

"NON SE DEBE PUBLICITAR EN NINGÚN LUGAR A BEBÉS MENORES DE 2 ANOS, MÍNIMO, TOMANDO OUTRA COUSA QUE NON SEXA O LEITE DA TETA DA SÚA NAI"

Así mesmo, cada vez é menos habitual ver a unha nai dando o peito ao seu bebé xa non só na rúa, senón nos propios medios audiovisuais e na publicidade, onde o que si aparecen con relativa frecuencia son comerciais de leite industrial e de nais dando o biberón aos seus fillos. Para Devi "isto é vulnerar os dereitos de toda a sociedade", asegura, porque "as leis están establecidas dende hai moitos anos e hai un código relativo a sucedáneos do leite materno que protexe que todas esas imaxes non se transmitan, para que iso de dar o biberón non sexa o que se instale no imaxinario colectivo e para que non se sobreentenda en ningún caso que o leite artificial é igual ao materno, porque non o é". Con todo, concede que si que "o leite artificial axuda un montón cando é preciso e hai familias que non teñen outra alternativa", pero, neste caso, "o que hai que protexer é precisamente aquilo que está en déficit por todos os obstáculos que se lle poñen, e iso é a lactación materna".

E, para protexela, "non se debe publicitar en ningún lugar a bebés menores dos 2 anos, como mínimo (marcado pola OMS), tomando outra cousa que non sexa o leite da teta da súa nai". Pois a cuestión non é algo baladí, senón que ten unha grande importancia, xa que "esa lactación vai protexer a toda a sociedade". "É unha cuestión de saúde pública", asegura Devi, que explica que "os bebés que tomen leite materno van estar máis sans e van asegurar uns valores que os situarán máis lonxe de enfermidades como a diabetes ou o cancro, cuestións que xeran moito gasto sanitario". Do mesmo xeito, tamén a lactación materna protexe ás nais de enfermidades como o cancro de ovario ou de útero. No caso concreto de Ourense, onde está a taxa de lactación materna máis baixa de toda Galicia, "calcúlase que uns 350.000 euros ao ano se van en gasto sanitario por máis ingresos e máis patoloxías en crianzas que non están tomando o leite das súas nais". 

"SE SE DI QUE UN BEBÉ DEBE LACTAR ATA OS 6 MESES, POR QUE VENDEN NOS SUPERMERCADOS OUTROS PRODUTOS QUE POÑEN APTOS A PARTIR DOS 4?"

A día de hoxe todos nos percatamos de que os nenos (e os xa non tan nenos) manifestan intolerancias e trastornos alimentarios que antes non acontecían. O por que pode ter moito que ver, entre outras cousas, coa lactación materna. Como explica Devi, "a lactación materna, unha das características máis importantes que ten, é que debe ser a demanda, porque o bebé está conectado co que sinte, coa súa fame e o mecanismo de sacidade, para de comer cando non quere máis e pide comida cando quere comer". "Se seguimos esa demanda, conforme vamos ofrecendo eses alimentos industriais todo o tempo ao neno ou nena, veñen os problemas", apunta, pois "non é o mesmo que o bebé coma constantemente alimentos saudables como o leite da súa nai, que que coma produtos que levan, entre outras cousas, azucres e conservantes". E é que as pautas que se dán dende a sanidade son de que se debe dar o biberón cada tres ou catro horas, e que o neno ten que tomalo todo, polo que "se perde calquera conexión co mecanismo interno que regula a súa fame de xeito natural".

Deste xeito, "os nenos tragan, tragan, tragan ata que están tan cheos que é perigosamente fácil sobrealimentar a un bebé e que ese bebé, ata que non ten o estómago inflado con leite industrial ou con papilla, non pare de comer". Neste punto entramos en riscos de sufrir patoloxías como a obesidade ou a diabetes. "Se a iso lle sumamos que enseguida os nenos entran a consumir produtos con moito azucre e conservantes, xa temos o problema montado", explica Devi, que tamén critica que non se cumpran as leis que din que eses produtos deseñados para nenos non deberían levar bonequiños, para non chamarlles dese xeito a atención. Ademais, pregúntase por que "se se di que un bebé debe lactar ata os 6 meses, nos supermercados venden outros produtos que poñen aptos a partir dos 4 meses? Todas estas cousas son azucres que van entrando e creando adicción, modificando a bioquímica das crianzas". Así é como se crea unha sociedade como a actual, con moitas máis papeletas para ter todas as enfermidades que xa están afectando aos nenos actualmente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta