Por Galicia Confidencial | A Coruña | 16/12/2015 | Actualizada ás 12:39
A compañía de distribución Vegalsa Eroski acaba de anunciar a implantación do leite 'Campobueno Galego 100%' en todos os seus establecementos. Unha marca que tenta, segundo a empresa, “ofrecer ao consumidor un produto que achega un diferencial a favor do sector lácteo galego”.
Este leite é envasada por Leite Celta, comercializada por Iberleche, e está certificada polo LIGAL (Laboratorio Interprofesional de Galicia). A marca estará totalmente implantada ao longo desta semana nos supermercados Eroski Center, Eroski City, Familia, e os establecementos almacenistas Cash Record e Hipermercados Eroski de Galicia.
Segundo informa esta empresa nun comunicado, a súa oferta da nova marca de leite é a aposta estratéxica desta marca "conscientes da importancia da produción e comercialización láctea para Galicia". Con esta decisión a compañía pretende incrementar o consumo de leite galego certificada como "100 % Galego", coa inmediata diminución da comercialización de leite de fóra de Galicia.
Ademais busca tamén que os propios gandeiros galegos se beneficien “da maior valorización que leva consigo a marca Galega 100%" e que os consumidores “gocen da mellor oferta do mellor leite de Galicia, e non sexan motivados a adquirir leite doutras procedencias”.
Pero que hai detrás deste conglomerado de empresas?. Vegalsa, orixinalmente unha distribuidora cun capital 100% galego, foi mercada nun 50% pola cooperativa multinacional vasca Eroski. O leite, será envasado por Leite Celta, que é propiedade do grupo portugués Lactogal. Precisamente, este verán este grupo decidiu poñer a distribución dos seus produtos en mans do grupo Carreras, con sede en Zaragoza, o que afectou a sete pequenas pemes galegas que distribuían a mecadoría desde a súa planta de Meira.
Iberleche, a comercializadora, tamén é propiedade de lactogal. Este verán, a Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa), controlada por Central Lechera Asturiana, anunciou que distribuiría os seus produtos de marca branca a través de Iberleche, en cuxo accionariado está a compañía asturiana, xunto con Leite Celta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.