Rueda defende a "aposta" da Xunta pola denominación Ribeira Sacra ante o anuncio de protestas

Insiste nas axudas para o sector con convocatorias "inminentes".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 04/09/2024 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, reivindicou as axudas da Administración galega para os viticultores da denominación de orixe da Ribeira Sacra, mentres estes manteñen o seu calendario de mobilizacións por consideralas insuficientes. "Creo que polo menos na súa maioría son conscientes da aposta que está a facer a Xunta, con cantidades importantes para axudar", expuxo Rueda nun acto no Carballiño, onde subliñou que "cando se produce unha situación de urxencia aí está a Xunta de Galicia".

Neste sentido manifestou que "ninguén pode negar esas axudas" coas "convocatorias inminentes que se van a facer", lembrando que "son máis de dous millóns por unha banda" e "tamén axudas para a vendima para todas as denominacións de orixe" e tamén para a Ribeira Sacra. Ademais sinalou que a destilación de crise vaise a pagar con fondos propios da Xunta, o que "demostra que somos conscientes de que existe un problema e temos que axudar". Con todo, fixo un chamamento á "responsabilidade", indicando que "todos debemos ser responsables e expornos por que se está dando esta situación" e "por que é necesario na Ribeira Sacra facer estas actuacións".

Tamén considerou necesario "pensar no próximo ano". Así, asegurou que Galicia "ten un tesouro" que "son as cinco denominacións de orixe" e "hai que mantelas". Ademais, lembrou que no caso da denominación da Ribeira Sacra "está moi vinculada co que ten que ver coa declaración que se espera de Patrimonio da Humanidade". "Todo isto hai que polo enriba da mesa, pero o que non se pode é non tomar ningún tipo de decisión, non facer ningún tipo de reflexión e que sexa a Xunta a que cada vez teña que tomar medidas excepcionais, iso non lle convén a ninguén e, por tanto, o que pido é responsabilidade", manifestou Rueda.

Tamén apuntou aos partidos da oposición, aos que dixo que escoitou dicir que a Xunta "puña parches". "Se iso quere dicir que este ano actuamos como había que actuar, estamos de acordo", expuxo antes de pedirlles que "nos acompañen na decisión de seguir mantendo a viabilidade da denominación de orixe Ribeira Sacra". Con respecto á recollida da uva, que noutras comunidades autónomas está incluída na destilación de crise, Rueda sinalou que "sempre hai que aspirar a máis", pero tamén que o esforzo da Xunta nesta vendima "está fóra de toda dúbida" e que cada comunidade "terá a súa propia idea de enfocar os seus problemas". "Creo que a nosa é eficaz e creo que é moito mellor mirar cara a dentro, ver as cousas que hai que cambiar e non estar a ver o que fan outras comunidades autónomas con outros condicionantes", concluíu.

Vendima
Vendima | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta