Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2024 | Actualizada ás 13:28
Unións Agrarias advertiu de que o próximo 20 de setembro mobilizarase en Santiago de "non concretarse de maneira urxente" un panel de medidas que "atallen o descontrol" da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE), que está a levar a unha "situación límite" as explotacións de vacún de carne e leite de Galicia.
A organización lembrou, nun comunicado, que o próximo 8 de setembro finaliza a prórroga que permite o movemento de animais sen estar vacinados contra a doenza da lingua azul, polo que todas as explotacións que teñan animais afectos pola EHE e por tanto "non poidan vacinar" contra a lingua azul, "quedarán bloqueadas semanas coas perdas" que iso leva para cada granxa.
"A falta de protocolos claros por parte da Consellería do Medio Rural e na xestión da EHE e doutra banda a inacción tanto da Xunta como do Ministerio de Agricultura á hora de publicar as axudas está a levar a 27 comarcas gandeiras a unha situación límite", alertou as UUAA. A organización instou á Xunta a actualizar os importes das indemnizacións por EHE de forma que cubran tanto a totalidade dos custos ocasionados polo tratamento desta doenza como á desinfección nas explotacións, os abortos e o lucro cesante.
VACINA COMO ÚNICA FERRAMENTA
Por outra banda, a Asociación Agraria de Galicia explicou que as vacinas son "practicamente a única ferramenta" para loitar contra as enfermidades vectoriais e de natureza multi-hospedador, como son a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) ou a lingua azul, segundo subliña a Organización Colexial Veterinaria (OCV).
Ambas son enfermidades compartidas por rumiantes silvestre e domésticos, transmitidas por pequenos díptero do xénero Culicoides, con presenza en España e xa en Galicia. Por iso, con respecto á EHE, Asaga considerou prioritario vacinar á gandaría de bovino das provincias do norte do país "máis afectadas na actualidade" (as catro de Galicia, León, Asturias e Cantabria).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.