PPdeG e PSdeG insisten en que os seus resultados en Galicia non son malos

Os populares cren que o seu "negativo" resultado é "razoablemente mellor" que en España. Os socialistas ven “moi positivo” o resultado porque avance que o “cambio é posible” nas autonómicas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/12/2015 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

PPdeG e PSdeG insisten en manter que os resultados obtidos nos comicios do 20D non son malos, a pesar de que os primeiros deixaron polo camiño 15 puntos e 260.000 votos e os segundos, catro puntos e 110.000 papeletas. E é que este luns de resaca electoral, dirixentes dos dous partidos repetiron a mensaxe oficial dada durante a noite electoral.

José Ramón Besteiro e Alberto Núñez Feijóo nunha xuntanza na que falaron sobre corrupción
José Ramón Besteiro e Alberto Núñez Feijóo nunha xuntanza na que falaron sobre corrupción | Fonte: Xunta

Así, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy,  aínda que admitiu que o resultado é "negativo, en termos obxectivos", considerou a que "é razoablemente mellor" que no resto de España. “Os resultados dan marxe para pensar que o PP pode seguir á fronte do Goberno galego, con tendencia á alza, posto que se se extrapolan os resultados non daría unha maioría conformada polas mareas máis o Partido Socialista", indicou, sen aludir ao voto de Nós.

Por iso, dixo, "a única conclusión é que os populares seguirán con reformas de ideas e equipos para axudar á estabilidade do próximo goberno en Galicia”. E, neste sentido, criticou a Ciudadanos, formación que “lle fixo perder” tres escanos aos populares.

En todo caso, puntualizou que "algunhas das circunstancias que fixeron abandonar aos electores" populares o seu apoio ao PP nas xerais "non se dan" no contexto autonómico. E foi máis alá, ao comparar a política de comunicación de Feijóo e Rajoy. “A política de comunicación é mellor en Galicia que en España, xa que na Comunidade non hai un presidente do Goberno que non compareza ante os medios", dixo.

PSdeG-PSOE

Pola súa banda,  o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, volveu insistir este luns no que xa dixo logo da noite electoral; que os resultados do seu partido “son moi bos” e demostran que "efectivamente o cambio é posible" nas próximas eleccións autonómicas.

Así, destacou que, a pesar de perder votos e a segunda posición en favor de En Marea, logrou reter o seis escanos que xa tiña en 2011. Por iso, insistiu en que, tras o acontecido este domingo “o cambio é posible porque o PP afundiuse absolutamente, ao perder cinco dos 15 deputados cos que contaba”. “Quen sae danado nestas eleccións é Feijóo", dixo Besteiro, xa que, repetiu “tivo os peores resultados do PP en democracia" e "iso tamén o saberá ver a xente".

Tamén volveu repetir que non perdeu a segunda posición porque, indicou, En Marea é unha coalición entre Anova, Esquerda Unida e Podemos que se viu favorecida polos antigos votantes do BNG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 pin

Tendo en conta como colleron o país deixarono na ruina os resultados son bos. Gástase en so dous organismos que reparten subvencións a mesma cuantía que conceden nas mesmas. E ainda por riba dous dos responsables son os que poñen os criterios ....todo moi profesional. Despois falamos de sicav que tributan en Madrid, ou sedes na capital van a ser subvencionadas igualmente.