Por Galicia Confidencial | Vilagarcía de Arousa | 13/09/2024 | Actualizada ás 11:13
A segunda xornada do Revenidas, a do venres 13, conta con dous concertos de despedida, o de La Pegatina e o de García MC e Nación Quilombo. O grupo catalán, todo un clásico en Vilaxoán, anunciou este ano que se tomarían un descanso temporal despois de 21 anos de traxectoria, polo que o do Revenidas (22 h), para o que anuncian colaboracións sorpresa, será os seu último concerto nun festival en Galicia. No caso do rapeiro galego, o anuncio é de que o proxecto Nación Quilombo desaparece definitivamente, polo que o Revenidas (18.30 h) será a derradeira ocasión para escoitalo.
Outra das presenzas destacadas do venres é a de Fillas de Cassandra, o grupo galego revelación deste ano, que nesta edición soben ás 19.30 h ao escenario principal. A proposta galega do venres complétase con Lontreira (20.45 h), outras das bandas máis en auxe da escena galega.
A xornada complétase cos concertos dunha artista que é referencia fundamental da fusión da música urbana e o compromiso social e feminista, como é a Miss Bolivia (23.40); dun grupo fundamental para entender o punk rock evolucionado, como son os sevillanos Narco; co combo barcelonés de fusión Muyayo Rif (2.05 h); os vascos ETS (En Tol Sarmiento), que son o grupo en euskera máis stremeado en Spotify; o enérxico dúo Serial Killerz, que serán os encargados de pechar a xornada a partir das 03.05 h, e, por suposto, A Duendeneta, que fará dúas sesións, ás 18.00 e ás 21.35 h.
ESTREA DO DOCUMENTAL DE DAKIDARRÍA
A xornada do venres acollerá o venres a preestrea absoluta do documental “Seguimos en Pé!”, que recolle o concerto especial que Dakidarría ofreceron no festival de Vilaxoán en 2023, no que participaron máis de 50 artistas convidados, así como outros momentos da xira ‘XX Aniversario’.
A proxección do documental terá lugar ás 13h do venres no Centro Sociocultural e Deportivo de Vilaxoán e contará con varios dos compoñentes do grupo que charlarán co público e comentarán curiosidades da película. A preestrea rematará cun pequeno concerto en acústico de Dakidarría.
A entrada, tanto para a proxección como para o concerto, é de balde ata completar aforo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.