Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2024 | Actualizada ás 14:34
O Goberno galego analizou este luns o informe da Consellería de Sanidade que recolle a nova estratexia de vacinación fronte ao virus do papiloma humano (VPH), que se amplía na comunidade. Segundo avanzou o presidente, Alfonso Rueda, a partir deste mércores vacinarase a todos os homes adolescentes de entre 15 e 18 anos
Na súa intervención, lembrou que a vacinación contra o VPH arrincou en Galicia no ano 2008 e foise incorporando progresivamente ata que no ano 2022 decidiuse vacinar a todos os nenos que naceran a partir do ano 2010. O novo paso amplía a inmunización a todos os nados entre 2006 e 2009, é dicir a quen hoxe son adolescentes de entre 15 e 18 anos, e aínda non se vacinaron. O paso de vacinar a "todos" os galegos nados entre 2006 e 2009 supón, segundo indicou o xefe do Executivo autonómico, "chegar a 27.000 nenos que agora quedaban fóra do calendario para esta vacina". Para desenvolver esta campaña no ano 2024, a Xunta investirá 682.267 euros.
A Xunta destaca que, con este paso, Galicia adiántase á recomendación da Comisión Nacional de Saúde Pública de implantar a vacinación dos nenos menores de 15 a 18 anos e cunha única dose no canto de con dúas, xa que a evidencia científica actual demostra a súa eficacia en persoas sen contacto previo co virus. O obxectivo principal desta medida, segundo verbalizou Rueda, é "reducir a incidencia das patoloxías de cancro asociadas ao virus do papiloma humano" en homes e, ademais, obter unha protección cruzada nas nenas.
En concreto, a vacinación posibilitaría reducir a incidencia en nenos de cancros orofarínxeos, anais e de pene causados polos tipos de VPH oncoxénicos contidos na vacina e de verrugas xenitais causadas polos tipos non oncoxénicos. En nenas, indirectamente, contribuirá a diminuír a aparición de lesións precancerosas e cancros de cérvix, vulva e vaxina. "A vacinación é fundamental e efectiva", salientou Rueda.
UNHA ÚNICA DOSE
Ao cambiar a pauta de vacinación e reducirse a unha única inxección, a Xunta considera previsible un aumento das coberturas. Actualmente, a porcentaxe de adherencia en nenas desde que se incluíu no seu calendario de vacinas aos 12 está próxima ao 100%, en nadas desde 2006 a 2010.
No caso dos nenos, no grupo de 2010 chégase a unha cobertura próxima ao 93 %; e, no que respecta aos nados entre 2006 e 2009 que non tiñan prescrita por calendario a vacina do VPH, a cobertura non chega ao 50 %. Dos 45.000 nenos nados neste período, uns 27.000 non teñen ningunha dose e agora a Xunta ofrécelles a opción de ser vacinados. Deste xeito, Rueda defendeu que Galicia mantén "o mellor calendario de vacinación do mundo", polo número de vacinas ofertadas e as idades incluídas.
PLATAFORMA DE DATOS SISTEMA SANITARIO
Noutra orde de asuntos, o Goberno galego aprobou a licitación, por un importe que supera os 2,3 millóns de euros para o período 2024-2026, da contratación do servizo de evolución da plataforma de analítica de datos, que permitirá o funcionamento de distintas ferramentas que dean soporte aos sistemas de análises de información do Sistema sanitario público de Galicia.
O Servizo Galego de Saúde almacena a información de forma normalizada de toda a cidadanía que foi atendida en Galicia e conta con máis de 3.000 millóns de rexistros de saúde asociados a atencións sanitarias. A Consellería de Sanidade incorporouse como provedor de datos no primeiro semestre deste ano á Rede europea de datos en saúde, o que, remarca a Xunta, permitiralle ter maior participación en proxectos de investigación clínica a nivel europeo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.