Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2024 | Actualizada ás 14:06
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou máis financiamento para as universidades galegas, tras un encontro co reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao. Sobre o plan actual, e que conclúe en dous anos, asegurou que é "insuficiente" para os retos existentes e apuntou que o BNG vai reclamar que "se renegocie e mellore" para abordar mellor "as necesidades que teñen as universidades".
Ademais, manifestou que hai que avanzar para que Galicia destine en 2030 o 1,5% do seu PIB para financiar ás universidades. "Serían mil millóns de euros de investimento" e iso, engadiu, con "un retorno moi grande para o futuro do noso país". Tamén considerou necesario mellorar o financiamento estrutural por existir, ao seu xuízo e en liña co exposto polo reitor coruñés no inicio do curso universitario, un "déficit importante".
VIVENDA PARA ESTUDANTES
Pontón incidiu tamén nos problemas de acceso á vivenda por parte dos estudantes, entre outras cuestións pola subida de alugueres. "A Xunta non ten unha soa praza pública de residencia universitaria, hai que pór en macha unha bolsa de pisos para o estudiantado", dixo para incidir en que a Administración galega debe promover "vivenda pública en aluguer para os estudantes". "Hai parcelas na contorna dos campus que a Xunta podería utilizar", asegurou facendo referencia á situación na urbe coruñesa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.