Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 25/09/2024 | Actualizada ás 21:00
O polbo é un dos produtos galegos máis valorados e demandados no mundo enteiro. Forma parte indisoluble da nosa cultura gastronómica, das nosas festas populares e supón un forte atractivo turístico para os visitantes. Quen non ten bos recordos arredor dunha tapa de polbo? Ou quen non se sentou algunha vez nunha feira para comer unha boa ración de polbo con pimentón? Sen embargo, nos últimos tempos, semella ser pouco menos que un artigo de luxo non ao alcance de todos, pois os prezos do polbo galego (non así os do marroquí) subiron de maneira case alarmante dun ano cara esta parte. Onde radica o problema? Segundo apuntan dende diversas lonxas galegas, na escaseza do produto: non hai polbo galego. Dende o Galicia Confidencial falamos con Fernando Simón Vázquez, presidente de Pulponor, unha cooperativa galega centrada na distribución de produtos conxelados e especializada no polbo, que nos dá conta dunha negra realidade: efectivamente, o polbo galego escasea cada vez máis.
Fernando afirma que "nos dez anos que levo traballando na comercialización de polbo nunca tal cousa vin: para que vos fagades á idea, nós deberiamos estarnos facendo con entre dúas ou tres toneladas diarias, e a realidade é que nos estamos facendo con sobre uns 180 ou 200 quilos, chegando aos 300 os días nos que temos máis sorte". Percorren lonxas de case todos os recunchos de Galicia: Malpica, Fisterra, Corcubión, Carnota, Porto do Son, Ribeira e mesmo chegan ata Burela ou Bueu. "Fíxadevos se andamos ou non e, aínda así, non somos quen de facer quilos", lamenta o presidente de Pulponor. Tanto é así que apunta que "hai lonxas ás que xa non nos compensa ir, porque só nos ofertan uns 30 ou 40 quilos, e mover un coche para esa cantidade non é viable, polo que xa nin sequera chegamos a puxar por ese polbo". Co período de desove xa rematado hai uns dous meses, tras impoñerse durante mes e medio entre maio e xuño, as contas seguen sen saír. Tamén é certo que, como di Fernando, "nese mes e medio os pescadores non o capturan, pero xa está o xubilado de vez ou os pescadores de recreo para facelo". "É un cachondeo", lamenta.
Aínda con todo, asegura que unhas tres ou catro lonxas semanais non hai quen llas quite de visitar e "non somos quen de lograr os quilos que precisamos", o que provoca que "agora mesmo imos moi, moi atrasados nos períodos". Para Fernando a situación é "totalmente atípica", porque "a estas alturas do ano, de ter acontecido coma sempre, deberiamos ter xa un 'stock' considerable para ofrecer aos nosos clientes, e estar servindo con normalidade despois do período de paro biolóxico", cousa que "non está sendo así": "Levamos un retraso do 'copón'", advirte. Isto está a provocar serios problemas, porque o futuro preséntase incerto, ao igual que o presente: "Isto non é unha fábrica de parafusos na que podes poñer as máquinas a traballar máis horas ou máis rápido, aquí dependemos de se hai produto ou non, e se os barcos non o atopan e non o traen, estamos fastidiados". E a pesares de que Galicia estase levando a peor parte, tamén se está dando unha escaseza nas capturas noutros caladoiros como Huelva, Portugal e mesmo nalgúns puntos de Marrocos.
"SON OS BIÓLOGOS OS QUE TEÑEN QUE EXPLICAR QUE É O QUE ESTÁ A PASAR; O LÓXICO SERÍA QUE AS ADMINISTRACIÓNS CREASEN UN NOVO PLAN DE XESTIÓN"
Respecto a que podería estar causando esta baixada nos exemplares de polbo, Fernando non o ten nada claro, pois "escoitanse moitas cousas, e cada un di unha diferente", pero considera que "son os biólogos os que teñen que explicar que é o que está a pasar, se verdadeiramente se debe ao quencemento das augas ou a falta de alimento". Tamén afirma que chegaron a escoitar que a situación mudará a mellor cando chegue o mal tempo e "os polbos máis pequenos comecen a saír", pero "a realidade é que agora, polo momento, nin polbos pequenos vemos". Para o presidente de Pulponor "o máis lóxico e sensato sería que as administracións collesen ao touro polos cornos e puxesen a xente especializada a traballar nun novo plan de xestión, porque todo o demais son discusións de taberna". De feito, asegura que "falta valentía para tomar decisións drásticas".
Fronte a isto, Fernando considera que "o lóxico sería que un biólogo ou experto na materia tomase a decisión en base á situación", do mesmo xeito que acontece co mexillón. Segundo exemplifica, "o mexillón vale ou non vale, dá o talle ou non dá o talle, e se está ovando, párase a súa captura, dá igual a época do ano na que se estea ou o mes que sexa"; pola contra, "eu teño visto xente que chega con polbos para vender por baixo do quilo, que é o talle mínimo por lei, e que lles parece mal se ten 900 gramos e non llo colles". Como un punto de referencia pon o caso de Asturias, onde contan cun plan de xestión que permite capturar polbo durante seis meses ao ano e onde se impón un parón na captura os outros seis. "E vailles ben", asegura, apuntando tamén a que poden poñer prezos máis competitivos. Así as cousas, Fernando fai un chamamento a pescadores e administracións a "mirar un pouco por enriba do propio embigo", porque "sabemos de sobra que en Galicia é moi difícil plantexar esas xestións nun sector complicado coma este, no que moitos pescadores non pensan no mañá e, se hoxe poden arrasar con todo, arrasan con todo, sen pensar nas consecuencias a futuro".
"NUNHA DAS FEIRAS INTERNACIONAIS QUE TIVEMOS NOS ESTADOS UNIDOS, OFRECÉRONNOS MERCAR A PRODUCIÓN TOTAL DE POLBO GALEGO"
E mentres isto acontece nas lonxas, a realidade é que o polbo non chega ás superficies de venda ao público, nin aos locais de hostalaría nin aos supermercados nin ás prazas. Pero a demanda segue a ser considerable, aínda que para Fernando, "a sensación de aumento da demanda pode ser algo enganosa, pois acontece coma en todo: canto menos hai, máis ganas semella ter a xente del". Tamén concede que "a época de máis venda sería o verán, durante a tempada turística", se ben "aínda agora precisamos cantidade e estamos tendo problemas, porque vendemos a moitos cocedeiros que están vendendo mesmo para Reino Unido ou Estados Unidos, onde é un produto que se está poñendo moi de moda e que está gustando moito". De feito, o presidente de Pulponor conta ao Galicia Confidencial que "nunha das feiras internacionais que tivemos nos Estados Unidos, ofrecéronnos mercar a produción total de polbo galego".
A oferta, aínda que tentadora, foi rexeitada, porque "non se poden meter todos os ovos na mesma cesta" e "nos Estados Unidos (ao ser un país con máis de 300 millóns de habitantes) teñen un consumo tan brutal que non podería ser abastecido só co polbo galego". En caso contrario, "a produción galega veríase comprometida, porque o mar dá o que dá, e somos unha pequena comunidade, a nosa produción non pode dar para tanto como a de Marrocos, por exemplo". Sendo así, por que nos Estados Unidos non optaron por mercar o polbo marroquí? "Eu sempre digo o mesmo: se ti ves unha ración de polbo galego e unha ración de polbo marroquí ou do mediterráneo, poden semellarche iguais a simple vista, pero con probalo, xa ves a diferenza de sabor", afirma Fernando, que cre que foi por iso que os estadounidenses querían facerse coa produción do polbo galego, pois "foi probalo e a venda xa estaba feita". Como consecuencia tamén dese interese polo produto noutros países, a cousa aínda se complicou máis, pois non semella haber suficiente cantidade de polbo en Galicia como para abastecer toda a demanda. En que deriva isto? Na subida irremediable do prezo.
"OS PREZOS SON UNHA TOLERÍA, PERO AOS HOSTALEIROS NON LLES QUEDA OUTRA, SENÓN OS NÚMEROS NON SAEN; XA HAI QUEN O SACOU DA CARTA"
Segundo a lei da oferta e da demanda, pouco produto con gran interese de mercado deriva sempre no aumento do seu prezo. Algo que se pode ver a día de hoxe en calquera supermercado ou mesmo botando unha ollada á carta dos restaurantes, onde en case todos supera os 20 euros. "Os prezos que está acadando son unha tolería", afirma Fernando, que comprende tamén que "aos hostaleiros non lles queda outra". A situación, segundo explica, é a seguinte: "Esta semana un polbo que supere os 2 quilos estase pagando a 14,90 euros; súmalle un 4 % de taxa portuaria; súmalle outro 10 % de IVE; e, logo, o transporte e eviscerado, que está sobre o euro e medio máis: un polbo de dous quilos e medio de peso mercado en lonxa supón para a empresa comercializadora un custe de preto de 17 euros"; e, de aí, "ponlle que á hora de vendelo vai con un 15 ou un 20 % máis para sacarlle rendibilidade, como calquera outra empresa; é dicir, xa estamos nos 19 ou 20 euros"; sobre ese prezo, habería que poñer a cantidade que queira gañar o hostaleiro. "A situación non é sinxela e, ao final, ao hostaleiro non lle queda máis remedio que subir o prezo, porque senón os números non saen", lamenta.
E aínda que o polbo está caro, e iso é innegable, Fernando tamén considera que "os consumidores temos unha certa barreira psicolóxica no que respecta ao prezo do polbo que non acontece con outros mariscos". Por que? Os motivos poden ser diversos, pero apunta a que "antes nas feiras o polbo estaba sempre a 10 euros e quedou iso na mente da xente, polo que ter que pagar agora 20 por el parécelles unha tolería". Mentres que, como contrapón, "se o camarón estaba a 70 euros o quilo e, de súpeto, aparece ao día seguinte a 90, non pasa nada, ninguén se bota as mans á cabeza; o mesmo que coa cigala, que de 50 euros ten pasado a 100 e non morreu ninguén, foi ao mercado e a xente non protesta". Pero, "como a cultura do polbo é algo que temos máis asociado ás feiras, semella que quedou aí esa barreira psicolóxica co prezo que non se pode pasar". Tanto é así que o presidente de Pulponor asegura que xa veu casos de "xente que o quita da carta", algo que na súa opinión "non é o máis lóxico: terás que poñerlle o prezo que teña que ter, igual que se fai co camarón ou con calquera outro marisco, pero non quitalo directamente da oferta".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.