Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/12/2015 | Actualizada ás 15:58
As eleccións xerais provocaron un cambio de tendencia política en Galicia. O PSdeG quedou como terceira forza política, detrás de En Marea, que tamén está moi preto de ser a primeira forza política nas grandes cidades galegas.
Por iso, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, mandou este domingo unha mensaxe alta e clara; o PSdeG segue sendo o segundo partido político de Galicia "porque a Marea é unha coalición de partidos".
O líder dos socialistas galegos insistiu na mesma idea dos últimos días; a coalición de Anova, Podemos e EU é de "nacionalistas a tempo completo, nacionalistas a tempo parcial, nacionalistas do 25 de xullo, comunistas e postcomunistas".
Ademais, criticou que a súa prioridade sexa a "autodeterminacion". Por iso, en contraposición a En Marea, Besteiro defende a coherencia do PSdeG-PSOE que traballa pola reconstrución social e non pola construción nacional, "a liña vermella sobre a unidade territorial para o PSOE é unha obviedade".
Nunha entrevista na Cadena Ser, suliñou que no 20D preguntouse á cidadanía polas súas preferencias para un goberno a nivel estatal, pero nas autonómicas consultaráselles quen queren que goberne en Galicia. Polo tanto, dixo, "non se poden estrapolar os resultados". "En Marea terá que madurar e dicir que quere facer en Galicia".
En relación a súa candidatura á Presidencia da Xunta, Besteiro dixo que leva "tempo traballando niso" e precisou que confía en que a súa imputación "quede pronto disipada".
O líder socialista apoia a postura manifestada por Pedro Sánchez despois do 20D. E se Mariano Rajoy non é quen de formar goberno sexa o PSOE quen "dea un paso" e trate de presentar unha alternativa. Sobre as diferencias internas no seu partido, Besteiro teno claro; "Pedro Sánchez está a actuar de forma responsable".
Finalmente, criticou que seis dos deputados socialistas no Parlamento galego se abstiveran na votación de Modesto Pose como senador por designación autonómica. "Eu se fora deputado non o faría, asumiría a decisión da executiva", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.