Alerta das confrarías sobre a falla de polbo: "Este ano todo vén tarde"

O Galicia Confidencial sondea a realidade da crise do polbo en Galicia falando cos patróns maiores das confrarías de pescadores de Porto do Son e Fisterra. No caso concreto de Porto do Son, a situación é tan crítica que "hai algún barco que mesmo tivo que cambiar de oficio".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 27/09/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As reservas de polbo atópanse nunha situación crítica en Galicia. Aínda que todos os anos no verán adoita baixar moito o número de capturas, despois do período de desove (entre os meses de maio e xuño), este ano a cousa está sendo moito máis alarmante. O tempo inestable que arrastramos todo o verán está facendo que, nin a finais de agosto nin no que levamos de setembro, o polbo recollido compense aos mariñeiros saír a faenar. A situación é tal que hai barcos en zonas como Porto do Son que xa cambiaron de oficio, pois viron que co polbo que capturaban a diario non era suficiente para paliar os custes de saír ao mar. Así as cousas, nas lonxas galegas as subastas de polbo son poucas e escasas, o que fai que os prezos, irremediablemente, suban. Aínda así, os pescadores aseguran que non é suficiente a suba como para compensar a falta de quilos que se deberían estar recollendo a estas alturas do ano. Ante a dramática situación, teñen as esperanzas postas no mes de outubro, cando agardan que chegue o mar revolto para facer que o polbo sala.

Polbos descargados na lonxa da Coruña
Polbos descargados na lonxa da Coruña | Fonte: Autoridade Portuaria - Arquivo

PORTO DO SON: "HAI ALGÚN BARCO QUE MESMO TIVO QUE CAMBIAR DE OFICIO; ENTRE TODOS OS BARCOS, UNS 8 OU 10, TRAEN UNS 120 QUILOS, NON MÁIS"

Polo momento, dende a Confraría de Pescadores de Porto do Son, o patrón maior, Emilio Queiruga, afirma ao Galicia Confidencial que "levamos xa dous meses nos que nada de nada, non hai polbo". E asegura que "hai algún barco que mesmo tivo que cambiar de oficio". Tampouco quere alertar demasiado polo momento, pois confesa que "é algo que vén sendo habitual nos últimos anos durante o verán", de tal xeito que "o normal sería que volvese aparecer o polbo no mes de outubro", quedándose a escaseza actual nunha simple anécdota, nalgo puntual. Sexa como sexa, tamén afirma que a realidade é que "agora mesmo nas lonxas hai moi pouquiño polbo". Isto fai que os prezos suban, pero "seguen sen dar para cubrir, porque se non hai polbo da igual que o prezo sexa bo". Ademais, asegura que "tampouco é que os prezos sexan esaxeradamente bos, pois ao mellor estamos a falar dun euro por riba do que ía cando había". Por tamaños, indica que o polbo grande está agora a 14 euros; o mediano, a 11; e o pequeno, a 9.

"Agora mesmo entre todos os barcos, que poden ser uns 8 ou 10 os que se adican á pesca combinada de polbo e nécora, traen uns 120 quilos, non máis, un pode traer 30 e outro 50, pero, en xeral, todos chegan con moi pouquiño", lamenta o patrón maior da Confraría de Pescadores de Porto do Son. Segundo os datos de Pesca de Galicia, no mes de setembro do pasado ano 2023 esta confraría capturou un total de 3.583 quilos de polbo, que se venderon a un prezo medio de 9,98 euros o quilo. Sen embargo, no que vai de setembro deste ano 2024 (a falta de menos dunha semana para rematar o mes), capturáronse unicamente 439,50 quilos (3.143,50 menos que hai un ano), que foron vendidos a un prezo medio de 10,08 euros o quilo (10 céntimos por enriba do prezo de 2023).

FISTERRA: "COMEZAMOS A SEMANA PASADA A ANDAR CO POLBO E O LUNS PODES CAPTURAR ALGO MÁIS, PERO XA LOGO VAS A UNS 20 OU 30 QUILOS POR DÍA" 

Patrón maior de Porto do Son, Emilio Queiruga; e patrón maior de Fisterra, Joaquín Fábregas
Patrón maior de Porto do Son, Emilio Queiruga; e patrón maior de Fisterra, Joaquín Fábregas | Fonte: Collage

Por outra banda, dende a Confraría de Pescadores de Fisterra, o patrón maior, Joaquín Fábregas, asegura ao Galicia Confidencial que a cousa non está mellor: "Dende que abriu a veda houbo algo de polbo a primeira semana, aínda que tampouco foi moita cousa, e despois xa nada". Confesa que "estamos agardando a ver que acontece esta semana que dá algo de mal tempo e a ver se revolve o mar e fai que sala o polbo, porque levamos un verán con todo morto, con moito algazo (acumulación de algas mariñas mortas), o que afecta moito á especie". Para Fábregas é unha sorpresa que "estando xa case en outubro aínda non teñamos boas cantidades de polbo", cando noutros anos "en setembro xa había", pero considera que todo se debe a que "o verán chegou tarde e, agora, o inverno vai vir tarde tamén", polo que "está todo desvariado". Polo menos pide que tras tres ou catro días de mal tempo se poidan xuntar uns 70 ou 80 quilos: "Non pedimos xa 200, pois, co prezo que leva, se matas 100 quilos xa podes cubrir".

Agora mesmo, conta que "comezamos a semana pasada a andar co polbo e o luns podes capturar algo máis de cantidade, despois da fin de semana, pero xa logo vas a uns 20 ou 30 quilos por día, e así todos os barcos". No que respecta aos prezos, que en consecuencia da falta de polbo na lonxa subiron, o patrón maior da Confraría de Pescadores de Fisterra apunta a que "agora o polbo máis barato vai a 11 euros o quilo, e o que pesa máis de dous quilos chega aos 15". "Hai moita demanda e non hai case oferta e, aínda que xa hai varios anos nos que o prezo vai subindo, antes podías compensar prezo con cantidade, pero agora, con 20 ou 30 quilos, xa nin che compensa saír a por el", confesa. Segundo os datos de Pesca de Galicia, o pasado ano 2023 capturáronse no mes de setembro por parte desta confraría un total de 2.570,50 quilos de polbo, que se venderon a un prezo medio de 9,58 euros o quilo. Sen embargo, no que vai de setembro deste 2024, os quilos capturados son 947,50 (1.623 menos que fai un ano), que se venderon a un prezo medio de 10,50 euros o quilo (92 céntimos por enriba do prezo de 2023).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta