Galicia pide ao Goberno central que valore a posibilidade de reasignar máis fondos europeos para as sete Reservas da Biosfera

A Xunta solicitou este luns ao Goberno central que teña en conta "o bo nivel de execución" en Galicia dos fondos europeos NextGenerationUE destinados á posta en valor das súas sete Reservas da Biosfera e que lle reasignen parte dos fondos que, a día de hoxe, "outras comunidades aínda teñen sen executar".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2024 | Actualizada ás 17:37

Comparte esta noticia

A Xunta solicitou este luns ao Goberno central que teña en conta "o bo nivel de execución" en Galicia dos fondos europeos NextGenerationUE destinados á posta en valor das súas sete Reservas da Biosfera e que lle reasignen parte dos fondos que, a día de hoxe, "outras comunidades aínda teñen sen executar".

Así o defendeu a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, durante a 25ª reunión do Comité español do programa 'Man and Biosphere' (MaB) da Unesco, convocada co obxectivo de "facer un seguimento" do nivel de execución en cada comunidade das ordes de axudas a concellos, asociacións e organismos xestores destes espazos, así como da tramitación dos fondos a nivel autonómico.

Neste sentido, en base aos criterios fixados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a conclusión é que dos 6,4 millóns de euros asignados a Galicia, "o 87 % xa está consignado" a través de proxectos que "repercutirán en beneficios" para as reservas galegas: Xurés-Gerês; río Eo, Oscos e Terras de Burón; Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel; Terras do Miño; Ancares lucenses e montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Mariñas coruñesas e Terras de Mandeo; e Área de Allariz.

De feito, a Xunta lembrou nunha nota de prensa que, Galicia foi a primeira comunidade en convocar tanto as subvencións para proxectos impulsados por concellos e entidades ligados a este tipo de espazos, como a liña de axudas para as catro reservas que teñen órganos de xestión independentes. Nesta liña, a directora xeral defendeu "a axilidade, a eficiencia e o rigor demostrados polo Goberno galego" tanto á hora de tramitar as subvencións, como na xestión do orzamento asignado.

Deste xeito, a responsable autonómica aproveitou para pedir á directora xeral de Biodiversidade do Ministerio, María Jesús Rodríguez, que "valore" a posibilidade de reasignar a Galicia algunha das partidas sen executar, "tendo en conta que a Xunta demostrou con fartura a súa capacidade de xestión". Así mesmo, na reunión descartouse constituír un grupo de traballo con presenza de todas as comunidades para garantir o seguimento dos fondos, pero, con todo, propúxose establecer reunións bilaterais entre o Ministerio e cada Goberno autonómico co mesmo fin.

Negueira, no val do Navia, parte da Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terra de Burón | Turismo de Galicia - Arquivo
Negueira, no val do Navia, parte da Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terra de Burón | Turismo de Galicia - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta