Abre 'Ágora Dixital', o novo espazo colaborativo para o profesorado de Galicia

Inclúe seis laboratorios con recursos de aprendizaxe sobre ciencia, innovación e intelixencia artificial, deseñados por docentes para docentes.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/09/2024 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

A Xunta abriu este xoves a 'Ágora Dixital', un repositorio web no que o profesorado galego de todos os niveis poden subir, compartir e intercambiar diferentes recursos tecnolóxicos dedicados maioritariamente ás competencias científicas, coñecidas como STEM.

Esta ferramenta presentouse na Cidade da Cultura, nun acto no que o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a directora xeral de Innovación Educativa, Judith Fernández, estiveron acompañados dun grupo de docentes encargados de crear os primeiros 120 contidos que xa están dispoñibles na 'Ágora'. O repositorio consta de seis apartados, denominados 'laboratorios': LAB-Microsecuencias, LAB-Espazos, LAB-Estratexias, LAB-Ideas, LAB-Expert, LAB-IA.

O primeiro deles (LAB-Microsecuencias), do que se fixo unha demostración no acto na Cidade da Cultura, propón pequenos experimentos de aprendizaxe con contido audiovisual e unhas instrucións paso a paso para poder trasladalos á aula.

LAB-Espazos, pola súa banda, dá consellos para crear novos espazos didácticos en base a experiencias noutros centros, por exemplo lugares de lecer e aulas sensoriais. LAB-Estratexias propón metodoloxías de aprendizaxe innovadoras, mentres que LAB-Ideas achega recursos externos e convocatorias de interese.

LAB-Expert inclúe entrevistas, en formato vídeo curto, con profesionais científicos, senón tamén persoas do ámbito educativo. Finalmente, LAB-IA está dedicado á implementación da intelixencia artificial na formación.

CONTIDOS "MÁIS ACCESIBLES"

O conselleiro de Educación, tras intercambiar unhas palabras cos docentes de diferentes niveis que fixeron posible o nacemento da 'Ágora Dixita', destacou que este repositorio atende a un dos "grandes desafíos" do ensino "neste momento de cambio do primeiro cuarto do século XXI ao segundo cuarto".

A ferramenta supón "profundar na estratexia de educación dixital" que a Xunta ten en marcha desde hai "anos". Este espazo web permite facer "máis accesibles, con contidos, experimentos e conceptos fundamentais", os recursos para facer máis atractivas as clases prácticas.

"Son os propios docentes quen deseñan os materiais educativos para os propios docentes", subliñou o conselleiro, para destacar o "intercambio de boas prácticas" e a "xenerosidade" que permite a 'Ágora' entre o propio corpo de profesores.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a directora xeral de Innovación  Educativa, Judith Fernández, na presentación de 'Ágora Dixital'.. XUNTA
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a directora xeral de Innovación Educativa, Judith Fernández, na presentación de 'Ágora Dixital'.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta