Mozos de 11 concellos galegos piden aos políticos que teñan en conta os dereitos da infancia na súa toma de decisións

Fixérono con motivo da celebración do XII Foro Galego de Participación Infantil, no Parlamento de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/11/2024 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

Nenos e adolescentes de 11 municipios galegos ocuparon este martes os escanos do Parlamento de Galicia con motivo da celebración do XII Foro Galego de Participación Infantil, un acto no que reivindicaron que os adultos "teñen un compromiso cos dereitos da infancia". Deste xeito, máis de 90 nenos e adolescentes da Laracha, Burela, Nigrán, Moaña, Moeche, Ponteareas, O Rosal, Teo, Tui, Tomiño e Viveiro, presentaron ante o presidente do Parlamento, o Director Xeral de Familia e os grupos parlamentarios, as súas propostas e compromisos respecto ao dereito á participación.

"As autoridades teñen que render contas, tanto das decisións que toman a partir das nosas propostas como as decisións nos nosos municipios e na nosa comunidade nos aspectos relativos á infancia, xa que somos os protagonistas e, moitas veces, non teñen en conta a nosa opinión", destacou Emily de Viveiro. Pola súa banda, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, destacou a necesidade de fortalecer os programas de saúde así como as campañas de concienciación a favor da saúde mental dos máis novos. Así mesmo, avogou por un "cambio cultural" para que buscar axuda se vexa como un signo de responsabilidade, "libre de estigmas e prexuízos".

Neste sentido, referiuse ao Barómetro de Opinión da Infancia e Adolescencia 2023-2024 elaborado por Unicef, que reflicte que catro de cada dez adolescentes manifesta ter un problema de saúde mental nos últimos doce meses, e máis da metade non pediron axuda. Ademais, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, destacou que desde que se asinou o Pacto Galego pola Infancia houbo "importantes avances no proceso de escoita e implicación dos máis novos". Segundo explicou a Xunta nunha nota de prensa, Rey lembrou que ademais dos Consellos locais, o Goberno galego impulsou a nivel galego o Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia no que participan 30 mozos de toda a comunidade "pondo voz ás súas inquietudes ante os poderes públicos".

Mozos de 11 municipios galegos reivindican no Parlamento compromiso cos dereitos da infancia
Mozos de 11 municipios galegos reivindican no Parlamento compromiso cos dereitos da infancia | Fonte: ANA VARELA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta