O vindeiro martes publicarase a liña de axudas para apoiar a destilación de crise nos viñedos de Ribeira Sacra

A axuda será de 1,05 euros por litro de viño destilado e poderán beneficiarse aquelas empresas vitivinícolas elaboradoras de viño tinto amparado pola DO Ribeira Sacra.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 27/09/2024 | Actualizada ás 19:39

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará o próximo 1 de outubro a nova liña de axudas para apoiar a destilación de crise nos viñedos da Ribeira Sacra. Así, a medida contará cun orzamento de 500.000 euros, pero con posibilidade de ampliarse ata os 2,4 millóns de euros. Neste sentido, apoiarase a destilación voluntaria de viños tintos amparados pola Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra, co obxectivo de "equilibrar" o mercado e facilitar que as adegas liberen capacidade para poder "afrontar a entrada de uva" da vendima deste ano.

Segundo explicou a Consellería do Medio Rural nunha nota de prensa, a axuda será de 1,05 euros por litro de viño destilado e poderán beneficiarse aquelas empresas vitivinícolas elaboradoras de viño tinto amparado pola DO Ribeira Sacra. Ademais, deberán cumprir unha serie de requisitos establecidos na orde como que comprasen uva na campaña 2023-2024 a persoas viticultoras, ou que utilizasen uva dos seus viñedos.

Deste xeito, o prazo de presentación das solicitudes será dun mes a partir do 2 de outubro e a destilación de crise poderá realizarse, como data límite, ata o 15 de novembro. Así mesmo, o alcol obtido destinarase exclusivamente para o seu uso en procesos industriais, "co fin de evitar distorsiones da libre competencia". Esta medida forma parte dun paquete de axudas enmarcado nun "contexto internacional de descenso xeneralizado" no consumo e comercialización de viño, "problemática á que a denominación de orixe Ribeira Sacra non é allea".

NOVA LIÑA DE AXUDAS

A maiores da destilación de crise, a Consellería do Medio Rural destinará "outros 2 millóns de euros" a unha liña de axudas para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos. "É unha medida nova, cuxa publicación se prevé para finais deste 2024, enfocada a preservar as características desta zona e que redundará de forma positiva na candidatura a Patrimonio Mundial da Unesco".

Neste sentido, terá dous grupos como destinatarios segundo o sistema de cultivo utilizado. Un deles será para o cultivo en 'socalcos', con muros de pedra e que realizan o traballo de maneira non mecanizada. O segundo será para outros tipos de cultivo de viñedo, sen 'socalcos' ou de traballo mecanizado. Con todo, entre as medidas de apoio tamén se contempla unha ampliación da formación e divulgación das oportunidades que ofrece a Política Agraria Común (PAC) para os viticultores en xeral, e en especial para os da Ribeira Sacra.

Viñedos da Ribeira Sacra en Doade
Viñedos da Ribeira Sacra en Doade | Fonte: Foto: XMF - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta