Rueda anuncia a creación dunha comercializadora pública para "abaratar" a enerxía

É un dos proxectos claves da axenda do BNG en materia de enerxía que di que é "propaganda". Tamén o PSdeG di que este novo anuncio favorecerá "ás empresas privadas". Rueda comparecerá no Parlamento o 8 de outubro para explicar as "liñas estratéxicas" do Executivo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2024 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a creación dunha comercializadora propia que permitirá "abaratar e descarbonizar o consumo de enerxía en Galicia" e que terá como obxectivo vender enerxía "100% renovable, de maneira estable" e a un "prezo sensiblemente máis barato".

Así o avanzou nunha intervención desde Sober, onde este fin de semana o titular do Goberno galego reuniu ao seu Executivo, na que avanzou que Sociedade Recursos de Galicia xa iniciou os trámites para crear esta comercializadora, que Roda espera "que sexa unha realidade a principios de 2025".

"Queremos que preste servizo a sectores estratéxicos da economía galega e tamén aos veciños que vivan preto dos lugares nos que haxa proxectos de xeración de enerxía que esta compañía vai comercializar", destacou. A empresa denominarase 'RDG Comercializadora de enerxía galega' e o obxectivo, segundo detallou, é vender "enerxía 100% renovable, de maneira estable e a un prezo substancialmente por baixo do mercado, un prezo sensiblemente máis barato".

ORZAMENTOS

Con esta medida, Alfonso Rueda asegurou que a Xunta segue "cumprindo con Galicia e cos galegos", para o que, engadiu, "é necesario gobernar cun plan claro e acompañar ese plan dos recursos necesarios". "En definitiva, é necesario ter orzamentos", aseverou antes de afirmar que a administración autonómica terá as contas aprobadas "en tempo e forma".

Neste sentido, avanzou que o próximo 8 de outubro comparecerá no Parlamento para explicar as liñas estratéxicas do seu goberno e, unha semana despois, espera aprobar o proxecto de orzamentos de 2025 e trasladalo á Cámara galega para a súa tramitación e aprobación "antes de que finalice outubro".

'ESTILO GALICIA'

Así, puxo en valor o 'Estilo Galicia', que pasa por contar "cun goberno que traballa coordinado, que quere ter as súas contas en tempo e forma" e que "seguirá defendendo os intereses dos galegos sen pasar por encima de ninguén, pero sen renunciar a ningún dos intereses que lle conveñen a Galicia".

Nesta liña, defendeu a importancia da iniciativa privada e subliñou que Galicia "non vai renunciar" a proxectos que "sexan viables, sustentables, que cumpran a normativa, que respecten o medio ambiente e cren riqueza e supoñan futuro".

Reunión do Goberno galego en Sober (Lugo).. XUNTA
Reunión do Goberno galego en Sober (Lugo).. XUNTA | Fonte: Europa Press

RETIRO EN SOBER

Así mesmo, Rueda valorou o retiro de traballo mantido durante este fin de semana co seu equipo de goberno no que, segundo explicou, abordaron as prioridades políticas que teñen por diante "a curto, a medio e tamén a longo prazo para cumprir nesta lexislatura".

Entre elas, o presidente da Xunta mencionou "seguir sendo un Goberno cohesivo que pon os intereses de Galicia por encima de todo" para manter "uns servizos públicos de calidade", así como "apoiar a atracción de proxectos industriais" e "aproveitar a capacidade da comunidade para liderar a transición verde".

CRÍTICAS DE BNG E PSdeG

Pola súa banda, a deputada do BNG, Olalla Rodil, tachou de "propaganda e cortina de fume" ao anuncio do presidente da Xunta. "O anuncio resultaría gracioso se non fose tan grave, porque hai que lembrar que o PP leva anos opóndose á creación dunha empresa pública de enerxía que defende o BNG", criticou.

Tamén o portavoz da executiva do PSdeG, Julio Torrado, cualificou de "confuso e oportunista" o anuncio do presidente da Xunta e considerou que é unha "manobra encuberta" para "beneficiar ao sector privado". Nun comunicado, o socialista incidiu en que Rueda, ao longo dos últimos anos, "rexeitou sistematicamente" propostas que o PSdeG levou ao Parlamento de Galicia para crear un sistema enerxético "xusto e sustentable". Con todo, continuou, agora retoma esas "mesmas ideas", pero condicionadas aos "intereses das grandes enerxéticas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta