Rueda defende a "independencia" da CRTVG e traslada o "respecto" á folga convocada polo comité

Besteiro reiterou o rexeitamento do seu partido ao anteproxecto de Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia que propón o Goberno de Alfonso Rueda e cualificou de "activa" a acción do PSdeG para que "non se blinde" esta lei a través dun novo texto normativo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2024 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, volveu a defender a "independencia" da Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) respecto da Xunta, mentres trasladou o "respecto" á folga indefinida convocada a partir de outubro polo comité. Foi a preguntas dos xornalistas tras o Consello da Xunta e ao ser cuestionado pola denuncia dos socialistas sobre "contratos á carta" a certas produtoras e a "externalización" de programas.

"É difícil seguir os criterios do PSdeG, que un día di unha cousa e outro se autocorrixe", ironizou o titular do Executivo galego, quen, sobre a folga, trasladou o "máximo respecto" á mesma. O mesmo que pediu para aquelas persoas que non a queiran seguir, "seguro que moitas", expuxo nas súas declaracións nas que manifestou que, sobre o funcionamento da CRTVG, xa se pronunciou. "E respecto da súa independencia da Xunta", apostilou ao ser cuestionado sobre a folga, convocada tamén por parte do comité contra a "manipulación informativa".

Concentración do Comité Intercentros da CRTVG ante o Parlamento de Galicia
Concentración do Comité Intercentros da CRTVG ante o Parlamento de Galicia | Fonte: Europa Press

BESTEIRO REITERA O REXEITAMENTO DO PSDEG Á NOVA LEI AUDIOVISUAL

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reiterou o rexeitamento do seu partido ao anteproxecto de Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia que propón o Goberno de Alfonso Rueda e cualificou de "activa" a acción do PSdeG para que "non se blinde" esta lei a través dun novo texto normativo.

Así, tras manter unha reunión con membros do comité da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), trasladoulles o seu apoio e o seu compromiso de "loitar para evitar que Rueda logre perpetuar o control do PP sobre os medios públicos e o veto á participación de voces plurais". Deste xeito, as asembleas dos traballadores da CRTVG ratificaron durante os últimos días a convocatoria dunha folga indefinida ante o "desmantelamento" e a "manipulación".

Así mesmo, Besteiro fixo fincapé en que os socialistas galegos "rexeitan profundamente" ese modelo que expón o PP para a CRTVG e cualificou de "positiva e activa" a acción do PSdeG para que "non se blinde" esta lei a través de "un novo texto normativo. Con todo, esgrimiu que "é o tempo da rexeneración democrática e non de volver atrás", polo que lembrou que o seu partido vai combater esa posición. Tamén asegurou que estarán "moi atentos" a que non haxa ningún atraso na iniciativa rexistrada a semana pasada polo PSdeG no Parlamento Europeo, en relación cos medios públicos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta