Por Europa Press / Redacción | FERROL | 01/10/2024 | Actualizada ás 15:27
O presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, Carlos Díaz (MAS), asegurou que o Goberno "non está a escoitar as reivindicacións dos traballadores" en temas como "a redución de xornada, o contrato de substitución ou recuperar o poder adquisitivo", durante a negociación do novo convenio colectivo. A dirección, explicou, maniféstalles "constantemente" que hai "un teito orzamentario e que non hai diñeiro para acometer eses incrementos, posto que a ministra de Facenda non está a pór encima da mesa as cantidades económicas que se precisan". Díaz ofreceu na mañá deste martes unha rolda de prensa posterior a unha asemblea xeral na que se informou de como marchan as negociacións do convenio.
"É curioso que o Goberno que presume de ser o máis progresista da historia, que anuncia contrato relevo e anuncia redución de xornada publicamente, pero daquelas empresas que dependemos del, non pon os orzamentos que se necesitan para levalo a cabo", criticou o representante sindical. O representante de Movemento Alternativo Sindical (MAS) detallou que se retoma "a negociación do convenio colectivo esta semana" e que a dirección lles trasladou que "queren pechar o día 30 de novembro a negociación do convenio colectivo, pero iso xa soa a repetitivo", lamentou.
REUNIÓNS E PLAN ESTRATÉXICO
Carlos Díaz tamén adiantou que decidiron pedir reunións co "Ministro de Facenda, con grupos parlamentarios a nivel estatal, Xunta de Galicia e Delegado do Goberno", xa que, ao seu entender, "aquí todo o mundo ten que dar a cara, porque non é de recibo que estean a dar anuncios e logo para as empresas que dependen deles, pois nin un euro". Por outra banda, detallou que decidiron retomar a negociación do plan estratéxico: "Para nós é fundamental, en liña co convenio colectivo, pero non condicionar un a outro", xa que detallou que "son dúas negociacións perfectamente paralelas e separadas".
Ademais, con respecto aos incumprimentos do anterior plan estratéxico, Díaz detallou que "este comité de empresa esixe á dirección de Navantia as incorporacións dos 95 compañeiros que quedan aínda por facelo, antes do 31 de decembro deste ano", detallando que este martes se incorporaron 17 traballadores. Por último, o representante da parte social asegurou que o 10 de outubro farán unha nova asemblea e debaterán que calendario de mobilizacións se vai dar a partir dese momento. Pola súa banda, Marcelo Amado (CIG), lembrou que os traballadores levan "tres anos cun convenio denunciado" e que "eses que se chaman os máis progresistas da historia, realmente están a deixar os dereitos dos traballadores ao carón".
SALARIOS DE DÉCADAS PASADAS
Desde CC.OO., o seu portavoz, Iván López, dixo que consideran "que o Ministerio de Traballo ten moito que dicir, sobre todo nas 35 horas, como o contrato relevo", ademais de reclamar "que os técnicos superiores teñan que fichar a xornada, para garantir que só traballen o oito horas, porque ata agora están a facer moitas máis".
Javier Losada, de CGT, asegurou que "o que di ser o Goberno máis progresista da historia está empobrecendo aos traballadores de Navantia, igual que facía o Partido Popular". O sindicalista dixo que "os salarios están a volver para atrás, están a volverse para os anos 90, para os anos 80". "Hai técnicos superiores con titulación de enxeñeiros, de doutores en enxeñaría naval, con salarios de 1.500 1.600 ou 1.700 euros ao mes e non cobran as prolongacións de xornada, xa que se está traballando gratis nesta empresa, nunha empresa pública", lamentou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.