A cota autonómica galega: o BNG di que que é "a chave" do financiamento e o PP unha "nefasta idea"

Reaccionan ao informe do Foro Económico que calcula que a comunidade pode perder ata 634 millóns cun concerto para Cataluña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2024 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

BNG e PPdeG realizan distintas interpretacións do informe do Foro Económico que calcula que Galicia pode perder ata 634 millóns cun concerto para Cataluña. Por unha banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reiterou, a preguntas dos xornalistas sobre este documento, que, en materia de financiamento, ten "claro, clarísimo" que "o que máis interesa" a Galicia é "ter a chave" do que recada.

Pola súa banda, o portavoz do PP galego no Parlamento, Alberto Pazos Couñago, animou aos nacionalistas a "abandonar a idea nefasta" dunha cota para a comunidade galega por mor deste informe. Pontón, ao termo da constitución da comisión de investigación sobre contratos da Xunta, indicou que, aínda que non leu o documento do Foro Económico de Galicia "con toda a profundidade", hai "un dato que resalta" e que lle parece "moi importante": "Que o estado recada en Galicia máis do que inviste".

Ese é, segundo subliñou a líder nacionalista, "un punto de partida para pór en marcha unha negociación sobre o futuro modelo de financiamento" das comunidades autónomas. "Eu teño claro, clarísimo e máis despois de ler ese informe que o que máis nos interesa aos galegos é ter a chave do noso diñeiro e que non o administren desde Madrid", resolveu.

A continuación compareceu Pazos Couñago en rolda de prensa, onde, motu proprio, fixo unha referencia ao informe do Foro para resaltar que Galicia "vería reducidas as transferencias" que percibe. Neste sentido, cargou contra o concerto, que tachou de "biblia do BNG", e pediu ao Bloque que "deixe de facer o caldo gordo aos seus aliados independentistas cataláns e aínda que sexa por unha vez defenda os intereses de Galicia para que non salga prexudicada". "Por unha vez recoñezan que están fondamente equivocados e que as súas propostas non son máis que pasos atrás", sentenciou, antes de aludir ao PSdeG e criticalo por ser "sumiso" ao estar "a apoiar decisións a pesar do prexuízo que supoñen para Galicia".

Xaquín Fernández Leiceaga e Santiago Lago. FORO ECONÓMICO DE GALICIA
Xaquín Fernández Leiceaga e Santiago Lago. FORO ECONÓMICO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

CORGOS ASEGURA QUE APLICAR UN CONVENIO CON CATALUÑA "IMPLICARÍA UNHA DIMINUCIÓN" DO SISTEMA GALEGO

Sobre o mesmo asunto, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, destacou este venres que o informe independente de facenda realizado por profesores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) por encargo do Foro Económico de Galicia, concorda co afirmado da Xunta de Galicia sobre o financiamento singular: que aplicar un convenio con Cataluña "implicaría unha diminución" do sistema galego.

O citado informe, apuntou, é o primeiro informe académico que se presenta tras os acordos entre ERC e o Goberno. A "diminución" que apunta o informe, apuntou Corgos, é algo menor que a defendida pola Administración galega: 634 millóns de euros fronte aos 638 da Xunta. "Substancialmente, coincide", destacou.

A segunda conclusión, continuou, é que "se se extrapola ese sistema a todas as comunidades, a perda podería alcanzar máis de 2.000 millóns ou 2.100 millóns". Ademais, remarcou que se Galicia adoptase ese sistema de concerto, "obtería tamén unha diminución dos recursos porque só contaría cos seus recursos tributarios deses 2.100 millóns de euros". "Por tanto, á vista destes datos (que subliñou que chegan de parte de profesores de Facenda Pública "independentes"), non se entende moi ben que haxa aínda algún grupo político que defenda en Galicia, a aplicación dun sistema de concerto ou financiamento singular", asegurou.

REVISAR O SISTEMA PARA UNHA REPARTICIÓN "EQUITATIVA"

Así as cousas, Corgos defendeu que debería camiñarse cara a un novo sistema que "achegue máis recursos, que profunde na suficiencia dos financiamentos das comunidades e que tamén mellore a repartición para garantir unha repartición equitativa entre as comunidades autónomas e cubrindo as necesidades e as diferenzas de custos que ten cada rexión".

No caso de Galicia, recoñeceu, existe un sobrecusto "importante" polo envellecemento da poboación e pola súa dispersión, que supón un custo maior á hora de prestar servizos públicos autonómicos. Sobre isto, pide tamén que se acheguen máis recursos porque, sinala, a diferenza entre o financiamento global das comunidades e a recadación tributaria global "tamén é cada vez maior".

"É preciso equilibrar eses servizos porque as políticas públicas autonómicas como sanidade, educación e política social crecen a un ritmo máis elevado que o resto de políticas públicas", incidiu. Nesta liña, insistiu na necesidade de revisar o sistema de forma que os recursos se rapartan "en termos de equidade e coas mesmas regras de xogo para todo o mundo".

"Non queremos que uns negocien de forma bilateral unhas regras a medida e o que quede para os demais, senón que queremos defender os intereses de Galicia pero tamén unha repartición equitativa entre todos e que todos convivamos e marquémonos unhas regras de convivencia e de financiamento para poder prestar os servizos públicos que garantan que todos os españois teñan os mesmos servizos ou un acceso aos mesmos en condicións de igualdade independentemente da capacidade tributaria de onde resida", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta