O BNG ironiza con que a comercializadora impulsada pola Xunta é unha "gran cortina de fume"

Reitera as alternativas nacionalistas: unha empresa de enerxía 100% pública e unha tarifa eléctrica galega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2024 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

A viceportavoz primeira do BNG, Olalla Rodil, ironizou con que a comercializadora de enerxía anunciada polo presidente galego, Alfonso Rueda, tras o "retiro espiritual" de Sober é unha "gran cortina de fume" para tentar tapar as "nefastas consecuencias que ten para Galicia a política enerxética do PP" e para "seguir beneficiando ao lobby enerxético".

"O único que está a facer o PP é avanzar cara adiante na súa política depredadora e ao servizo das súas empresas amigas", denunciou, nunha rolda de prensa no Parlamento na que compareceu xunto ao portavoz de Enerxía do Bloque, Xosé Manuel Golpe.

A parlamentaria afeou as "mentiras" relativas á comercializadora e alegou que "nin será pública esta nin o é a empresa que a promove, Recursos de Galicia, na que a Xunta só ten o 30% do accionariado, sendo o 70% restante de empresas privadas que nada teñen que ver co sector eléctrico e moito menos coa produción de enerxía".

"O Goberno de Rueda tenta acougar o enorme malestar social que está a xerar o seu boom eólico depredador e a inseguridade xurídica xerada no sector pola propia Xunta", engadiu a deputada nacionalista, antes de subliñar, neste punto, a paralización cautelar de varias decenas de parques eólicos por parte do TSXG.

Tamén se referiu ao "caos" xerado pola xestión do PP, "con fragmentaciones ilegais de parques, proxectos eólicos en espazos protexidos ou parques fóra das áreas de desenvolvemento eólico".

"DUMPING"

Ao tempo, alertou do "risco de ilegalidade" que ten "a venda a perdas que contempla unha comercializadora que, subliñou, segundo a propia Xunta, "vai comprar a enerxía ás grandes produtoras que impulsan os novos parques eólicos para vendela por baixo do prezo de mercado. "A venda das perdas, por baixo de prezo de mercado, é dumping e é ilegal", esgrimiu.

Rodil emprazou, ademais, ao Goberno de Rueda a aclarar se finalmente vai ser a Xunta, co diñeiro público dos galegos e as galegas, a que "vai pagar a diferenza entre o que cobrarán pola enerxía as grandes produtoras e o prezo por baixo do mercado que se pretende ofertar coa comercializadora".

"Vai asumir ese diferencial o 70% do capital privado de Recursos de Galicia ou vai ser unha vez máis o goberno galego e con el o conxunto da sociedade deste país o que teña que pagar a factura?", preguntouse.

Finalmente, esgrimiu que "non é crible" que o PP fale dunha "política enerxética social" despois de "cargarse o complemento autonómico do bono social térmico que beneficiaba a máis de 80.000 familias que hoxe teñen máis dificultades para pagar a factura da luz".

EMPRESA ENERXÉTICA E TARIFA ELÉCTRICA GALEGA

En fronte, Rodil aproveitou para reiterar as medidas que propón o Bloque e que detallou Xosé Manuel Golpe: unha empresa de enerxía 100% pública que abarcaría produción, distribución e comercialización, e a creación dunha tarifa eléctrica galega.

Golpe salientou que o principal obxectivo da empresa pública que propón o Bloque é o de "participar na explotación dos recursos naturais de Galicia, comercializar a enerxía a prezos que permitan a competitividade das empresas e tamén loitar contra a pobreza enerxética".

Para conseguir o seu fin, a empresa pública que reivindican os nacionalistas participaría dos novos proxectos de xeración enerxética , ben dentro do accionarado ou ben a través da cesión dunha parte da enerxía xerada, non comprando paquetes ás grandes produtoras.

O BNG defende, ademais, a recuperación das concesións hidráulicas caducadas para a xestión pública, fomentar o autoconsumo e promover as comunidades enerxéticas de base social.

Os nacionalistas tamén propón que esa empresa pública, en colaboración con outros departamentos do Goberno, podería levar a cabo programas de rehabilitación enerxética de vivendas ou medidas de mellora da eficiencia en instalacións públicas industriais.

Así mesmo, insistiu en que "nada impide" a creación dunha tarifa eléctrica galega, que teña en conta o exceso de xeración que hai en Galicia, cunha media de exportación dun 47% a un 50%, e a distancia entre a xeración e o consumo. Unha tarifa que, recalcou, serviría para tanto para "impulsar a reindustrialización" como para "abaratar a factura eléctrica do tecido social e industrial".

ENQUISAS

Por outra banda, a preguntas dos xornalistas sobre o último barómetro do instituto 40dB para 'El País' e a 'Cadena SER' co foco nunhas hipotéticas xerais e a mellora de expectativas para o BNG, Rodil replicou que tanto esta sondaxe como outro recente (non detallou cal, pero 'A Voz' publicou este domingo unha enquisa de Sondaxe) "apoian" o traballo do Bloque nos distintos ámbitos e cámaras de representación.

"O BNG é unha forza que avanza, que crece e cada vez máis galegos ven que o nacionalismo é unha alternativa clara e solvente", reivindicou.

Previamente, o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, había relativizado o valor da enquisa, que no ámbito estatal remarca a alza de apoios ao PP, co argumento de que, ao seu xuízo, reflicte "un esquema moi similar ao previo ás eleccións xerais" de xullo de 2023, cando, a pesar do que prevían as sondaxes, o líder dos populares, Alberto Núñez Feijóo, non logrou gobernar.

Dirixentes do BNG en rolda de prensa.. BNG
Dirixentes do BNG en rolda de prensa.. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta