Concellos máis ricos de Galicia... cando se supera de media os 3.000 euros ao mes

Os dous primeiros postos do listado de concellos con rendas brutas medias máis altas, dado a coñecer recentemente pola Axencia Tributaria, non están ocupados por ningunha das sete grandes cidades galegas. Só dous entran no 'top 10'.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/10/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Aínda que socialmente temos moi asumido iso de que a riqueza está nas cidades e que os mellores salarios derivan dos traballos nelas realizados, o certo é que os datos oficiais non din o mesmo, ou, alo menos, non de todo. A Axencia Tributaria publicou recentemente os últimos datos (do 2022) relativos á renda bruta media dos concellos españois con máis de 1.000 habitantes. Neles, a nivel galego, hai algunha que outra sorpresa a reseñar, como que os dous primeiros lugares da táboa autonómica non están ocupados por ningunha das sete grandes cidades ou que concellos que baixan dos 10.000 habitantes teñen uns ingresos medios por persoa moi considerables, por enriba dos 2.000 euros. Dende o Galicia Confidencial realizamos unha análise exhaustiva das 10 primeiras posicións da lista, destacando tamén cal é o sustento económica de cada unha das poboacións con maior renda bruta.

Oleiros
Oleiros | Fonte: Concello de Oleiros

OLEIROS, O CONCELLO MÁIS RICO DE GALICIA, POR MOITA DIFERENZA

En concreto, o primeiro posto da lista ocúpao o concello de Oleiros, pegadiño á cidade da Coruña. A día de hoxe conta con 37.809 habitantes (datos de 2022), dos cales un total de 20.500 realizaron a declaración no ano que nos ocupa nesta análise. Así, a renda bruta media por habitante no concello sitúase nos 43.433 euros, o equivalente, dividindo o ano en 14 anos, a uns 3.102 euros ao mes, un salario do que poucas persoas a día de hoxe teñen a sorte de desfrutar. Ademais, esta cantidade permítelle a Oleiros tamén coarse no 'top 50' de concellos españois con maior renda bruta media, ocupando o posto 45. A economía da vila estivo durante séculos centrada no sector agrario, gandeiro e pesqueiro, de feito no porto de Lorbé existe unha das depuradoras de mexillóns máis importantes de Galicia. Ademais, a proximidade á cidade da Coruña fixo medrar á poboación, deixando de ser un concello dormitorio para converterse nun espazo residencial con alta calidade de vida: nos últimos anos construíronse zonas verdes, peonís e infraestruturas para mellorar a vida dos veciños.

NIGRÁN REXISTRA UNHA RENDA BRUTA MEDIA CASE 10.000 EUROS MENOR QUE OLEIROS

O segundo dos concellos galegos con maior renda bruta media é o de Nigrán, próximo á cidade de Vigo. Ten 18.045 habitantes que levaron a cabo no ano 2022 un total de 9.348 declaracións. Segundo os datos do INE, o resultado das mesmas foi unha renda bruta media por habitante de 34.278 euros, que, divididos en 14 pagas, resultarían en 2.448 euros por habitante. Unha cifra que se queda xa moi lonxe da acadada por Oleiros, pero que non deixa de ser considerable. Iso si, na escala nacional habería que baixar ata o chanzo número 199 para atopalo. Nigrán foi tradicionalmente un municipio adicado á pesca de baixura, pero actualmente débese máis ao turismo. Ademais, a súa proximidade á cidade de Vigo tamén fixo que moita xente que traballa na cidade olívica escollese esta vila como lugar para residir, fuxindo do balbordo do centro.

A Coruña
A Coruña | Fonte: TripAdvisor

A CORUÑA, A PRIMEIRA GRAN CIDADE NA LISTA, OCUPA O POSTO 3 A NIVEL AUTONÓMICO

En terceira posición estaría, agora si, unha das grandes cidades galegas: A Coruña. Con 247.376 habitantes, contou fai cousa de dous anos con 150.587 declarantes. Segundo a Axencia Tributaria, a renda bruta media situouse nos 33.810 euros, de tal maneira que, dividindo esta contía entre 14 pagas, dá como resultado uns ingresos de 2.415 euros ao mes por habitantes, de media. Algo que non semella de estrañar tendo en conta que os prezos dos alugueres na urbe herculina raramente baixan dos 1.000 euros, cun custe de vida moi alto. A nivel nacional, esta cifra de renda serviulle para posicionarse no posto 227. No tocante á súa economía, o termo municipal da Coruña é o pulmón dos sectores comercial e servizos de toda a área metropolitana e a máis importante área nestes dous aspectos de toda Galicia e de todo o noroeste peninsular. Estes dous sectores representan máis das tres cuartas partes da totalidade da actividade económica da cidade. Ademais, cómpre destacar que a cidade se converteu no 2007 no meirande centro financeiro e de negocios de Galicia.

SANTIAGO, DEPENDENTE EN GRAN PARTE DA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA E DO TURISMO

No cuarto posto da táboa tamén estaría outra das grandes cidades de Galicia: Santiago de Compostela. Con 98.687 habitantes, no 2022 rexistrou un total de 56.977 declarantes. Entre todos eles, a renda bruta media situouse en 32.865 euros, cifra que, dividida en 14 pagas, dá como resultado que cada declarante tería gañado unha media de 2.347,5 euros ao mes. A nivel nacional, este dato serviríalle para ocupar o posto 274. E, aínda que a economía da capital galega depende en gran parte da administración pública, o turismo, sobre todo o vinculado ao Camiño de Santiago, a industria e a educación universitaria, están axudando a diversificala. Entre as principais empresas encóntranse a madeireira FINSA e a automobilística UROVESA. Ademais, a cidade conta con dous grandes polígonos industrias que se converten no centro neurálxico dos negocios na urbe.

BERGONDO, A XOIA DAS MARIÑAS, TAMÉN A NIVEL ECONÓMICO

En quinto lugar atoparíase Bergondo, outro deses concellos que pivotan arredor da cidade da Coruña. Entre os seus unicamente 6.951 habitantes houbo no ano 2022 un total de 3.632 declarantes. A renda bruta media do concello situouse así en 32.142 euros, cifra que, ao dividila en 14 pagas, resulta nuns 2.296 euros ao mes por declarante. A nivel nacional ocupa a posición número 319. Bergondo conta cunha importante base económica como periferia da cidade da Coruña por estar preto de Betanzos e o Camiño de Santiago, e por ser lugar de paso da estrada N-VI e da autovía A-6. As súas boas comunicacións fan do polígono de Bergondo o núcleo económico do concello. Ademais, dende o século XVII, coa ligazón coa cidade de Betanzos por concesión de cidadanía, é un concello con sona de ter bos xoieiros. Tanto é así que en Bergondo están algunhas das máis importantes fábricas de xoias de Galicia, como Balcarsa, Unión Joyera ou Annique, chegando a ser coñecido este concello como a xoia das Mariñas.

AS PONTES, CUXO CRECEMENTO XIROU ARREDOR DA CENTRAL TÉRMICA

Xa no sexto lugar atoparíase o concello das Pontes de García Rodríguez, vinculado á cidade de Ferrol. Aínda con só 9.867 habitantes e 5.629 declarantes no 2022, goza dunha renda bruta media de 31.415 euros. Divididos en 14 pagas, resultan nuns 2.244 euros por habitante, de media. A nivel nacional esta cifra sitúao no posto 369. Historicamente, a economía das Pontes tivo unha gran dependencia da industria e da minaría, aínda que tamén dispón de núcleos de poboación adicados á agricultura e á gandaría. Ademais, no concello tamén ten importancia a explotación do leite, empregado, entre outros destinos, na empresa Queixerías do Eume. E, aínda que tamén goza de importantes recursos forestais para a industria madeireira e papeleira, así como para a fabricación de combustible a partir de biomasa, a principal industria do concello sempre foi a central térmica, a máis grande de España.

BAIONA, FONTE INESGOTABLE DE TURISMO E COMERCIO RETALLISTA

En sétima posición sitúase o concello pontevedrés de Baiona. Con 12.407 habitantes, hai dous anos tivo 7.186 declarantes. O resultado, sempre segundo os datos da Axencia Tributaria, foi unha renda bruta media de 31.072 euros, o que, dividido en 14 pagas, resultaría nuns 2.219 euros ao mes por declarante, de media. O seu posto na táboa nacional actualmente é o 409. A economía de Baiona está orientada cara o turismo, destacando o seu Parador Nacional, así como o comercio retallista. A agricultura é de autoconsumo, se ben tamén se venden localmente produtos da horta. Hai pesca de baixura e marisqueo e as empresas que alberga o concello son, maioritariamente, do sector da alimentación, os transformadores metálicos e a madeira, aínda que tamén destacou no seu día a construción.

TEO, UNHA EXPANSIÓN DE SANTIAGO NA QUE SE ASENTAN POBOACIÓN E EMPRESAS

No oitavo lugar aparece outro concello coruñés, ao ladiño da capital galega: Teo. No 2022 contaba con 19.034 habitantes e un total de 10.460 fixeron a declaración. Así, o resultado foi unha renda bruta media de 30.993 euros anuais, de tal maneira que, divididos en 14 pagas, supoñían 2.146 euros ao mes por habitante, de media. A nivel nacional esta cifra sérvelle para ocupar o posto número 414. A súa economía baséase na poboación que se despraza cada día a traballar á cidade de Santiago, ademais de nas industrias que elixiron o seu solo para instalarse pola proximidade á capital, pero tamén conta con actividades agropecuarias nas parroquias rurais do sur do concello. Así, os cultivos hortícolas supoñen unha fonte de ingresos importante, xunto ao cultivo da vide e á gandaría porcina. Con todo, é o sector terciario o que ocupa á maior parte da poboación, especificamente dentro do sector comercial.

CABANAS, ATRACTIVO DESTINO TURÍSTICO DURANTE O VERÁN

Xa no posto noveno do listado a nivel autonómico aparece o concello de Cabanas. Fai dous anos contaba con tan só 3.300 habitantes, dos que 1.596 fixeran a declaración da renda. Ter tan pouca poboación non impediu que se situase cunha renda bruta media de 30.048 euros anuais, é dicir, dividindo esa cifra en 14 pagas, uns 2.146 euros ao mes por declarante, de media. Deste xeito, ocupa o posto número 500 a nivel nacional. Neste caso, tamén é a proximidade tanto á cidade da Coruña como á de Ferrol a que impulsa as rendas da zona, ademais de gozar dun pequeno punto de atraque preto da desembocadura do río Eume e de ser un atractivo destino turístico durante o verán.

O PEREIRO DE AGUIAR, CO RÍO MIÑO COMO PRINCIPAL FONTE DE INGRESOS

Finalmente, para pechar o 'top 10' dos concellos con maiores rendas de Galicia, atópase, para sorpresa de moitos, o concello ourensán de Pereiro de Aguiar. Cos seus escasos 6.647 veciños, contou no 2022 con 2.915 declarantes que lle serviron para rexistrar unha renda bruta media de 29.911 euros. Divididos en 14 pagas, resultarían en 2.137 euros por habitante, de media, ao mes. Estamos falando de que esta vila, e non a capital da provincia, é a primeira ourensá en atoparse no listado galego e tamén no nacional, onde queda no posto 509. O turismo é unha grande fonte de ingresos para o concello, pois Pereiro de Aguiar ten reputación de contar coas mellores vistas panorámicas do río Miño, río que tamén serve para regar as súas vides, pois a zona conta cunha gran tradición vitivinícola. Tamén é un importante centro deportivo para os deportes fluviais, especialmente o piragüismo.

Nigrán
Nigrán | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Mezclar churras con merinas... Este é un bo exemplo de como a "matemática" non é unha boa ferramenta para falar da realidade social. Se vivo a carón dun rico, eu non gaño nada. Incluso poderíamos decir que a realidade da miña pobreza é aínda máis penosa... Claro que outro asunto de interés sería analizar por que os ricos van vivir a Oleiros (gobernado por un comunista durante 30 anos) Será pola seguridade xurídica dos seus plans urbanísticos ? Será pola situación xeográfica privilexiada do Concello de Oleiros? Será porque os propietarios de Inditex marcan tendencia ? Os que vivimos a carón dun rico seguimos sendo tan pobres como sempre diga o que diga a estatística, pero é agradable soñar con que vivimos ben se vivimos nun mundo de ricos... Algúns pensan que así poden subir os alugueiros e gañar o que non está escrito... e de paso nos fan a puñeta a todos !