Javier Valdés Pons, xinecólogo, denuncia: "Non é admisible que aínda haxa métodos anticonceptivos que o Estado non financia"

Leva máis de 30 anos como xinecólogo, e más de 15 traballando no centro de planificación familiar do CHUVI e asegura que a día de hoxe poden ofertar ás mulleres o DIU hormonal, alternativa ao DIU de cobra como método anticonceptivo de longa duración, grazas que "é o propio servizo de farmacia do centro o que asume o seu custe".

Por Ángela Precedo | VIGO | 13/10/2024 | Actualizada ás 17:05

Comparte esta noticia

En pleno século XXI semella xa superada esa idea de que as mulleres non poden desfrutar da súa liberdade sexual abertamente. Hoxe por hoxe a maior parte da sociedade xa non xulga a aquelas mulleres que deciden ter una vida sexualmente completa. Sen embargo, para poder gozar das relacións sexuais heterosexuais, hai algo que é indispensable: os métodos anticonceptivos. Sexualidade e reprodución están vinculadas indisolublemente por natureza, pois para poder procrear é preciso o acto sexual, pero non ao revés, é dicir, a realización do acto sexual non sempre implica que a muller queira quedarse embarazada. Así as cousas, na actualidade existen multitude de métodos anticonceptivos, con diferentes formas e composicións químicas, que permiten a súa intercambiabilidade en función do perfil de muller e da súa clínica. Sen embargo, segue habendo un importante problema: moitos deles non están financiados polo sistema sanitario público ou, se o están, é só nunha parte, o que reduce as posibilidades de acceso aos mesmos por parte de determinados grupos sociais. Dende o Galicia Confidencial falamos disto co presidente da Sociedade Galega de Contracepción (SOGAC), Javier Valdés.

DIU anticonceptivo
DIU anticonceptivo | Fonte: Commons

Segundo a 'Enquisa de Anticoncepción en España 2024', realizada pola Sociedade Española de Contracepción (SEC), vinculada á SOGAC, e a Fundación Española de Contracepción (FEC), o 78,5 % das mulleres españolas en idade fértil utiliza actualmente algún método anticonceptivo, sendo este o rexistro de uso máis alto dos últimos 10 anos. Agora ben, tamén hai un 19,7 % das enquisadas que asegura non usar ningún método anticonceptivo á hora de manter relacións sexuais. Tal e como sostén o doutor Valdés, "os anticonceptivos precisámolos para poder manter relacións sexuais reducindo ao máximo o risco de que a muller se quede embarazada", tanto é así que "a Organización Mundial da Saúde (OMS) os inclúe dentro do grupo de medicamentos indispensables para o desenvolvemento da humanidade". Con todo, como é evidente, expón que "o sexo e a procreación van xuntos, van unidos, e tentar separalos liberou á muller, tamén ao home, pero principalmente á muller, do xugo que era o manter una relación sexual para desfrutar da vida sexual e, como consecuencia, quedarse embarazada".

"DENDE QUE AS MULLERES PODEN ELIXIR ENTRE DOUS TIPOS DE DIUS, OS DE COBRE (GRATUÍTOS) E OS HORMONAIS (QUE RONDAN OS 120/140€ E NO NOSO HOSPITAL SON GRATUÍTOS), ESTAMOS POÑENDO MÁIS HORMONAIS"

Deste xeito, entendendo que os anticonceptivos son importantes e sempre o van ser, o presidente da SOGAC expón unha importante problemática á que se enfrontan os doutores e xinecólogos hoxe por hoxe: "Temos moitos fármacos anticonceptivos, pero non os podemos usar todos nin recomendarllos ás mulleres por igual, porque moitos deles non están financiados", lamenta. De feito, sabe de primeira man o que é "ter que pelexar para poder conseguir que certos medicamentos se financien". Leva máis de 15 anos traballando no Centro de Planificación Familiar (COF) do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) e asegura que, a día de hoxe, "hai anticonceptivos que corren a cargo do orzamento do propio centro", pois en caso contrario non os poderíamos utilizar. En concreto, apunta ao DIU hormonal e aos implantes subcutáneos hormonais. Explica que agora hai cada vez máis unha tendencia á anticoncepción de longa duración, porque, "por estudos, vimos que reduce máis o risco de embarazo non desexado, xa que non depende tanto do uso axeitado ou inaxeitado que faga a muller do mesmo". Pero, existindo dous tipos de DIU, o hormonal e o de cobre, percatáronse de que "eran poucos os DIU hormonais que poñíamos". Por que? "Porque non os financia o Estado, e son moi caros", apunta o doutor Valdés. E outro tanto acontece cos implantes hormonais, que, aínda financiados selectivamente, seguen a costar preto dos 60 euros, cantidade que moitas mulleres non poden gastar.

Así as cousas, confesa que dende o propio centro "tivemos que conseguilos", sendo os propios profesionais os que "nos buscamos a vida para poder ofrecerlle esa alternativa ás mulleres, para ofrecerlles todo aquilo que o Estado debería ofrecerlles por obriga". "Nós falamos co servizo de farmacia da nosa área do hospital e, coa xefa de servizo, plantexamos que a muller que desexase ter un DIU hormonal e o tivera indicado medicamente, non tivese que pagalo, nin compralo, facendo ese gasto a farmacia do hospital", explica. E asegura que, "dende que as mulleres saben que gozan desta posibilidade, que poden elixir entre dous DIU hormonais que rondan os 120/140 euros, hoxe en día estamos poñendo máis DIU hormonais que DIU de cobre". Aínda que para o presidente da SOGAC, isto non é algo exclusivo de Galicia, senón que se trata dunha radiografía que se repite ao longo de todo o Estado español. O doutor lamenta que "son fármacos, na súa maioría, baratos ou relativamente baratos, pero que hai persoas que non se poden permitir", de tal maneira que "hai mulleres que non usan eses métodos anticonceptivos porque non teñen os cartos para pagalos, o que as leva a ter embarazos non desexados".

Diferentes métodos anticonceptivos
Diferentes métodos anticonceptivos | Fonte: Commons

"HAI UNHA DISCRIMINACIÓN DENDE O ESTADO NO TOCANTE AOS FÁRMACOS ANTICONCEPTIVOS, POIS POR OUTROS MEDICAMENTOS PAGAMOS 50 CÉNTIMOS"

Actualmente, e afortunadamente, contamos cunha gran variedade de métodos anticonceptivos, que se poden adaptar a todos os perfís de mulleres, pero o problema está en que non todos están financiados, nin sequera os que están financiados o están na mesma medida. Como exemplo, o doutor Valdés apunta a "píldoras anticonceptivas, relativamente modernas, que só utilizan estróxenos de tipo natural, combinados con xestáxeno, e non están financiados polo Estado, cando son fármacos que demostraron en estudos que teñen igual ou menor efecto trombótico que o mellor dos fármacos anticonceptivos que temos financiado, pero seguen estando fóra". Tamén apunta a "anticonceptivos de xestáxeno dunha soa hormona, dos que hai unha das opcións financiadas, pero non a outra, elaborada cunha molécula distinta, con certo efecto antiandroxénico que podería beneficiar a nivel dermatolóxico a algunhas mulleres, ás que a opción financiada lles está causando acné". Do mesmo xeito, indica que "os aneis vaxinais, ata fai ben pouco, tampouco estaban financiados e, aínda que hoxe en día si o están, non na súa totalidade, polo que seguen custando 6 euros ao mes ás mulleres que optan por eles". 

Para o doutor Valdés, é evidente que "cos fármacos anticonceptivos non estamos tratando unha enfermidade, pero si son imprescindibles para proporcionarlle unha mellor calidade de vida e unha diminución de embarazos non desexados ás mulleres". Ademais, asegura que "o gasto é mínimo, mentres que a satisfacción das usuarias é altísima". De feito, de financiarse os métodos anticonceptivos na súa totalidade poderían evitar moitos embarazos non desexados cuxa interrupción supón máis gasto sanitario para as arcas do Estado. Neste senso, o especialista lembra que "hai fármacos polos que pagamos apenas 50 céntimos". É por iso que, para o presidente da SOGAC, denuncia que "hai unha discriminación dende o punto de vista do Estado no tocante a todos os fármacos anticonceptivos, unha discriminación no senso de que non valoran realmente os beneficios nas mulleres que dá ese pequeno gasto farmacéutico". "Todos os fármacos anticonceptivos deben estar financiados polo Estado, ao 100 %, sempre con indicación e receita médica; e, nos casos de DIUs e implantes hormonais, con receita xinecolóxica", sostén.

"CADA CENTRO DE PLANIFICACIÓN FAMILIAR ACTÚA DUNHA MANEIRA, TAMÉN DEPENDENDO DE IDEOLOXÍAS, POLA DEIXADEZ DA ADMINISTRACIÓN"

"Non podo entender que as políticas sociais non inclúan este tipo de actitudes de ir a favor da anticoncepción, xa que o feito de poder contar con fármacos con diferentes composicións permítenos aos profesionais usalos segundo o perfil da muller que temos diante", apunta o doutor Valdés, que destaca que "cos métodos anticonceptivos non só tratamos de evitar embarazos non desexados, que tamén, pero teñen máis efectos que iso, e podemos traballar con eses efectos paralelos para darlle a cada muller o que máis lle conveña". "Ter variedade danos un abano amplo de posibilidades para poder adaptarnos a cada perfil", engade. Sen embargo, ante o que o profesional considera "deixadez" por parte das administracións (tanto Xunta como Goberno central), o que acontece actualmente é que "cada centro de planificación familiar dos hospitais, así como os seus xefes de servizo, actúan dunha maneira distinta, deixando un sistema que é un verdeiro reino de taifas". Tanto é así que o doutor Valdés asegura que "esa deixadez tan grande está permitindo que persoas, por ideoloxías ou non sei por que motivos, porque hoxe en día nin sequera me entra na cabeza que poida ser por iso, se tomen as atribucións de poder decidir que unha muller en Lugo ten que pagar polo DIU hormonal e en Vigo non".

Máis concretamente, hoxe por hoxe non hai ningún método anticonceptivo que estea financiado ao 100 % pola Administración, aqueles que gozan de financiación, como acontece coa maioría dos fármacos doutro tipo, están financiados ao 60 %, agás naqueles casos de persoas con moi baixos ingresos que poden acceder a estes recursos a custe cero. Así as cousas, o presidente da SOGAC lamenta que "estamos falando de moitas mulleres que chegan ás consultas e que non traballan ou que nunca traballaron e que están nos cartóns sanitarios dos seus proxenitores, mulleres que non teñen recursos ou que os que teñen son baixos". Polo tanto, insiste en que "o gasto que suporía a ampliación da cobertura farmacolóxica non é tan importante como o beneficio que se vai obter". Ademais, advirte de que non debería haber diferenzas en función das comunidades onde vivas, sendo necesario que o Consello Interterritorial de Saúde estableza un protocolo común para todas as comunidades no tocante aos fármacos anticonceptivos: "Para min e para as mulleres o ideal sería a gratuidade dos fármacos anticonceptivos, con receita médica, en todos os casos, pero, de non lograrse, alo menos que o seu custe máximo fose, como acontece con outros medicamentos, de 50 céntimos". Deste xeito, eliminaríase a causa económica do fallo do método.

SEGUE SENDO A PÍLDORA ANTICONCEPTIVA O MÉTODO ANTICONCEPTIVO MÁIS FRECUENTE? "CADA VEZ TENDEMOS MÁIS AOS MÉTODOS DE LONGA DURACIÓN"

Seguramente cando pensamos nun método anticonceptivo de uso habitual, a todos se nos pasa pola cabeza a píldora anticonceptiva, o método máis receitado nas consultas ata fai uns anos. Ao preguntarlle por ela ao doutor, o primeiro que precisa é que "o método anticonceptivo máis usado hoxe en día segue a ser o preservativo de maneira inconstante, é dicir, usar o preservativo cando che acorda de poñelo". Agora ben, dende o ámbito clínico, concede que "os profesionais estamos conseguindo que cada vez máis mulleres se unan aos métodos anticonceptivos hormonais, sen importar cal sexa o elixido, ou que a muller vai cambiando de un a outro segundo as súas necesidades". Por que? Como explica o doutor Valdés, "pode que sexa máis sinxelo para a muller comezar tomando a píldora para comprobar os efectos que provoca nela a hormona coa que se fabricou, pero tamén conleva unha serie de riscos: debe levar un control na súa toma, non esquecerse de tomala a diario e, se se esquece, usar métodos paralelos para reducir as consecuencias do erro".

Así, "sabemos que é un método que funciona ben, pero temos que ver as particularidades de cada muller, se se vai acordar de tomala, se ten problemas dixestivos, cal é o seu historial médico, se padece algunha enfermidade...". En función de todos estes factores, pode que haxa mulleres para as que a píldora anticonceptiva sexa unha boa solución, e pode que haxa outras que precisen doutros métodos. Entre os beneficios da píldora, o xinecólogo destaca tamén o feito de que "os anticonceptivos orais con estróxenos aportan un ritmo menstrual moi preciso, de tal maneira que a muller sabe cando vai menstruar, a cantidade de menstruación que vai ter e logra reducir moito a dor, en caso de tela". Sen embargo, polos riscos antes citados, concede que "nos últimos anos a tendencia clínica foi encamiñada a intentar reducir a intervención da muller no proceso, optando, se é posible, polos métodos de longa duración". Como exemplo, apunta aos implantes subcutáneos hormonais, financiados en parte, pero polos que segue habendo que pagar 59,40 euros, a pesares de que "hai estudos que demostran que superan a eficacia das ligaduras de trompas".

"NON DEBEMOS OBSESIONARNOS CON QUE A MULLER NON TEÑA QUE ESTAR PENDENTE DO MÉTODO, POIS HABERÁ MULLERES ÁS QUE LLES GUSTE MANEXAR O SEU PROPIO MÉTODO"

Con todo, e aínda que existe esa tendencia aos anticonceptivos de longa duración, o presidente da SOGAC tamén fai un chamamento a "non obsesionarnos con reducir os embarazos non desexados intentando que a muller non teña que pensar nin decidir", pois "eu creo que temos que falar coa muller en cada caso particular, porque haberá mulleres ás que lles guste manexar o seu propio método, e saber cando o queren tomar e cando deixalo porque non van manter relacións sexuais ou por calquera outro motivo". O importante, dende o seu punto de vista, é "informar ben e educar ben a poboación". "Tampouco é cuestión de impulsar os métodos de longa duración e de idealizalos fronte aos que xa tiñamos e que funcionaban ben, porque se unha muller se encontra ben usando a píldora, por suposto que eu non lle vou indicar que se poña un DIU", advirte. E, de feito, exemplifica que a día de hoxe os xinecólogos están tratando con métodos hormonais á inmensa maioría de mulleres galegas con endometriose: "Hai unha porcentaxe altísima de mulleres con endometriose que non son atendidas nos hospitais, porque cos métodos anticonceptivos hormonais prescritos nos centros de planificación, facemos que desapareza esa dor, ou, alo menos, que poidan levar unha vida completamente normal ata que deixen de ter a menstruación".

Xinecólogo
Xinecólogo | Fonte: Adobe Stock
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta