Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2024 | Actualizada ás 15:15
O conselleiro de Cultura, José López Campos, garantiu este mércores que o Goberno galego está a dar "todos os pasos necesarios" para que a Ribeira Sacra sexa recoñecida como Patrimonio Mundial da Unesco en 2026, unha elección da que se mostrou "convencido".
Así o dixo durante unha intervención no Pleno do Parlamento, para responder a unha interpelación formulada pola deputada popular Raquel Arias sobre o estado actual da candidatura. "Traballamos co convencemento de que o emocionante camiño iniciado en 2017 con esta candidatura vai ter o ilusionante resultado da consecución deste recoñecemento internacional", dixo López Campos na súa intervención, na que incidiu en que a Consellería de Cultura está "a cumprir rigorosamente" cos trámites que se lle están requirindo con este fin.
El mesmo, dixo, entregou hai varias semanas en París o primeiro avance do expediente da candidatura ao embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta. Esta documentación complementouse co envío que fixeron os técnicos do Ministerio de Cultura.
A continuación, adiantou, entregaráselle á Unesco antes do 1 de febreiro de 2025 unha nova achega na que se recollerá a versión definitiva. "Trátase de pasos fundamentais co obxectivo final de que toda a documentación sexa revisada polos avaliadores antes da súa valoración no Consello do Patrimonio Histórico de 2026", explicou.
No horizonte desta liña de traballo, o conselleiro de Cultura puxo en valor o papel que xogará na revitalización e promoción desta candidatura o congreso internacional que se celebrará os días 27, 28 e 29 deste mesmo mes no municipio ourensán de Nogueira de Ramuín e no que participará o embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta.
O encontro contará con especialistas culturais e investigadores en bens patrimoniais. Sumaranse tamén representantes de institucións culturais, académicas e das administracións, tanto do campo local como doutras comunidades autónomas.
REUNIÓNS CON REPRESENTANTES LOCAIS
Ademais deste congreso, López Campos tamén puxo en valor as reunións levadas a cabo nos últimos tempos pola Consellería de Cultura cos concellos e representantes locais da Ribeira Sacra, co obxectivo de "escoitar, recoller e pór en común" todo tipo de valoracións, suxestións e inquietudes.
O proceso, dixo, puxo o foco na participación para que os veciños e veciñas, así como os distintos motores económicos da zona, "coñecesen ben a situación da candidatura e puidesen transmitir os seus comentarios e inquietudes ao redor da mesma".
"O obxectivo e o desexo é facer que 'Ribeira Sacra: Paisaxe da auga', máis aló dun carácter institucional, sexa tamén unha proposta articulada polas xentes vinculadas estreitamente ao territorio, de maneira que sexa un ben patrimonial para todos sen deixar de ser a casa de moitos", defendeu. Dentro dos esforzos encamiñados a esta candidatura, López Campos lembrou que a Xunta investiu preto de 8 millóns na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais deste territorio das provincias de Ourense e Lugo.
En concreto, ao longo deste período, a Administración autonómica executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros.
Ademais, López Campos destacou que as contas destinadas a tarefas de conservación e posta en valor do patrimonio cultural galego eleváronse nos orzamentos deste ano un 7%, "alcanzando os 10,4 millóns de euros, dos cales unha parte importante son para bens situados na Ribeira Sacra". "Co esforzo e traballo de todos, a Ribeira Sacra conseguiu ser hoxe en día un territorio aínda máis vivo, máis coidado e máis recoñecido", enxalzou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.