Por Galicia Confidencial | Lugo | 12/10/2024 | Actualizada ás 18:00
A cidade de Lugo vén de ampliar as súa capacidade de aparcadoiros no centro urbano. A Deputación provincial puxo a disposición da cidadanía 164 novas prazas gratuítas de estacionamento gratuítas no Fogar de Santa María. O aparcadoiro está aberto en horario en horario non laboral, de luns a venres de 16:00 a 00:00 horas, e as fins de semana e festivos de 08:00 a 00:00 horas.
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, destaca que esta actuación, na que se investiu 465.000€, "permitiunos facer este espazo máis accesible, cómodo e útil”. Tamén subliña que as obras non só melloraron as condicións dos empregados públicos da Deputación, senón que tamén ofrecen á cidadanía máis prazas de aparcamento fóra do horario laboral dos traballadores provinciais. Así, das 164 prazas dispoñibles, 33 estarán reservadas para persoal autorizado (traballadores da Deputación provincial e Policía Nacional), mentres que 131 prazas están á disposición da veciñanza.
José Tomé Roca lembra que, das 90 prazas de estacionamento que había neste recinto, pasamos a 164 grazas a este proxecto, multiplicando exponencialmente a capacidade de aparcamento e creando o aparcadoiro gratuíto máis grande de Lugo, ademais situado no pleno centro da cidade”.
Os traballos afectaron á contorna dos pavillóns 1, 2, 3 e 4 do complexo de Santa María, e consistiron na demolición do antigo pavimento e na preparación dunha nova plataforma. Tamén se realizou a execución dunha rede de pluviais coas conexións necesarias aos sumidoiros e ás baixantes dos edificios. Ademais, dotouse á zona de alumeado, xunto coa correspondente pavimentación, e humanizouse o espazo co axardinado. Tamén se acondicionou o acceso peonil entre as zonas superior e inferior que circundan os edificios e, finalmente, colocouse a sinalización.
Nesta liña, o mandatario provincial afirma que “esta reforma completa o investimento de 1,7M€ que fixemos desde a Deputación para a rehabilitación dos pavillóns 1 e 2 do Fogar de Santa María. Dedicando en total máis de 2,2M€ a este emblemático complexo”.
COLABORACIÓN CO CONCELLO
Así mesmo, Tomé Roca sinala que “este proxecto foi posible grazas ao diálogo e á colaboración fluída e constante que mantemos entre o Concello de Lugo e a Deputación” e que concorda co modelo de cidade “que impulsou primeiro a Alcaldesa, Lara Méndez, que continúa Paula Alvarellos e que compartimos e apoiamos desde a institución provincial”.
“Mellorar a mobilidade, humanizar espazos e poñelos á disposición da veciñanza, son cuestións que responden a un modelo de desenvolvemento sostible ao servizo das persoas polo que apostamos desde a Deputación e que son un dos eixos centrais da nosa acción de Goberno”, remarca José Tomé.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.