Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/10/2024 | Actualizada ás 13:22
O fondo de cooperación local sobe un 6,3 % no proxecto de orzamentos da Xunta para o ano que vén, ata alcanzar os 168 millóns de euros, segundo os datos que avanzou o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos. Tras reunirse co presidente da Fegamp no seo da subcomisión permanente do réxime económico e financeiro, Corgos especificou, a preguntas dos xornalistas, que este incremento se traduce en 10 millóns de euros máis para este fondo. Deles, uns 4 millóns irán para liquidación dos concellos e case 6 para pagos a conta, de acordo cos seus números. Estes últimos irán ao fondo base (un dos dous que compoñen o fondo de cooperación local), pero para os municipios de menos de 15.000 habitantes.
SOGAMA E SAF
O aumento do 6,3 % é unha cifra "moi superior á que subirá a media do gasto non financeiro se se teñen en conta as cifras do teito de gasto", segundo destacou o titular de Facenda. Ademais, indicou que a Xunta "garante" tamén unha "reserva" dunha "contía adicional" para "atender a subida tributaria do canon de recollida de lixo" de Sogama.
"Propuxemos, tendo en conta as súas demandas, sempre pedían que se incrementase o fondo base (a Fegamp), propuxemos que se incrementasen as achegas, os pagos a conta, todas, ao fondo base, cos criterios do fondo base, pero destinado aos concellos de menos de 15.000 habitantes, os que teñen menos solvencia e máis dificultades neste contexto de incremento de custos", explicou o conselleiro. Facenda remitirá agora esta proposta "por escrito" á federación galega de municipios e provincias "para coñecer a súa valoración", segundo sinalou o responsable autonómico.
"Adicionalmente" informou de que "se recollerán partidas e renegociarase o financiamento" do servizo de axuda no fogar (SAF), "pero por fóra" do fondo de cooperación local. Neste apartado, a Xunta espera que o Goberno central "faga a súa achega en termos proporcionais, segundo correspóndelle segundo a lei de dependencia". De acordo coa proposta de Facenda, e segundo resaltou o propio Miguel Corgos, como a Xunta "quere concentrar" a subida do fondo base nos concellos de menos de 15.000 habitantes, que son case un 60 % dos municipios galegos, para eles "subiría a súa entrega a conta case un 8 % respecto ao ano pasado" nese fondo.
A FEGAMP, A ESPERA DOS DATOS
Pola súa banda, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, afirmou estar "a esperar" a que se lles dea "información por escrito", porque no encontro falouse de "intención de subir". A executiva da Fegamp analizarao este martes, unha vez conte cun documento, pero tras a reunión con Facenda Varela marcou a súa posición de "sempre" en defensa dun aumento do fondo basee para a cooperación local, "o diñeiro que chega aos 313 concellos". Tamén lembrou ante o conselleiro que cuestións como o financiamento do servizo de axuda no fogar e as escolas infantís "asfixian" aos municipios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.