Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2024 | Actualizada ás 14:40
A saúde da lingua galega, sinalada tras a publicación da última enquisa sobre o seu uso e coñecemento publicada polo Instituto Galego de Estatística, estará no centro do debate político na próxima sesión plenaria na Cámara galega, á que chega para a súa aprobación definitiva a lei de recursos naturais elaborada polo Executivo autonómico. A orde do día da sesión que acollerá o Pazo do Hórreo os días 22 e 23 de outubro quedou configurado este martes na xunta de portavoces, tras a cal, compareceron ante os xornalistas Alberto Pazos (PP), Olalla Rodil (BNG), Elena Espinosa (PSdeG) e Armando Ojea (Democracia Ourensana).
Será o pleno no que a maioría absoluta do PP permitirá a aprobación da primeira lei da lexislatura: a de recursos naturais de Galicia, que desenvolve a creación da sociedade mixta 'Recursos de Galicia', enfocada á xestión dos aproveitamentos naturais galegos para que revertan na sociedade. Ademais, chega á Cámara a iniciativa lexislativa popular (ILP) promovida por confrarías, agrupacións e colectivos ecoloxistas que ao longo dos últimos meses solicitou firmas para presentar no Lexislativo autonómico unha normativa para o recoñecemento e protección das actividades tradicionais de pesca e marisqueo en Galicia.
A SAÚDE DO GALEGO, NO FOCO
O estado da lingua galega levará gran parte dos focos durante a próxima sesión plenaria, despois da enquisa do IGE que, por primeira vez, sinala ao castelán como lingua con máis uso da comunidade e revela que un terzo dos adolescentes e nenos en idade escolar descoñecen por completo a lingua propia de Galicia. Ese será o tema elixido pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para o seu 'careo' quincenal co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao que sinalará como responable da caída de falantes, especialmente entre os máis novos, ao ser esta "a primeira xeración" educada baixo o decreto do plurilingüismo. De feito, o Bloque solicitou que Rueda comparacese neste pleno polo estado do galego, algo que se topou co 'non' do PP.
Os socialistas, cuxo portavoz, José Ramón Gómez Besteiro, preguntará na sesión de control polas prioridades do Goberno autonómico nos orzamentos de 2025 que se presentarán este sábado, tamén levará unha iniciativa que pretende contrapor o "compromiso" do PSdeG co galego coas políticas lingüísticas do PP. Tamén os populares inclúen na orde do día dous asuntos vinculados co galego: o primeiro, a través dunha iniciativa de impulso, para reclamar ao Goberno "unha repartición máis xusta" das axudas estatais á produción audiovisual en linguas cooficiais e, a segunda, unha pregunta á Xunta sobre as medidas adoptadas desde San Caetano para impulsar o uso do galego "e o neofalantismo", especialmente entre os máis novos.
PP: ALTA VELOCIDADE E FINACIACIÓN LOCAL
Así mesmo, o grupo maioritario presenta ao pleno unha inicitiva de impulso coa que solicitará o apoio do Lexislativo autonómico para instar o Goberno central a que leve a alta velocidade ferroviaria ás cidades de Lugo e Ferrol, de cara a reparar un "agravio" que leva tamén "unha perda de oportunidadades desde o punto de vista social e económico". Outra das cuestións incluídas na orde do día polo PP son as preguntas ao Executivo galego que eles mesmos sustentan e aos que cuestionará sobre o novo modelo de probas de acceso á universidade e a repercusión sobre as arcas dos municipios galegos da lei estatal de benestar animal ou a xestión de residuos.
BNG: VIVENDA E CIENCIA
Ademais da sesión de control dirixida ao estado da lingua galega, o Bloque tamén pretende neste pleno revelar que os anuncios da Xunta en materia de vivenda pública "non son máis que propaganda" pois "parte importante" das construcións anunciadas "levan anos sen desenvolverse", como o caso dos parques de Navia (Vigo) ou Garabolos (Lugo), proxectadas durante o bipartito. Así, os nacionalistas reclamarán a través dunha das súas proposicións non de lei unha batería de medidas que inclúe, entre outras propostas, que se duplique a vivenda de promoción pública sobre o total de vivenda protexida no próximos catro anos. Ademais, reservan a outra iniciativa de impulso para reclamar que a Xunta dedique o 3 % dos seus orzamentos a I+D+i.
PSDEG: FOLGA CRTVG E VIVENDA
Tamén sobre a vivenda versará unha das iniciativas do Grupo Socialista, que quere que a Xunta aclare cantos expedientes ten pendentes de resolver sobre o acceso de axudas a vivenda. Así mesmo, os socialistas situaranse durante a sesión ao lado dos traballadores da Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) e pedirán melloras na rede de transporte por estrada, cuxas "deficiencias" afectan a "traballadores, enfermos e estudantes". Nesta sesión haberá tamén un punto na orde do día introducido por Democracia Ourensana, que reclamará a través dunha moción que a Xunta plante 15.000 árbores na cidade de Ourense.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.