Vigo está de moda: unha inmobiliaria faise viral nas redes sacando á luz imaxes inéditas da cidade no pasado

Paloma Luciarte, community manager de Intervivienda, fixo despegar as redes sociais da inmobiliaria en pouco máis dun ano grazas ás súas pesquisas sobre o pasado da urbe olívica. Hoxe, dende o Galicia Confidencial, falamos con ela para coñecer a súa fonte de inspiración e contido.

Por Ángela Precedo | VIGO | 09/11/2024 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

Se che digo Intervivienda (@intervivienda) pode que non che soe o nome, pero se che falo da conta que sacou á luz as imaxes do Scalextric vigués ou da xente paseando pola ponte de Rande antes da súa inauguración, de seguro que che ten aparecido nas redes. E é que esta conta de Tik Tok (5.943 seguidores e 138.600 'me gusta'), aberta fai pouco máis dun ano, experimentou un despegue que a permitiu chegar a centos de miles de persoas (tal e como indica o número de visualizacións dos seus vídeos) grazas á publicación de fotos antigas de Vigo contando a historia dunha cidade que cada vez está máis de moda. Hoxe, dende o Galicia Confidencial, falamos con Paloma Luciarte, a 'community manager' de Intervivienda e a que comezou con todo este fenómeno viral nas redes a través da súa empresa de xestión de redes Boafé (@boafeee).

Rande en construción
Rande en construción | Fonte: @intervivienda

Intervivienda é unha empresa inmobiliaria con sede en Vigo que ten un local físico na cidade dende o ano 1996. Sen embargo, como acontece en todos os sectores, déronse conta de que era tempo de adaptase á nova realidade: as redes sociais. Así, para chegar á xente, decidiron abrir unha conta en Tik Tok e outra en Instagram. E aí é onde entrou o traballo de Paloma, que dende agosto do 2023 leva creando contidos de calidade e con gran valor engadido nestas plataformas. Aínda que confesa ser moi esixente consigo mesma e querer seguir mellorando, amósase "moi contenta co recibimento que o contido que estou facendo está tendo por parte da audiencia". De feito, non é para menos, tendo en conta que a maioría dos vídeos que publican en Tik Tok fanse virais, así como algúns dos que saen en Instagram. Con todo, lamenta (algo compartido por outros creadores de contido) que "nestas redes sociais os algoritmos varían moito e hai veces que che premian e outras que che fastidian un pouco", polo que entende que o principal é "coñecer moi ben á túa audiencia non só para ofrecer contidos que che interesen a ti como vendedor, senón que podan interesar á túa audiencia". 

Neste sentido, Paloma amósase consciente de que os vídeos que se soben á conta de Intervivienda non son os que se adoitan atopar no perfil dunha inmobiliaria. Pero é que o que buscaba era precisamente iso: "Queríamos diferenciarnos do típico vídeo corporativo, dese exemplo americano no que un axente inmobiliario che ensina unha casa facendoche un 'house tour' típico por ela, porque, aínda que si son vídeos que están a funcionar e son ben recibidos a día de hoxe, é un formato xa moi usado e que está moi queimado". Foi así como esta 'community manager' optou por "centrarme máis na ubicación do local de Intervivienda, na cidade de Vigo, e aproveitar que Vigo agora está bastante de moda (polas razóns que sexa, chacea), para chegar cos nosos vídeos á audiencia", que, no seu caso, fundamentalmente é galega e viguesa, polo que amosarlle como foi a cidade no pasado e cal foi a súa evolución "era unha baza perfecta". Ademais, Paloma tamén cre que "a zona na que está unha vivenda é moi importante para os compradores, e é algo que tamén vemos a nivel físico, porque cando unha persoa busca casa mira como é a zona, coñece a historia que hai detrás e demais".

"Á XENTE CHÁMALLE MOITO A ATENCIÓN VER COMO ERA VIGO ANTES, PORQUE HAI MOITA XENTE NA CIDADE QUE NIN SEQUERA É ORIXINARIA DELA AO 100 %" 

Deste xeito, a creadora de contido implementou esa primeira estratexia de "contar unha historia a través das vivendas que temos en venda, xa fose empregando a propia vivenda ou a rúa na que se ubica, como un atractivo máis á hora de captar á audiencia e aos posibles compradores". E vaia se funcionou! As comparativas entre como era antes a cidade de Vigo e como é agora fanse virais en horas. Fotos como a de xente paseando pola ponte de Rande antes da súa apertura ao tráfico acumulan milleiros de 'likes' e comentarios. "Á xente chámalle moito a atención ver como era Vigo antes, porque hai moita xente na cidade que nin sequera é orixinaria dela ao 100 %, que se mudou recentemente ou que chegou coa súa familia, polo que saber sobre o pasado do seu novo lugar de residencia resúltalles moi atractivo", considera Paloma. E é que esta non deixa de ser unha forma de vender o rico patrimonio cultural da cidade, máis aló de vender vivendas. "É importante poñer en valor o lugar no que está a inmobiliaria", considera a 'community manager', que lamenta que haxa xente que non o ve así e que considera que se saiu dos límites de contido que debería ofrecer unha inmobiliaria: "Eu non o vexo así, porque as ubicacións, os lugares e as propias casas teñen unha historia que contar".

Xente paseando por Rande antes da súa inauguración ao tráfico
Xente paseando por Rande antes da súa inauguración ao tráfico | Fonte: @intervivienda

Agora ben, como fixo para poder obter imaxes que nin sequera os archivos de moitos museos e medios de comunicación conservaban? Como ben di o refrán, cada maestriño ten o seu libriño e, no caso de Paloma, este baséase en moito esforzo e traballo de investigación: "Utilizo bastantes fontes de información, xa sexa servíndome de que a miña propia familia paterna é de Vigo de toda a vida e coñece moitas historias da cidade, buscando na Galipedia e outras páxinas web de información histórica, ou visitando o propio Arquivo Fotográfico Pacheco na que se poden atopar moitas fotografías e información sobre Vigo antigo de forma gratuíta e accesible a todos os públicos". E é que a vea de investigadora xa a tiña bastante arraigada esta nova, que estudou a carreira de Xornalismo ante esa inquedanza que nacía nela de sempre querer saber máis sobre os temas. Así, confesa que, "basicamente, o que fixen foi implementar todo o que aprendera na carreira na xestión das redes sociais". Ademais, tamén lle son de moita axuda as fotos particulares que envía a xente a través das propias redes e que non se atopan colgadas nin archivadas en institucións oficiais.

"NON TODO O CONTIDO CHE AGUANTA NO TEMPO, PORQUE A XENTE CÁNSASE DE VER SEMPRE O MESMO, PERO XA TEMOS PENSADA UNHA NOVA ESTRATEXIA"

Botando a vista atrás, Paloma recorda que o primeiro vídeo que se fixo viral, e que marcou un antes e un despois na súa canle, foi o do Scalextric vigués. E todo iso a pesar de que, como confesa, "non me levou nada facelo, uns 5 minutos", o que para ela supón unha mostra máis de que "Tik Tok ten un algoritmo moi aleatorio, que fai que un vídeo se che faga viral en tres días, outro en dúas horas e outro nunca chegue a facerse viral ou despegue dentro dun mes". En concreto, este vídeo resultoulle sinxelo de editar e pensaba que era algo que xa a maior parte da xente coñecía, ata que o subiu e se deu conta de que estaba verdadeiramente enganada: "A xente comezou a debatir na publicación e abriuse un debate tanto en Instagram como en Tik Tok entre xente que xa o vira e que o coñecía e o criticaba e outros que non o coñecían e lles chamaba a atención". "Foi aí cando eu notei un antes e un despois no funcionamento do contido", asegura, e engade que, "precisamente porque ese vídeo funcionou, pensei que estaría ben seguir contando historias de Vigo como trasfondo á venda das vivendas". 

Iso si, estes vídeos non serán eternos, pois a Paloma gústalle ir cambiando as estratexias empregadas, xa que, "por desgraza, non todo o contido che aguanta no tempo, a xente cánsase e as cousas que antes lle parecían atractivas, deixan de chamarlle a atención", de tal maneira que "o importante neste traballo é ir cambiando". É por iso que, de cara ao futuro, xa ten pensada unha nova estratexia que considera que pode gustar moito aos potenciais clientes: expoñer casos reais de xente que mercou unha vivenda na inmobiliaria. "É un pouco complicado porque hai que tirar de axenda e que a xente estea disposta a falar", explica a creadora de contido, que apunta que, "basicamente, trátase de, en lugar de coller as típicas capturas de pantalla das reseñas que deixan os clientes na web, visitar directamente as vivendas de antigos clientes que mercaron con nós e que nos conten como foi a súa experiencia, que nos ensinen a casa, o antes e o despois...". Ao final, trátase de amosar as reseñas dunha maneira máis visual e máis acorde á etapa na que nos atopamos, onde as redes sociais son a vía fundamental de información para moitas persoas.

"TER REDES SOCIAIS É UNHA VÍA DE COMUNICACIÓN QUE COMPENSA, CHE DÁ VISIBILIDADE E CHE PERMITE DARTE A COÑECER ENTRE OS POTENCIAIS CLIENTES"

E é que o que Paloma ten claro é que subir contido a redes sociais atrae clientes. De feito, asegura que "aínda que nun principio non o notabamos tanto, agora si que hai xente que chama á inmobiliaria dicindo concretamente que lles interesou unha vivenda que viu nun vídeo de Tik Tok ou de Instagram", do mesmo xeito que tamén "hai moita xente que consulta a través da rede directamente, deixando comentarios ou mandando mensaxe directa para preguntar se un piso aínda segue dispoñible". Agora ben, a 'community manager' de Intervivienda tamén confesa que "ao final nunca podemos saber se unha trasacción se remata pechando polo vídeo ou por máis factores, porque as redes sociais non deixan de ser unha forma máis de publicidade, como tantas outras", e pon o exemplo de anunciarse en Idealista. Ademais, "hai moita xente que ve os vídeos e xa te chama dicindo que o viron, pero tamén hai moita outra que ao mellor os viu pero non cho di ou que recibiu o vídeo de familiares e amigos, sen seguir a conta". Sexa como fose, o certo é que "ter redes sociais é unha vía de comunicación para a inmobiliaria que compensa, que che dá visibilidade e que che permite darte a coñecer".

Ao mesmo tempo, considera que "este tipo de vídeos que fago para Intervivienda permiten conectar cunha audiencia máis ampla, xa non só centrándose nunha zona xeográfica, que neste caso é Vigo, senón que chegas a moitos clientes potenciais, de todas as idades, a xente máis maior e máis nova", algo que está moi ben porque "os maiores ao mellor nalgún momento quererán vender as súas propiedades e mercar outra cousa ou poñelas en aluguer, mentres que os mozos nalgún momento terán que emanciparse e buscar piso". En todas estas circunstancias "é importante estar aí, presente", e "iso é realmente o que che aportan as redes sociais, esa visibilidade que nalgún momento chega a traducirse en clientes potenciais". E, para estar aí, non chega con facer o mesmo que fan os demais, hai que ir un paso máis aló: "O dos 'house tour' agora está á orde do día, fano moitísimas inmobiliarias de Vigo, de Galicia e moitas máis a nivel España, por iso á hora de xestionar redes gústame estudar ben as tácticas e estratexias da competencia, o que eles fan, para non facer o mesmo e intentar diferenciarnos un pouco, tirando de creatividade, que é unha das cualidades máis importantes a día de hoxe para un creador de contido en redes sociais".

Illa de Toralla nos anos 60-70
Illa de Toralla nos anos 60-70 | Fonte: @intervivienda
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta