Temas: FRASEOLOXíA

“Un a un”, “un e un” ou “un por un”, locucións equivalentes á castelá “de uno en uno”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 03/11/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para indicarmos que un grupo de persoas efectúa algunha acción por orde e dun xeito separado e individual, ou que un grupo de persoas ou cousas se atopan ou están dispostas por orde e dun xeito separado ou individual, en castelán é moi habitual acudir á locución de uno/a en uno/a.

Crecen o número de sociedades con autónomos que traballan na casa con ordenadores portátiles
Crecen o número de sociedades con autónomos que traballan na casa con ordenadores portátiles | Fonte: EP

Trátase dunha locución que, desde hai xa relativamente certo tempo a esta parte, tamén é utilizada por moitos galegofalantes baixo as formas dun en un ou de un en un e sobre a cal nunca houbo –cando menos, que nós saibamos– un pronunciamento expreso das instancias normativas no sentido de se forma parte do acervo (que non acerbo) lingüístico do idioma galego.

E comentamos o da declaración explícita acerca desta cuestión porque salta ós ollos que en calquera das súas dúas variantes (volvémolas lembrar: dun en un ou de un en un) se observa unha evidente diverxencia con respecto a un dos preceptos recolleitos nas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, que a seguir copiamos salientando en letra grosa as partes máis pertinentes:

«O indefinido un(s), unha(s), cando actúa como adxectivo, presenta as mesmas contraccións ca o artigo indeterminado (vide 14.2.2): falounos duns problemas que non demos entendido; cuns veciños podemos falar, con outros é imposible. Cando se usa como pronominal xeralmente represéntase a contracción coas preposicións de e en, dando lugar ás formas dun(s), dunha(s), nun(s), nunha(s): están sempre a falar mal dun; a resposta hai que buscala nun mesmo; por contra, non se representa na escrita a contracción coa preposición con: tanto se comprometía con un coma con outro; cada domingo ía ao teatro con unha, nunca o viamos coa mesma rapaza

Así pois, se nos guiamos estritamente polo teor das Normas, a locución da que estamos a falar debería materializarse como *dun nun (ou *dunha nunha no caso de que os referentes extralingüísticos presenten xénero gramatical feminino), variantes que ou ben ninguén emprega (desde logo, na nosa experiencia vital nin nunca as escoitamos nin nunca, bardante de puntuais excepcións, vimos escritas) ou ben, no hipotético suposto de que realmente fosen empregadas, serían moi minoritarias.

Daquela, parece que a priori o estado da cuestión sería o seguinte:

1) ¿Consideraríase a reprodución literal, cara a galego, da locución castelá de uno en uno como unha forma normativamente aceptable?

2) En caso de que a resposta á primeira cuestión fose afirmativa: ¿cal das dúas variantes empregadas –ou, polo menos, maioritariamente empregadas– sería a axeitada: dun en un (con referentes de xénero gramatical feminino, dunha en unha) ou de un en un (con referentes de xénero feminino, de unha en unha)? [Mesmo tamén se podería manexar, obviamente, a posibilidade de que ambas as dúas formas fosen admitidas.]

Sexa como for, dános a impresión, tendo en conta a información coa que operamos (que, é visto, é bastante máis limitada e reducida cá que poden manexar as entidades normativas), de que no caso de se aceptar positivamente calquera das ditas locucións, o seu acollemento normativo só tería xustificación nun calco da correspondente castelá.

Dito todo isto, do que si que non cabe dúbida é de que en galego existen locucións de seu que dan conta dese mesmo contido, como imos ver deseguido:

De uno en uno [fem.: de una en una]

Uno a uno [fem.: una a una]

Uno por uno [fem.: una por una]

{= Por orde e dun xeito separado e individual, aplicado ó modo de efectuaren persoas –ou mesmo tamén outros seres vivos– algunha acción; ou ben por orde e dun xeito separado e individual, aplicado á colocación ou disposición de persoas, seres vivos ou cousas.}

Un a un [fem.: unha a unha]

Un e un [fem.: unha e unha]

[E MAIS]:

Un por un [fem.: unha por unha]

Ex.: Bajad, por favor, de uno en uno las escaleras, que aun vais a tirar a algún compañero o compañera.

Baixade, por favor, un a un un e un un por un as escaleiras, que inda ides tirar algún compañeiro ou compañeiro.

Ex.: En el poema las letras estaban dispuestas verticalmente de una en una, y con la evidente intención de que sean leídas de abajo hacia arriba.

No poema as letras estaban dispostas verticalmente unha a unha unha e unha unha por unha, e coa evidente intención de que sexan lidas de abaixo cara a arriba.

NOTAS:

1. En relación coa locución castelá de uno en uno, se cadra resulta curioso para non pouca xente o feito de que no Diccionario de la Real Academia Española non se amosa como prioritaria, na medida en que remite a uno a uno (supomos, simplemente por elucubrar, dado que non temos certeza ningunha ó respecto, que por ser esta última máis tradicional en castelán).

2. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta