Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2024 | Actualizada ás 15:38
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou este mércores que a partida orzamentaria destinada a accións de dinamización do galego increméntase nun 30 %, alcanzando os dous millóns de euros. Así o indicou o responsable autonómico, que compareceu este mércores ante a Comisión de Orzamentos para dar conta do orzamento da súa área para 2025.
O conselleiro centrou boa parte da súa intervención no Pacto da Lingua, acordo no que traballan Xunta e grupos parlamentarios desde hai unha semana, cando se celebraron as primeiras reunións nas que, tal e como lembrou, reinou a "cordialidade". Volvendo ás partidas orzamentarias, as contas da Consellería superan os 146 millóns de euros, cun incremento dun 7,5 %, "para afianzar o bo momento do sector cultural, prestigiar o uso do galego e ofrecer garantías para que os mozos poidan desenvolver o seu proxecto de vida".
Subliñou que precisamente é a Secretaría Xeral de Lingua cara á que se "reorientan" as contas do departamento para responder, non só ao pacto, senón á próxima renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega, ademais da posta en marcha dunha batería de 50 medidas para "impulsar e dinamizar o seu uso en toda a sociedade". Unha destas medidas que anunciou esta mañá é a creación de cursos de galego dirixidos ao persoal dos centros sanitarios. Avanzou que o seu departamento se reunirá co conselleiro de Sanidade o vindeiro mércores para abordar esta iniciativa. Ademais do Pacto pola Lingua, puxo o foco nas medidas encamiñadas a "favorecer o emprego e a emancipación xuvenil".
VIVINDAS COMPARTIDAS E BONO EMANCÍPATE
Sobre isto, sinalou que a súa Consellería e a de Vivenda e Planificación de Infraestruturas colaborarán na posta en marcha dunha nova vía de aloxamento "diferente" á tradicional, dirixida aos mozos menores de 36 anos. Pisos compartidos cun tempo máximo de permanencia de tres anos que contarán con cociña, salón e un dormitorio, e cuxo edificio estará dotado de espazos comúns. Esta medida, indicou, compleméntase co Bono Emancípate, dotado con dous millóns de euros, e co que as persoas de entre 18 e 35 anos que teñan unha fonte de ingresos e cumpran con certos requisitos, "terán a posibilidade de acceder a unha axuda á hora de comezar a vivir nunha vivenda como arrendatarias ou como propietarias".
Esta axuda, que será de 1.500 euros no caso de arrendatarios e de 3.000 euros para os que adquiran unha vivenda, irá destinado á adquisición de mobiliario, diversos artigos de fogar e certos electrodomésticos. O conselleiro tamén incidiu nos "esforzos orzamentarios" que se fan para fomentar o emprego dos mozos, centrados nos programas Xuventude Mentoring na empresa e Xuventude Mentoring, que contan en total con 2,5 millóns de euros.
22 MILLÓNS PARA PANTEÓN E RIBEIRA SACRA, ENTRE OUTROS
Respecto do que concerne á área de Cultura como tal, López Campos explicou que o orzamento mantén o incremento iniciado en 2022 cunha partida que crece un 5,5 % para pór en marcha, entre outras cousas, o novo Plan de infraestruturas culturais, unha folla de ruta dotada con dous millóns de euros coa que se auditarán os equipamentos culturais para "crear un gran mapa que permita coñecer o estado, distribución e situación dos mesmos". Para o sector do libro, as contas para 2025 inclúen un investimento de máis dun millón de euros para desenvolver accións do Plan de lectura de Galicia e que, remarcou, suporá a mobilización de máis de 27 millóns de euros ata 2030.
Entre os proxectos citados, e en liña cos obxectivos da futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia (que está previsto que se aprobe antes de que acabe o ano), a Xunta destinará en 2025 máis de medio millón de euros para as primeiras actividades da Rede Adival, coa que busca "garantir que todos os galegos poidan acceder á cultura, vivan onde vivan e sexan cales sexan as súas condicións socioeconómicas". No que respecta ás industrias culturais, o conselleiro avanzou que no próximo exercicio publicarase unha nova convocatoria do fondo para a atracción de rodaxes, que contará cunha achega de dous millóns de euros que suporán un impacto económico de case 18 millóns de euros. Nesta mesma liña, tamén se publicará a convocatoria de produción audiovisual, que incrementa o importe ata os tres millóns de euros, aumentando tamén a contía por proxecto. O obxectivo, apuntou, é adaptarse á subida de prezos e custos.
A Cidade da Cultura tamén protagoniza unha das partidas orzamentarias da consellería, dotada con 12 millóns de euros para, entre os principais obxectivos, ampliar o programa de residencias e pór en marcha o primeiro Centro Galego de Artes Dixitais. Estará nunha superficie enterrada xa existente e en desuso e que aspira a converterse "nunha referencia en España na produción e exhibición de proxectos culturais dixitais de máximo nivel". Finalmente, en canto ao patrimonio cultural, resérvanse 22 millóns de euros para impulsar a restauración e rehabilitación de bens como o Panteón dos Galegos Ilustres, os monumentos vinculados ao Camiño de Santiago, os principais templos catedralicios de Galicia a través do Plan Catedrais e o impulso á candidatura da Ribeira Sacra para conseguir o recoñecemento da Unesco en 2026.
OPOSICIÓN, CRÍTICA COA POLÍTICA LINGÜÍSTICA DO PP
A oposición centrou boa parte das súas intervencións na situación do idioma. Así, a viceportavoz do grupo socialista, Lara Méndez, responsabilizou ao Goberno galego da caída "drástica" do número de galegofalantes. "Tras 15 anos de políticas galegofóbicas", sinalou, afea que a Xunta pretenda "resetear e pór o contador a cero despois de máis dunha década de xestión na que provocaron unha ferida inútil na lingua". Por iso, reclamoulle "recursos, planificación e xestión" para avanzar no pacto pola lingua.
A nivel máis xeral, mostrouse "desilusionada" coas contas e asegurou que os investimentos reais baixan un 35,7 %, mentres o orzamento total redúcese un 2 %. Ademais, reivindicou unha "visión ampla" do sector cultural, "non só centrada en dúas temáticas: o Camiño de Santiago e os grandes festivais". A deputada nacionalista Mercedes Queixas expresouse nos mesmos termos e remarcou que a Consellería de Cultura é a "última" en orzamentos de toda a Xunta. Dos 146 millóns dispoñibles, indicou, hai que restar os que se destinan a persoal e gastos correntes, "co que o total se reduce case ata os 90 millóns".
Para o PP, continuou, a cultura representa un 0,8 % "e baixando", e a lingua un 0,08 %. "De cada euro que invisten no galego, invisten tres en profesores de relixión", puxo como exemplo Queixas, que sinalou ademais que a mocidade leva un 0,16 %, protagonizado ademais por "proxectos de solidariedade e voluntariado". Así as cousas, a nacionalista preguntouse para que é necesario unha nova consellería "se nada cambia" e afeou a pouca "convicción e compromiso" da Xunta neste ámbito. Dado que López Campos abría a súa intervención felicitando aos Premios Nacionais galegos, entre eles a Manuel Rivas, Queixas animaba ao conselleiro a escoitar ao escritor, que alertou "en moitas ocasións de que a lingua está nunha situación de perigo extremo". "Fágalle caso", instou.
O ORZAMENTOS DO CONSELLO DE CONTAS SOBE ATA OS 10 MILLÓNS
Por outra banda, o orzamento do Consello de Contas sobe un 14,77 % no proxecto de contas públicas da comunidade para o ano que vén, ata case alcanzar os 10 millóns de euros, por máis gastos en persoal e investimentos, segundo destacou o conselleiro maior, Juan Carlos Aladro. Na súa comparecencia na comisión parlamentaria de economía para dar a coñecer os números do ente para 2025, Aladro sinalou ao incremento retributivo e á "decidida aposta pola modernización" de Contas como algúns dos motivos da subida.
Tamén se referiu á "racionalización" dos recursos humanos e ao obxectivo de "completar" os aspectos relacionados coa lei de administración electrónica. Ademais, apuntou á ampliación das súas instalacións dado o "insuficiente espazo vital de Contas". Así, o capítulo 1 de gastos de persoal experimenta unha alza do 10,11 % e o capítulo 6 de investimentos reais ascende un 147,69 %, de acordo cos seus datos. No 4 e o 8 "non se producen cambios" e o 2 rexistra unha baixada do 5 %.
Por parte do grupo mixto, Armando Ojea considerou que "se podería falar de descentralización de moitos servizos", viu "algo curioso" que as contas contemplen medidas en relación coa "identidade corporativa" de Contas e chamou a atención sobre o nove partidas relativas a obras en edificios e outras construcións para o organismo. "Dou por suposto que son necesarias e están a xustiprecio", dixo. A socialista Elena Espinosa preguntou pola nova relación de postos de traballo e o conselleiro maior explicou que era necesaria e situouna para novembro.
Pola súa banda, a nacionalista Noa Presas lanzou a dúbida sobre se a subida ten que ver con "unha reestruturación de recursos que non se chegaron a executar", pero non dubidou das necesidades que teña Contas de "acondicionamento de espazo". Tras a quenda do popular Roberto Rodríguez, que valorou o orzamento e a actuación do Consello de Contas, Aladro falou de "persoal hacinado" e informou de que por iso o Centro Informático Cixtec cedeulle " un espazo". Agora, remarcou, son precisas "obras de adecuación" e dotalo de "mobiliario, maquinaria, utensilios, etcétera". Por último, aludiu á tarefa de prevención da corrupción que Contas asume a maiores da fiscalización e que na actualidade ten "bastante avanzada" e "desvía gran parte" dos seus recursos, con previsión de "estender" os plans de medidas antifraude a "todas as entidades públicas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.