Por Galicia Confidencial | A Coruña | 30/10/2024 | Actualizada ás 13:41
A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a indemnizar con 20.000 euros á parella dun home que faleceu dun infarto no centro de saúde de atención primaria de Lalín (Pontevedra) en setembro de 2019. A vítima, segundo consta na sentenza, acudira a urxencias do mesmo centro seis horas antes, pero no triaxe, realizado por unha administrativa, non se lle comunicou á médica o motivo de demanda de atención inmediata -dores abdominais, de testículo e náuseas- e foi derivado a esperar a que houbese un oco entre os pacientes xa citados. Finalmente, o home decidiu non esperar, regresar á súa casa e acudir pola tarde, xa con cita, ao centro de saúde, onde faleceu.
Os maxistrados entenden que se produciu unha perda de oportunidade derivada “da falta de comunicación debida pola administrativa á facultativa dos síntomas que presentaba o doente para facer posible unha valoración médica dos mesmos que determinase o seu carácter ou non de urxentes aos efectos de prestar unha atención máis inmediata”. O alto tribunal galego considera que “as oportunidades ou expectativas para o enfermo serían outras” se en lugar dunha administrativa fose un médico o que valorase a situación do paciente. Por iso, aplica, ante esa “incerteza”, a doutrina da perda de oportunidade, “que implica a privación de expectativas ou incerteza no resultado de actuar de forma distinta a como realmente se fixo”.
Os xuíces entenden probado que o afectado acudiu a urxencias do centro de saúde polos seus propios medios, sobre as 13:24 horas, e, tras ser remitido á sala de espera por estar a facultativa que lle tería que asistir atendendo aos pacientes con cita programada, “cansado de esperar, reiterou a solicitude de atención urxente e, ao non ser inmediata, pediu cita para esa mesma tarde, rexeitando a que se lle ofrecía ás 15 horas para coller a das 18:50”. Cando xa non estaba no centro foi chamado, para ser atendido, ás 14:48 horas. Pola tarde, o paciente chegou directamente á sala de espera e agardou a que a súa médica de cabeceira o chamase á consulta. Foi entón, segundo consta na resolución do TSXG, cando se desmaiou inesperadamente no centro de saúde. A pesar de que recibiu asistencia nese momento e de que se mobilizou a un helicóptero do 061, morreu tras 45 minutos de infrutuosa reanimación.
Os maxistrados salientan que “si existiu unha actuación constitutiva dunha perda de oportunidade para o doente”, á vez que destacan que “non pode obviarse que a falta de atención inmediata veu motivada polo feito de que a administrativa que lle atende á chegada ao centro de saúde, segundo ela mesma indicou, non considerou de gravidade o estado do paciente, manifestando que, de feito, aínda que apuntou como urxente a asistencia, nin sequera comunicou á facultativa os síntomas que referira”. Así, indican que, “quizais, aínda que ela non os valorou como graves, a médica podería consideralo doutro xeito (e máis atendendo aos antecedentes médicos do paciente)”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.