Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 17/11/2024 | Actualizada ás 22:00
Os parques eólicos son elementos precisos á vez que perigosos para o ecosistema galego. Por unha banda, resulta innegable que precisamos de fontes de enerxía renovable que nos axuden a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro derivados da queima de combustibles fósiles (causantes dun cambio climático que non está dando tregua); pero, pola outra, sabemos que os grandes aeroxeradores, coas súas xigantescas pás, poden causar importantes danos na fauna da zona na que se instalan, ademais de ter un impacto visual na paisaxe nada desexado e outras incidencias sobre a saúde da poboación de aldeas próximas. E, aínda que é moito o que se leva traballado sobre como mitigar os danos que causan nas aves, que morren ao bater coas hélices, hai outro animal que tamén sofre por igual e do que se fala moito menos: o morcego. Dende o Galicia Confidencial falamos con Roberno Hermida, presidente de Morcegos de Galicia, que nos explica cal é o panorama actual e como está a lexislación vixente en materia de proteción.
Para comezar é preciso ter en conta que, aínda que pensemos o contrario porque non se trata dun animal ao que lle guste moito o contacto co ser humano e cuns hábitos nocturnos que o manteñen alonxado de miradas indiscretas, en Galicia hai 25 especies diferentes de morcegos, con estilos de vida e requerimentos de espazo moi diferentes, e é probable que se sumen ao listado unha ou dúas novas especies máis nos próximos anos. Aínda que cada especie ten un hábitat concreto preferido, o certo é que morcegos hainos ao longo e ancho de todo o territorio. Como apunta Hermida, "a especie máis común de todas probablemente sexa o morcego anano, que a podemos atopar practicamente en calquera lugar" e, logo, "hai outras especies máis centradas nun tipo de hábitat concreto, quedando limitada a súa presenza a ese refuxio, como pode ser o morcego de cova, que se cría e vive exclusivamente en oquedades naturais e grandes minas, ou o morcego forestal, que aparece ligado a formacións de bosque máis antigas".
E o certo é que os morcegos xogan un papel crave no correcto desenvolvemento dos ecosistemas galegos, porque, segundo nos conta o presidente de Morcegos de Galicia, "son animais insectívoros na súa maioría, agás unha especie que combina a alimentación con insectos coa alimentación con paxaros tamén, sendo a medias insectívoro e carnívoro". Deste xeito, "os morcegos son os grandes consumidores de insectos do nosos territorio, polo que regulan a maior parte das poboacións dos mesmos, sobre todo de insectos voadores nocturnos, dentro dos cales hai especies que, de non ser polo control que levan a cabo de xeito natural sobre eles os morcegos, rematarían por converterse en pragas que danarían moitos cultivos e poderían prexudicar a saúde humana". Como exemplo, Hermida cita determinadas especies de avelaíñas ou mosquitos. Se ben é verdade que nunca se lles deu o recoñecemento que merecen, máis ben ao contrario, porque tradicionalmente se lles tivo un certo medo polas lendas e mitos que había en torno aos mesmos. Hoxe por hoxe, xa superados eses prexuízos, "agora á xente non lle gustan porque se os ten na casa lle causan molestias, ruído e deixan excrementos" ou "porque pensan que poden transmitir algún tipo de enfermidade".
"EN GALICIA HAI 11 ESPECIES DE MORCEGOS INCLUÍDAS NO CATÁLOGO DE ESPECIES AMEAZADAS QUE DEBERÍAN CONTAR CUN PLAN DE CONSERVACIÓN"
Así as cousas, debemos saber que actualmente os morcegos se atopan protexidos. Como apunta o experto, "todas as especies de morcegos están incluídas a nivel estatal no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Especial Protección, iso ao que normalmente chamamos especies protexidas". Ademais diso, "en Galicia hai 11 especies concretas que están ameazadas, incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas". Para con elas, indica Hermida, "a Administración ten unha serie de obrigas legais, entre as que destaca o desenvolvemento dun plan de conservación das mesmas e un seguimento exhaustivo, entre outras medidas". Con todo, Hermida lamenta que "a realidade en Galicia é que non se está facendo nada disto, a pesar de que levan anos incluídas no Catálogo de especies ameazadas e xa todas deberían contar cun plan de conservación específico". Moi pola contra, non hai ningunha destas especies que o teña. Isto tamén provoca certo descoñecemento por parte da poboación, á que se lle está a ocultar, de certo xeito, a realidade dos morcegos na nosa terra.
E, sen plan de conservación, nos últimos anos houbo un inimigo que se introduciu nos ecosistemas onde tradicionalmente habitaron os morcegos dende sempre e que os está a esnaquizar: os aeroxeradores dos grandes parques eólicos. "O seu impacto é brutal, ata o punto de que se considera que os parques eólicos son a principal causa de mortalidade non natural para os morcegos agora mesmo a nivel mundial", asegura Hermida. Así, e sen caer en extrapolacións dos datos dos traballos realizados sobre outras zonas do territorio, apunta a que, "a nivel España, hai un cálculo realizado polo Parque Natural de Doñana do número de morcegos que poden estar morrendo ao ano como consecuencia dos aeroxeradores: 600.000". Iso si, chama a coller estes datos con moita precaución, pois "a situación pode variar moito entre os diferentes parques eólicos". Con todo, advirte de que, efectivamente, "hai algúns parques eólicos que se convertiron xa en auténticos matadoiros de morcegos".
"A PRINCIPAL CAUSA DE MORTE É O IMPACTO DIRECTO DOS MORCEGOS COAS ASPAS, QUE SE DÁ MÁIS CON VELOCIDADES DO VENTO INFERIORES A 5 KM/H"
Que é o que lle fai un aeroxerador a un morcego para rematar coa súa vida? Pois a principal causa de morte é o impacto directo das aspas, algo que "se dá especialmente cando as velocidades de vento son baixas e os morcegos teñen moita actividade en zonas altas, intres nos que os aeroxeradores están funcionando, porque con velocidades de vento de 3, 4 ou 5 quilómetros por hora xa se poñen en marcha". Neses casos, "cando aínda o vento non é moi forte, os morcegos que están activos en zonas altas poden morrer de dúas maneiras: por unha banda, por impacto directo coa pá do aeroxerador; ou, pola outra, porque pasan moi preto da punta, non tanto como para bater con ela, pero suficiente para que o cambio de presión no aire que provoca a velocidade de movementos das aspas fai que lle rebenten os capilares, morrendo polo que se coñece como barotrauma, é dicir, sen feridas aparentes por fóra, pero rebentados por dentro". E é que os morcegos son quen de detectar os aeroxeradores, do mesmo xeito que son quen de ver algo tan pequeno como un insecto para alimentarse, pero "a velocidade das aspas é tan alta e cambiante que non lles dá tempo a calcular", do mesmo xeito que lles acontece durante o día a moitas aves.
Tamén se debe destacar que hai algunhas especies de morcegos que se ven máis afectadas que outras, porque tamén cada especie utiliza o espazo de xeito diferente. Así, por exemplo, hai morcegos que cazan sempre dentro do bosque e a baixa altura, polo que estes apenas se verán afectados polo impacto directo dos aeroxeradores. Para Hermida, "os morcegos que se ven máis afectados pola irrupción de parques eólicos no seu territorio son aqueles que cazan a maior altura saíndo a espazos abertos". Dentro destes, sobre os que pesa unha maior preocupación é sobre "os migradores", xa que, de feito, "a maior parte da mortalidade de morcegos por esta causa concéntrase a finais do verán e comezos do outono, porque, por unha banda, hai crías que están voando e a poboación orixinal vese incrementada, e, pola outra, porque hai un paso continuo de especies migratorias que chegan do centro de Europa que fan que esa poboación tamén se incremente". "Como inevitablemente durante as migracións teñen que atravesar pasos de montaña, lugares nos que están instalados os parques eólicos, é nesas épocas do ano e neses puntos concretos onde se causan verdadeiros estragos", lamenta o presidente de Morcegos de Galicia.
"AGORA MESMO HAI A OBRIGA DE QUE NOS ESTUDOS DE IMPACTO AMBIENTAL DOS PARQUES EÓLICOS SE INCLÚA UN ESPECÍFICO SOBRE OS MORCEGOS"
Neste sentido, en España aínda hai máis problema que noutros países europeos, xa que "nalgunhas zonas da Península Ibérica concéntranse importantes pasos migratorios, como é o caso dos Pirineos e do Estreito de Xibraltar". Máis en concreto, Hermida apunta a unha especie de morcego, chamada nóctulo xigante, que, "como ademais de ser insectívora tamén caza paxaros, aproveita que moitos paxaros pequenos migran durante a noite en grandes bandos para adentrarse neles e alimentarse", de tal maneira que "as poboacións deste morcego sempre adoitan concentrarse en zonas onde hai moito paso migratorio de aves e, ao final, nesas zonas acaban caendo nas aspas moitos paxariformes pero tamén moitos morcegos como o nóctulo xigante". Deste xeito, a mortaldade de morcegos asociada aos parques eólicos "depende moito de como estes estean configurados e de como estean situados os aeroxeradores". Aínda con todo, o experto si destaca que "na Península Ibérica probablemente teñamos algúns dos peores parques eólicos neste sentido, porque concentramos moito paso migratorio". Xa fóra de España, apunta a outras zonas de paso migratorio de aves como pode ser o paso do Mar do Norte, entre as penínsulas de Dinamarca e Escandinavia, onde hai moito aeroxerador en parques eólicos mariños.
Agora ben, non hai lexislación algunha que introduza limitacións de seguridade á hora de construír un parque eólico para evitar este impacto terrible sobre as poboacións de morcegos? Pois o certo é que, como di Hermida, "nesa loita estamos". "Agora mesmo o que hai é a obriga de que nos estudos de impacto ambiental dos parques eólicos se inclúa un estudo de impacto sobre os morcegos, ao igual que se fai coas aves", explica. Con todo, "o que se fai neses estudos é unha valoración xeral do impacto, cando en verdade habería que realizar estudos específicos sobre os diferentes tipos de aves de morcegos". Deste xeito, asegura que, "ata o de agora, os que se fixeron, fixéronse dunha maneira moi cutre e non serviron para nada", pois, "aínda que existía esa obriga de realizalos, non había directrices claras de como, ou si as había, dende o 2013, pero non se estaban seguindo, e cada empresa inventábase a súa maneira de facer estes estudos", o que "deu lugar a que moitos estudos hoxe en día non sirvan para nada", algo que xa se pode apreciar "naqueles que se están sacando agora a exposición pública e que están feitos de fai 4, 5 ou 6 anos".
"CALCÚLASE QUE, SE SE PARASEN OS AEROXERADORES CANDO A VELOCIDADE DO VENTO É INFERIOR A 5 KM/H, EVITARÍAMOS O 80 % DAS MORTES ACTUAIS"
Nos estudos máis recentes xa se tratou de corrixir a cousa, porque o Ministerio para a Transición Ecolóxica sacou unhas directrices que recompilan un pouco todas as que foron saíndo de diversas entidades preocupadas polo medio ambiente. Así, "digamos que actualmente todo o mundo foi asumindo que as directrices do Ministerio, aínda que non son de obrigado cumprimento, si é preciso seguilas, porque, do contrario, logo sería moi difíciil xustificar determinadas cousas nos estudos", expón Hermida, que asegura que "neste sentido si se mellorou algo a cousa". Agora ben, tamén concede que unha cousa é que se mellorasen os estudos de impacto sobre os morcegos realizados que, "outra, moi distinta, que eses estudos se plasmen logo nunha mellora do deseño dos parques eólicos", ou "que eses estudos sexan quen de frear ou provocar cambios no deseño destes parques". "Iso é algo que aínda está moi verde, porque aínda seguindo os protocolos actuais os estudos aínda dan unha imaxe moi pequena das poboacións de morcegos, fan unha mostraxe xeral, pero son tantas as especies de morcegos que poden verse afectadas, que ás veces eses plans van ben para unhas especies e non para outras, de tal maneira que todos rematan tendo eivas importantes, aínda que se fagan ben, seguindo as directrices", advirte o presidente de Morcegos de Galicia.
E cales son as recomendacións xerais que se deben seguir á hora de construír parques eólicos para poder manter o menor impacto posible sobre as poboacións de morcegos? Hermida apunta a unha única principal e efectiva: "Que os aeroxeradores non arrinquen a velocidades de vento por debaixo dos 5 ou 6 quilómetros por hora, porque é por debaixo desas velocidades cando hai máis actividade de morcegos en zonas altas, mentres que se o vento aumenta a actividade dos morcegos xa cae moito". Ademais, asegura que "a produción de enerxía a esas velocidades aínda é moi pequena", polo que tampouco suporía un importante custe económico para as empresas. En concreto, o experto indica que "se calcula que se se parasen os aeroxeradores por debaixo desas velocidades de vento, estariámonos evitando unha porcentaxe de mortalidade de morcegos por enriba do 80 %". Aínda con todo, lamenta que "os promotores dos parques eólicos son moi reacios a aplicar esta medida, porque din que con ela perden moita produción". É por iso que, "en moitos sitios onde non queren aplicar esta medida estase dando ás empresas a recomendación de facer un estudo específico co que poidan demostrar que a actividade dos morcegos incluso por debaixo desas velocidades de vento é moi baixa", que pode selo en certas zonas, "pero hai que demostralo".
"EXISTE A RECOMENDACIÓN DE QUE SE SITÚEN OS AEROXERADORES A UN MÍNIMO DE 200 METROS DE MASAS ARBORADAS, PERO, EN GALICIA, ISO NON SE CUMPRE"
Aparte desta, tamén hai outras medidas que aínda están en fase experimental, como "sistemas semellantes aos que se usan para as aves e que son quen de deter a actividade dos aeroxeradores en momentos dados nos que se detecta unha maior actividade de morcegos". En concreto, Hermida explica que "se trata de sistemas semiautomáticos que, en principio, o que deberían facer é ir controlando en tempo real a actividade dos morcegos e, cando esta supera uns umbrais, deter os aeroxeradores, ou polo menos algúns dos aeroxeradores". Sexa como fose, o certo é que aínda se trata de sistemas experimentais que, polo de agora, só se están aplicando en dous parques en España, polo que non hai suficientes datos como para facer un balance e dicir se a súa implantación será efectiva ou non.
Ademais, outras recomendacións que se recollen nas directrices do Ministerio pasan por colocar os aeroxeradores o máis illados posible dos collados, porque é nas zonas de montaña onde se adoita concentrar o maior paso dos morcegos, espaciándoos un mínimo de 200 metros de masas arboradas, porque o feito de que haxa masas arboradas dá lugar a que mesmo os morcegos que voan baixo voen por enriba das copas das árbores, elevando a altura de voo e entrando así no radio das aspas, de tal maneira que mesmo especies que en principio non deberían verse afectada polo impacto dos aeroxeradores rematen véndose afectadas. Ao respecto, Hermida denuncia que, "en Galicia, esta recomendación non se cumpre en absoluto, pois hai aeroxeradores que están metidos no medio de zonas arboradas", e o que fixeron as empresas foi "liberar o redor de cada aeroxerador de árbores e listo", polo que os morcegos se vén igualmente afectados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.