"Mes amis espagnols", cando os fillos dos emigrantes en Suiza volveron "á forza" a Galicia

O suízo-italiano Adrien Bordone aborda nun documental a vida daqueles adolescentes amigos seus, nados en Suiza, pero que viñeron a Galicia canda os pais. A súa integración nun mundo moi diferente ao de Suiza foi difícil para algúns deles.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/11/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Naceron en Biel/Biene. Era un dos antiguos 26 distritos do cantón de Berna ubicado ao noroeste do mesmo. Unha fronteira lingüística suiza na que se emprega o francés e o alemán. Eran fillos de emigrantes galegos que marcharon ao país helvético a traballar, pero que a finais dos 90 e e na primeira década deste século decidiron voltar a Galicia e traer con eles aos seus fillos, xa adolescentes. Son eles, xa adultos, os "amigos españois" de Adrien Bordone, suízo e de pai italiano que se criou con eles, os protagonistas do seu documental.

Unha imaxe de'Mes amis espagnols', a cinta que narra a vida daqueles fillos de emigrantes nados en Suíza que tiveron que volver cos seus pais a Galicia
Unha imaxe de'Mes amis espagnols', a cinta que narra a vida daqueles fillos de emigrantes nados en Suíza que tiveron que volver cos seus pais a Galicia | Fonte: Adrien Bordone

En "Mes amis espagnols" Bordone lembra que estes adolescentes foron "obrigados á forza" a ir a Galicia, patria dos seus pais, pero xa non deles.  Na cinta relata a historia de varios destes fillos de emigrantes e as súas vivencias unha vez integrados na súa nova terra de acollida. Unha terra que para algúns deles, cando se integraron na escola, era estraña, difícil, acostumados aos modos e xeitos dos suízos. De feito, no documental pode verse como un destes galego-suízos, xa adulto, volve o seu colexio en Biel/Biene e lembra como en "España a rapazada entraba en clase como vacas", mentres que en Suíza "todos se daban a man e fila". "Cando cheguei o primeiro día a miña cabeza non funcionaba, non entendía nada, era salvaxe", indica.

Bordone lembra como no verán, cando el ía a Italia, os seus amigos ían a Galicia. "Cada un de nós eramos de dous países diferentes e tiñamos dobre identidade", apunta nunha entrevista en swissinfo. Pero o verán en Galicia era unha cousa e pasar todo o resto do ano nela era outra ben diferente. "E que pasou cos meus queridos amigos das escola que marcharon a Galicia desde Biel/Bienne?", lembra o documentalista.

Por iso, Bordone trasladouse a Galicia para reencontrarse cos seus amigos, e tamén cos pais destes para coñecer como foi ese choque cultural de fillos de emigrantes, suízos de nacemento, que tiveron que volver a reintegrase na sociedade dos seus pais. O filme fala da historia dalgúns deles, un traballa agora en Múnic, outro ensina francés en Galicia e un terceiro regresou temporalmente a Suíza traballando para unha empresa da construción. Teñen destinos diferentes mais un remorso común: Suíza.

A visión de Bordone é a duns adolescentes aos que os seus pais lle cambiaron a vida sen consultarlle sobre a mesma. Pensaban que ían ser felices na terra deles "pero non pensaron nas consecuencias para os seus fillos". De feito, o documentalista xunta na súa cinta a pais e fillos que falan, por primeira vez, desta traumática experiencia. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Paty

Son filla de emigrantes retornados a Galicia no 1999 e crieme en Zúrich (Suiza) ata os 15 anos. Gustaríame ver o documental completo e, indudablemente, a calidade do sistema educativo do país helvético é moi boa e ofrece grandes vantaxes. Pero tamén quixera apuntar que creo que desde aquí hai unha idea moi romántica e un pouco distorsionada do que é a realidade aló. Non é ouro todo o que reloce. Eu quédome coa calidade de vida que temos nesta nosa terriña, por moito que haxa cousas que se poderían mellorar. 🤍💙🤍