Por Europa Press / Redacción | VIGO | 07/11/2024 | Actualizada ás 19:16
O petroleiro 'Nissos Rhenia', que permaneceu á deriva durante varios días fronte ás costas de Viana do Castelo (Portugal) debido a unha avaría na súa propulsión, navega desde as últimas horas con rumbo a Le Havre (Francia), tras a reparación da avaría, segundo confirmou a Europa Press a Autoridade Marítima Nacional de Portugal.
O buque, cun cargamento de 150.000 toneladas de gasoléo (inicialmente, as autoridades informaron erroneamente de que eran 150.000 litros), detectou a avaría o martes da pasada semana, cando o Centro de Coordinación de Procura e Salvamento Marítimo de Lisboa (MRCC Lisboa) recibiu unha alerta sobre a presenza do barco 'Nissos Rhenia', con bandeira das Illas Marshall, fronte ás costas de Viana, tal e como informou a axencia de noticias Lusa.
O petroleiro, de 330 metros de eslora e 60 de manga, transporta máis de 150.000 toneladas de gasóleo e ten 28 tripulantes, e activouse un protocolo de actuación por parte da Autoridade Marítima Nacional de Portugal e a Armada do país, que enviou á zona á corveta 'NRP António Enes'.
Unha vez no punto, a nave militar contactou co petroleiro e dedicouse a monitorar a navegación nesa área, garantindo a seguridade doutros barcos nas proximidades. O pasado xoves iniciouse o remolque do 'Nissos Rhenia' e tamén comezaron ese día os labores de reparación, co embarque dun equipo técnico. Mentres levaban a cabo as reparacións, o barco foi remolcado e afastado da costa.
A Autoridade Marítima de Portugal confirmou a Europa Press que, tras a reparación da avaría, "unha operación sempre monitorada e acompañada" por este organismo e pola Mariña portuguesa, o barco partiu este mércores da súa posición, a unhas 24 millas da costa de Viana do Castelo, con rumbo a Le Havre, seguindo a viaxe "con seguridade". A última posición do buque revela que navega a máis de 80 millas da costa galega, e afastándose cara ao norte.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.