Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2024 | Actualizada ás 14:19
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ve nas críticas da patronal eólica á Xunta unha "campaña pactada para seguir enganando" á cidadanía en relación coa enerxía e os seus prezos. Así se pronunciou a líder nacionalista a preguntas dos medios de comunicación tras unha reunión con alcaldes do Bloque e responsables municipais para abordar a situación do galego.
"O que estamos a ver é que a Xunta está a ser cómplice do espolio eólico deste país", advertiu Ana Pontón, para quen "todas as medidas ata o momento van nesa dirección". Respecto diso, apuntou á lei de acompañamento aos orzamentos de 2025, que, segundo critica, "pon sobre a mesa que hai que acelerar o proceso de depredación e está a tentar saltarse as sentenzas xudiciais que din que as cousas non se fan conforme á legalidade".
"Teño a impresión de que estamos ante unha campaña pactada para tentar facerlle ver á cidadanía cosas que non son realidade", denunciou a tamén portavoz parlamentaria do BNG. Neste sentido, remarcou que ve "falso o que está a dicir a patronal eólica desde Madrid", que fala de expropiación de parte da enerxía.
Se o Goberno galego buscase pór a enerxía producida en Galicia a disposición dos galegos, "o que faría é pór unha empresa pública de enerxía e unha planificación do desenvolvemento eólico facendo unha avaliación do impacto", incidiu. Por iso, considera que existe unha "campaña pactada, orquestrada, para seguir enganando á cidadanía", co obxectivo final de "tentar aplacar o descontento no conxunto da sociedade" polo "descontrol eólico que quere promover da man das eléctricas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.