Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/11/2024 | Actualizada ás 12:25
O BNG denuncia unha "armazón de adxudicacións" con contratos concedidos "a dedo" e "moi sospeitosos", por valor de case 1 millón de euros, a unha empresa vinculada co irmán de Nava Castro, e en concreto apunta aos que se realizaron por parte da Axencia de Turismo de Galicia cando ela estaba á fronte deste organismo, por uns 800.000 euros.
Pola súa banda, a actual alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, defende "a legalidade" de todos eses contratos. En declaracións a Europa Press, tacha a acusación do Bloque de "torticera" e atribúea aos resultados das municipais na localidade pontevedresa na que goberna.
En concreto, o viceportavoz do Bloque, Luís Bará, comezou a súa comparecencia ante os medios de comunicación este venres referíndose a unha "armazón de adxudicacións a unha empresa vinculada directamente coa contorna de dirixentes do PP".
No entanto, acabou indicando que a formación nacionalista ten "constancia e coñecemento de que un dos irmáns de Nava Castro, Antonio Castro Domínguez, é traballador, traballa para Dous Espazos, e é propietario dunha empresa que ten sede no mesmo edificio, no mesmo número, da rúa Serrano de Madrid".
Consultada por Europa Press, Nava Castro indicou que Antonio Castro, un dos seus 10 irmáns, "non traballa" nesa empresa, senón que "ten a súa empresa" e "traballa con liberdade de mercado con quen queira". Á pregunta de se traballa con Dous Espazos, afirmou descoñecelo, aínda que fontes desa firma consultadas por Europa Press recoñeceron o vínculo de Antonio Castro con Dous Espazos.
Pola súa banda, Bará explicou que Dous Espazos ten sede en Vilagarcía e noutras localidades, e recibiu de 2018 a 2023 case 1 millón de euros --uns 995.000 euros-- en 87 contratos "a dedo", nunha relación de contratos que o Bloque facilitou á prensa.
Esta empresa, proseguiu Bará, "dedícase a traballos de consultoría e comunicación" e a Axencia Galega de Turismo, "baixo a dirección de Nava Castro", subscribiu con ela 63 contratos, segundo o BNG, por uns 800.000 euros, isto é, por un valor medio duns 12.000 euros.
Neste proceso, segundo advirten os nacionalistas, tivo unha participación "crave" Emilio da Igrexa, entón xerente da Axencia e despois "recompensado co posto de xefe de gabinete do presidente da Xunta e recientemmente ascendido a director xeral do gabinete de Presidencia da Xunta".
"Son persoas da súa máis directa confianza, colaboradores directos", incidiu Bará. En resumo, denunciou que a contratación coa firma "increméntase de forma exponencial a partir do nomeamento de Nava Castro e despois Emilio da Igrexa como xerente".
"CÚMULO DE IRREGULARIDADES"
Para Bará, existen "aspectos rechamantes" como que "todos" os contratos teñen unha duración de execución dun mes, o que lles leva a ser contratos menores e "por tanto a dedo".
O seu grupo atopouse "ante casos realmente rechamantes" pois, no relativo ao obxecto dos contratos, por exemplo, en xuño de 2022 "adxudícanse varios que teñen un obxecto practicamente idéntico", para o deseño e redacción "que teñen que ver con actuacións de cohesión".
Son, para o BNG, "obxectos sospeitosos" e "dubidosos", nos que noutras ocasións existe "claramente unha fragmentación en dous contratos para evitar ir a un procedemento de contratación aberto".
Tamén chamou a atención o deputado do Bloque sobre "como se acumula nas datas finais do ano", por exemplo en 2021 e 2022. "Chama poderosamente a atención que haxa unha actividade frenética no día de Noiteboa, fin de ano ou comezo de ano. Cando se adxudican 11, 12 contratos", resaltou.
Respecto diso, considera que son "contratos moi sospeitosos" un concedido en decembro de 2022 relativo a un plan de 2021. "Ten todo o aspecto de que na parte final de ano, habendo diñeiro sen gastar, búscase unha empresa", subliñou.
Tamén avisa de "cantidade de duplicidades", ademais deses "casos claros de fragmentación" e, en suma, interpreta que "se está ante un cúmulo de irregularidades na adxudicación a esta empresa".
10.000 EUROS POR UN EVENTO QUE NON SE FIXO
"A cuestión non acaba aquí. Hai feitos posteriores que confirman que aquí pasan cousas moi raras", avisou Luís Bará. Neste extremo, relatou que "cando Nava Castro asume a alcaldía, resulta que contrata esta empresa, da súa máxima confianza".
"E o extraordinariamente grave é que lle paga a finais de 2023 unha factura por uns traballos dun evento que non se fixo, 10.000 euros por unha actividade, un evento, que non se chegou a realizar", asegurou.
"Están claros os vínculos familiares" e "se drenan recursos públicos a empresas amigas", denunciou o viceportavoz do grupo parlamentario do BNG.
DOCUMENTACIÓN E EXPLICACIÓNS
Por este motivo, anunciou que leste mesmo venres rexistrarán a solicitude de información sobre estes contratos polo artigo 9 do regulamento do Parlamento. "Queremos saber a documentación que entregou esta empresa, se son contratos reais ou ficticios", incidiu.
Tamén este venres presentarán "iniciativas parlamentarias para que veñan ao Parlamento --á comisión primeira-- o actual director de Turismo e o director xeral de gabinete, Emilio da Igrexa, para que dean conta desta xestión irregular".
"Estes son os chanchullos, as irregularidades que o PP quere ocultar", concluíu Bará, quen ten "a impresión" de estar ante "a punta do iceberg".
A RESPOSTA DE NAVA CASTRO
Respecto diso disto, preguntada por Europa Press, Nava Castro sinalou que a compañía en que traballa o seu irmán Antonio Castro "vende servizos a calquera empresa". "Teño 10 irmáns. Loxicamente aos meus 10 irmáns non lles pregunto profesionalmente que fan todos os días", apuntou. "Imaxínome que ten contratos con moitas empresas", engadiu.
A continuación, destacou que existen "cantidade de empresas que se dedican ao mundo do turismo con asistencia" e "traballan en todos os lados". "Téñense que facer informes xurídicos e as contratacións son publicas", agregou, para rexeitar que os nacionalistas "pretendan vincular desa maneira torticera o de Dous Espazos". "Paréceme excesivo", incidiu.
Nesta liña, profundou que en turismo "traballan moitas empresas" e "sácase todo a concurso". Cuestionada polos contratos menores, os que denuncia o Bloque, Nava Castro afirmou que vai "todo con informe xurídico". Por último, asegurou que Dous Espazos "tamén traballa" co delegado especial do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, e con concellos como Catoira, Pontecesures e Pontevedra.
"Ten a liberdade de traballar con quen queira. Concellos do PP, PSOE e BNG", remachou, para concluír que "como o BNG perdeu as eleccións en Ponteareas, iso moléstalles". "Por iso o obxectivo son eu", di.
O PP VE "INFUNDIOS"
O portavoz parlamentario do PP, Alberto Pazos, tachou de "infundio" a denuncia do BNG en relación a contratos adxudicados pola Axencia de Turismo de Galicia a unha empresa vinculada cun dos irmáns de Nava Castro, e defendeu que "todos" eles foron fiscalizados e están realizados "de acordo coa lei".
Neste sentido, Pazos animou aos nacionalistas a acudir á xustiza, á vez que viu "rocambolesco" que pidan a comparecencia de Castro, na actualidade alcaldesa de Ponteareas, nunha comisión ordinaria --a institucional--, tras revelar que o PP ofreceu que participase na de investigación.
Previamente, en rolda de prensa, o viceportavoz do grupo do Bloque avisou de que os populares "non van conseguir impedir que o BNG faga o seu traballo e descubra os chanchullos e trapalladas" con "empresas amigas". Farano, resaltou, "dentro ou fóra da comisión" de investigación e usando "todos os medios" ao seu alcance.
A continuación, noutra comparecencia ante os medios de comunicación, Pazos revelou que o seu grupo, o maioritario no Parlamento de Galicia, "ofreceu" aos da oposición --Bloque e PSdeG-- que tanto Nava Castro, exresponsable de Turismo e hoxe rexedora en Ponteareas, como o actual titular desa axencia, José Merelles, participasen na comisión de investigación sobre contratos.
Finalmente, os nacionalistas pediron a comparecencia na comisión primeira --institucional-- tanto de Castro como do actual director xeral do Gabinete Técnico da Presidencia da Xunta, Emilio da Igrexa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.