A oposición clama contra os "riscos ambientais" do "desenvolvemento descontrolado" de eólicos en Galicia

A deputada socialista Patricia Iglesias acusou á Xunta de levar a cabo unha "xestión nefasta" do ámbito eólico, baseada en "présas", apuntando que "se autorizaron máis parques eólicos no último ano que nos últimos 10". O PP asegura que "en Galicia temos o recurso e temos que aproveitalo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2024 | Actualizada ás 11:49

Comparte esta noticia

Os grupos da oposición clamaron este martes, unha vez máis, contra os "riscos ambientais" do "desenvolvemento descontrolado" do eólico na comunidade, unha "xestión nefasta" da que culparon á Xunta, mentres que o PP defendeu o respecto á legalidade e advertiu: "En Galicia temos o recurso e temos que aproveitalo". O sector eólico volveu ao Pleno do Parlamento galego cunha moción presentada polo Grupo Socialista na que se pedía a toma en consideración de condicións de sustentabilidade ambiental e equilibrio territorial na instalación de parques, así como a ampliación da Rede Natura o próximo ano. A iniciativa contou co voto a favor de PSOE e Grupo Mixto, a abstención do BNG e a oposición do Grupo Popular, polo que foi rexeita.

Durante a súa intervención, a deputada socialista Patricia Iglesias acusou á Xunta de levar a cabo unha "xestión nefasta" do ámbito eólico, baseada en "présas", apuntando que "se autorizaron máis parques eólicos no último ano que nos últimos 10". Con iso, Patricia Iglesias cre que os autos de suspensión cautelar de parques que foi ditando o TSXG nos últimos meses son "resultado dunha política de desenvolvemento desordenado da enerxía eólica" en Galicia, que "non ten en conta a sustentabilidade ambiental". Isto, á súa vez, clamou, xera "inseguridade xurídica", algo fronte ao que criticou a "autoenmenda" presentada á lei de acompañamento que permitiría "retramitar estes parques incluso fóra do plan sectorial eólico" para que a súa instalación "prime sobre os riscos ambientais reflectidos nos autos de suspensión", dixo Patricia Iglesias.

"REXEITAMENTO SOCIAL"

Na súa quenda de palabra, o deputado do BNG Xosé Manuel Golpe apuntou que a esta "inseguridade xurídica" súmase tamén o "rexeitamento social" ao actual desenvolvemento eólico. "Eólica si, non así", apuntou Golpe, que considerou que os intentos de "desburocratizar" este sistema obedecen máis ben á intención de "fuxir do dereito administrativo". Para o deputado do BNG, o actual plan sectorial eólico é "desfasado, obsoleto e remendado", así como "nunca sometido a avaliación ambiental". Para a súa renovación, engadiu, "poñense tantos condicionantes que o plan vai quedar sen aplicación antes de redactarse".

Sobre a ampliación da Rede Natura, Golpe incidiu na necesidade de estender esta figura de protección do territorio, aínda que con iso "quedaría suspendida a tramitación eólica". "E a patronal non vai aceptar iso", dixo. Finalmente, tamén tomou a palabra o deputado do grupo mixto Armando Ojea (DO), que considerou a problemática actual un efecto "do desenvolvemento incontrolado" do eólico. Por iso, pediu ter en conta avaliar o seu impacto en cuestións como a alteración climática, a migración de aves ou o turismo e apostou prol "cumprir escrupulosamente as leis"

"TEMOS O RECURSO E TEMOS QUE APROVEITALO"

O deputado do PP Rubén Lorenzo Gómez, pola súa banda, asegurou que, na situación actual e coa necesidade de incrementar o peso das enerxías renovables, "non vale o inmobilismo nin os paus nas rodas de quen quere tentalo". "En Galicia temos o recurso e temos que aproveitalo", dixo. Para Lorenzo Gómez, as "políticas boas" son "aquelas que reverten en beneficio da xente: e esta é unha delas". En particular, ironizou con que parar este suposto "espolio" suporía "retraer o 15 % do canon eólico que reciben os concellos".

Galicia, engadiu o deputado popular, "conta cun amplo nivel de protección da diversidade", polo que acusou aos grupos da oposición de estar "máis preocupados por armar un relato contra calquera cousa que fai a Xunta". "Non esperamos a súa aprobación, porque temos a responsabilidade de Gobernar este país", resolveu.

Arquivo - Torres eólicas para producir enerxía renovable en Andalucía.. ENDESA - Arquivo
Arquivo - Torres eólicas para producir enerxía renovable en Andalucía.. ENDESA - Arquivo

A UPTA AMOSA O SEU APOIO AO PLAN EÓLICO DA XUNTA

Tamén este luns a Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA) mostrou o seu apoio ao plan eólico que expón a Xunta de Galicia ao asegurar que mellorará a competitividade do colectivo. Nun comunicado remitido aos medios, a organización lembra que esta busca reducir os custos enerxéticos das comunidades locais galegas mediante a utilización de mínimo un 50 % da enerxía eólica xerada en Galicia. Así, destaca que, actualmente, unha gran parte da enerxía creada na comunidade galega é exportada e que a proposta da Xunta aposta por reter na comunidade galega a metade desta enerxía que produce o sector eólico, o que, segundo a UPTA, "contribuirá a mellorar a competitividade do colectivo autónomo" e "terá un impacto positivo na sustentabilidade ambiental".

Neste sentido, a UPTA sinala que un autónomo en España dedica un 20 % dos custos totais da súa actividade, sendo esta un comercio pequeno, a sufragar os gastos enerxéticos. Por iso, considera que o Plan Eólico da Xunta, que supostamente lograría minimizar este gasto, podería ser moi beneficioso para este sector. Doutra banda, a UPTA expresou que, sempre que a proposta resultase exitosa, "a Xunta debería ser un referente para o resto das comunidades autónomas, especialmente nas zonas do litoral". O presidente do grupo, Eduardo Abad, reafirmou a idea expresando que "este plan debería facerse extensivo ao resto do territorio español".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta