Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2024 | Actualizada ás 13:33
A Valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño, sumouse este mércores a un acto promovido pola Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (Poig). Alí, unha representante da plataforma alertou de que só se denuncian ao redor dun 10 ou 15% dos casos de violencia contra nenos e adolescentes.
Durante a xornada, que tivo lugar na sede da Valedora en Santiago, tamén participaron dous representantes do Consello Autonómico de Participación Infantil e Adolescente (Caia), o presidente da Poig, Mónica Viqueira, e a coordinadora da Asociación Amino, Bibiana Araújo. O acto estivo centrado na violencia que se exerce contra a infancia e expúxose a necesidade de pór o foco na "necesaria instauración total" da Lei Orgánica de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia (Lopivi) coas "garantías suficientes" para establecer espazos "seguros e libres de violencia".
Neste sentido, dous representantes do Consello Autonómico de Participación Infantil e Adolescente reclamaron que os adolescentes "non son seres sen pensamento crítico", polo que reivindicaron o seu papel como "axentes activos". Durante a súa intervención, aproveitaron para pór en evidencia que os mozos "non son capaces de recoñecer situacións de violencia" e que tampouco saben "a quen poden acudir para denuncialas".
Así mesmo, incidiron na necesidade de que os mozos "coñezan os seus dereitos" e compartiron varias propostas coas entidades presentes na xornada deste mércores para reverter o acoso. Por exemplo coa creación de cursos obrigatorios para acosadores e as súas familias, a unificación de protocolos ou presentar ao comezo de curso á figura do coordinador de benestar, entre outras.
Neste contexto, o acto enmarcouse nas accións postas en marcha pola Poig con motivo do Día Universal da Infancia, no que se conmemora o aniversario da adopción da Declaración Universal dos Dereitos do Neno (1959), así como a aprobación da Convención dos Dereitos do Neno (1989).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.