Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2024 | Actualizada ás 16:23
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, recoñeceu que a lei que acompaña aos orzamentos da Xunta para 2025 hai unha "especial profusión" de propostas e que nos próximos anos "será máis moderado" e xustifícao na axilidade á hora de sacar adiante diferentes medidas. "É certo que este ano, precisamente, quizais hai unha especial profusión de propostas e nos próximos anos será máis moderado. Estamos a modificar varias leis, sería totalmente inviable tentar iniciar eses procesos de forma lexislativa no Parlamento de Galicia, porque terminaría o ano e non alcanzariamos nin a metade", xustificou nunha entrevista este domingo na Cadena Ser, recollida por Europa Press.
Corgos defendeu a lei de acompañamento, un instrumento que "é necesario" para aplicar os programas que recollen as diferentes partidas orzamentarias cada ano. En canto ás rebaixas de impostos, Corgos incidiu en que o obxectivo da Xunta é "ser competitivos fiscalmente" e esas rebaixas de impostos prodúcense "sempre que se poida". "En época en que se resente o financiamento dos servizos públicos, insisto, o importante non é realizar rebaixas tributarias, todo o contrario, é recadar máis", apuntou. Todo iso, xa que a unha menor presión fiscal, menos recursos para atender as políticas sociais, por iso, engadiu Corgos, "o primeiro que fan" é ver de "canto diñeiro dispoñen para financiar os servizos públicos" e, en segundo lugar, a marxe que teñen para acometer as rebaixas fiscais.
COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN NO PARLAMENTO
Por outra banda, consultado sobre a comparecencia do presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, na comisión de investigación do Parlamento de Galicia, Corgos defendeu a postura do PP e remarcou que, ao seu parecer, están a sacarse "de quicio" as diferentes adxudicacións do goberno galego. Ante o aviso da oposición de que está disposta a acudir aos tribunais se Feijóo non dá explicacións, Corgos remarcou que "non lle preocupa nin o máis mínimo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.