O perigo do radón na poboación: "Un fumador multiplica por 26 a posibilidade de contraer cancro de pulmón"

Despois de coñecer as concentracións de radón que pode haber en vivendas e en centros de traballo en función da antigüidade dos espazos e dos materiais cos que estean construídos, o GC fala coa investigadora Lucía Martín-Gisbert sobre os riscos deste gas para a saúde.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 04/12/2024 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

O radón e a saúde. Dende que se comezou a falar do radón como carcinóxeno entre a poboación xeral xerouse unha certa sensación de alerta social que, realmente, os expertos e estudosos da materia aseguran que non é precisa. Así, e despois de coñecer a penetración que pode ter o radón nas vivendas, lugares de traballo e espazos de ocio segundo a antigüidade e o material co que estean fabricadas as súas estruturas, ademais de segundo a zona de Galicia na que se atopen, dende o Galicia Confidencial abordamos agora cal é verdadeiramente o impacto do radón na saúde, fuxindo de sensacionalismos e alarmismos. Para iso, contactamos con Lucía Martín-Gisbert, directora de Calidade do Laboratorio de Radón de Galicia, investigadora da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e membro do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), que nos conta en profundidade todo o que se coñece polo de agora en cuestión de saúde sobre o radón, algo no que aínda nos adianta que segue traballando xunto ao seu equipo, con varios estudos en marcha na actualidade.

Cancro de pulmón
Cancro de pulmón | Fonte: Arquivo

O primeiro e máis importante que quere deixar claro é que "o radón tan só se relaciona co cancro de pulmón, con ningún outro tipo de cancro máis". E é que asegura que "chámanos moita xente preocupada porque a súa nai tivo cancro de mama ou doutro tipo e quere saber se lle poderá afectar o radón ás posibilidades de desenvolvelo ela". Así as cousas, Martín-Gisbert deixa claro que "só se ten demostrado que o radón provoca cancro de pulmón". Aínda que tamén advirte de que "o primeiro factor de risco para padecer cancro de pulmón segue a ser, por moito, o tabaco". "O radón queda relegado a un segundo plano, con gran diferenza, con respecto ao tabaco en si, e, ademais, ten un efecto sinérxico con este último, xa que a maior parte da xente que ten cancro de pulmón causado por unha exposición prolongada ao radón é tamén fumadora", explica a investigadora, que apunta a que "precisas ter esa conxunción de factores de risco para, de verdade, ter un risco razoable de padecer cancro de pulmón". E, por dimensionar aínda máis esta radiografía, indica que "un fumador ten 26 veces máis posibilidades de ter cancro de pulmón que un non fumador estando exposto ao radón, mentres que un non fumador exposto ao radón so multiplica as súas posibilidades por 2 con respecto a unha persoa que non estea exposta". 

Agora ben, hai algún grupo de idade ou perfil poboacional que teña un risco especial ou sexa máis propenso a contraer cancro de pulmón derivado da exposición ao radón? Martín-Gisbert lamenta que iso é algo que "aínda non se sabe", porque "os estudos que estamos a facer polo de agora son sobre poboación xeral adulta". Deste xeito, por exemplo, en nenos non hai estudos. Do mesmo xeito que tampouco hai estudos concluíntes sobre o papel que xoga a xenética neste asunto. O que si insiste é que "sabemos seguro que a poboación fumadora é a de maior risco", así como "a poboación que, pola súa profesión, poida estar exposta a outros carcinóxenos do pulmón, como poden ser o amianto, o po de xílice ou o po de madeira". Desta forma, "os traballadores que, por exposición ocupacional, teñan contacto con este tipo de materiais carcinoxénicos, si corren maior risco, porque adoitan ter un efecto sinérxico co radón". Iso si, a investigadora tamén apunta a que isto non acontece dun día para o outro, non se trata de que un destes traballadores comece no oficio e ao día seguinte colla cancro, senón que "isto é algo a longo prazo". A canto longo prazo? Aínda non se sabe. "En epidemioloxía chamamos período de indución ao que vai dende a exposición ao carcinóxeno ata o desenvolvemento do cancro, e aínda non se sabe exactamente cal é o do radón", apunta.

"O RISCO É ACUMULATIVO; A AFECTACIÓN REAL DETÉCTASE EN XENTE QUE LEVA ALO MENOS ENTRE 5 E 10 ANOS VIVINDO NUN LUGAR CON ALTA CONCENTRACIÓN"

O que si se sabe sobre o período de exposición ao radón é que "é acumulativo", é dicir, "canto máis tempo pasemos expostos á radioactividade do radón, máis aumenta o risco de contraer cancro por esta causa, de xeito probabilístico". A radiación mídese en doses e, "a medida que nos vamos expoñendo durante máis e máis tempo, vaise xerando unha dose acumulada, sumativa de varias doses que se foron acumulando ao longo dos anos". Agora dende o Laboratorio de Radón de Galicia o que están tratando de facer é respostar a unha pregunta crave: que impacta máis: que unha persoa estea exposta a moito radón durante un breve período de tempo ou que o estea a unha cantidade de radón máis baixa durante un longo tempo, de tal maneira que a dose total sexa a mesma pero máis ou menos concentrada segundo cada caso? "Estamos evaluando cada situación", afirma Martín-Gisbert, que asegura que "o que si que xa sabemos polos estudos realizados é que a afectación real detéctase en xente que leva polo menos entre 5 e 10 anos vivindo nunha casa con altas concentracións de radón, non naquela que leva un par de meses ou un ano ou dous vivindo nun lugar de semellantes características". Ademais, tamén apunta a que esas exposicións a longo prazo son verdadeiramente perxudiciais cando se dan nas vivendas particulares, "non se trata de que vaias mercas a unha tenda con altas concentracións de radón e iso che vaia afectar".

Medidor de radón da USC
Medidor de radón da USC | Fonte: USC - Arquivo

Pero, por que o radón afecta ao organismo, ou, mellor dito, como? Que é o que provoca? Isto tería unha explicación moi técnica que a maior parte da poboación xeral non comprendería, pero a investigadora do CRETUS simplifícao deste xeito: "O que realmente nos afecta aos seres humanos non é o radón en si, senón a radiación alfa que emite tanto el como o polonio, un dos seus derivados, no que se remata transformando nuns 4 días, aproximadamente". E que é a radicación alfa? "Son partículas formadas por dous neutróns e dous protóns, que saen disparados dende o núcleo do radón ou do polonio, de tamaño ínfimo pero que, realmente, conforman a radiación máis grosa que coñecemos e a que ten maior impacto", explica a investigadora. Así, "cando inhalamos esas partículas emitidas polo radón e o polonio, estas póusanse sobre as mucosas do pulmón e, unha vez aí, en calquera intre poden disparar esas partículas alfa, esa radicación alfa", de tal maneira que, "se tes a mala sorte de que esa radiación xusto che impacta no núcleo da célula, porque hai moitas zonas do pulmón formadas simplemente por mucosas que simplemente serían atravesadas por esas partículas sen causar maior dano, é cando viría o problema". En concreto, "se a partícula alfa dá no núcleo da célula e, ademais, nunha zona do ADN, vai facer que esa célula mute e se convirta en tumoral", apunta Martín-Gisbert, que indica ademais que tamén "se pode sumar a circunstancia de que os teus mecanismos de reparación celular non funcionen".

"NO CRIBADO A TRABALLADORES HABERÍA QUE EVALUAR O RISCO-BENEFICIO: UN TAC PO EN MINUTOS Á RADIACIÓN EQUIVALENTE DO RADÓN EN 2 ANOS"

Como vemos, teñen que dárse toda unha serie de factores sumativos, de aí que, como resalta a investigadora, o risco de padecer cancro de pulmón tras a exposición prolongada ao radón sexa "algo probabilístico": "Canto máis exposto esteas, máis probabilidade terás de que, eventualmente, se xere un tumor", sendo verdadeiramente "a radiación alfa que emite, e non o radón como tal, a causante do problema". Iso si, o feito de que esta potente radiación sexa moi grosa tamén ten as súas vantaxes, pois "esas dimensións fan que non sexa quen de atravesar nada, o que a convirte tamén na radiación máis opaca". "É por iso que só é quen de causar cancro de pulmón, porque é preciso que a persoa a inhale e a meta así dentro do organismo para que provoque danos, non sendo quen en por ela mesma de atravesar o corpo", apunta Martín-Gisbert. Ademais, unha vez dentro do organismo, tamén se ten que dar a circunstancia, como vimos, de que impacte directamente coa célula, colocándose xusto nunha posición que propicie o seu contacto, xa que, "unha vez depositada, esta radiación tampouco é quen de desprazarse moito, avanzando só uns poucos micrómetros". É dicir, a cousa non é tan sinxela como puidese parecer.

Agora ben, a posibilidade está aí, porque a investigadora tamén lembra que "o radón é ubicuo, está en todas partes, tamén ao aire libre, sendo a principal fonte de radiación natural á que estamos expostos os humanos sen poder evitalo, inhalándoo ao respirar". Ademais, tampouco é algo do que poidamos percatarnos, porque a súa inhalación non vai aparellada de síntomas, xa que, como explica Martín-Gisbert, "nin o radón nin o polonio que desprende teñen cor, nin olor, nin sabor", ao que se suma o feito de que, "desafortunadamente, os síntomas dun tumor de pulmón tampouco son moi identificables nos seus primeiros estadíos". A isto hai que sumar o feito de que en Galicia, por tradición, hai moita poboación que traballa en oficios onde se expón a diario a outros carcinóxenos que incrementan, xunto ao radón, o risco de padecer cancro de pulmón. En concreto, dende o grupo de investigación desta experta, "si que temos maior preocupación por estes casos", polo que "xa estamos colaborando co Ministerio de Sanidade no deseño dun protocolo de vixilancia específico para os traballadores máis expostos ao radón e outros carcinóxenos durante períodos de tempo prolongados", tendo tamén en conta as particularidades de cada traballador (se é fumador, se ten outras patoloxías, tempo e grao de exposición...). Así, en determinados casos podería ser bo realizar un cribado de cancro de pulmón, pero "habería que ter moi en conta o risco-beneficio, pois facer un TAC supón expoñer á persoa nuns minutos á radiación equivalente que lle daría o radón en dous anos".

"EN ESPAÑA IMOS PARTICULARMENTE TARDE NA REGULACIÓN DO RADÓN; AÍNDA ESTAMOS AGARDANDO Á EFECTIVA TRASPOSICIÓN DA DIRECTIVA EUROPEA"

Por outra banda, e aínda que o radón só se asocia polo momento ao cancro de pulmón, si se están realizando estudos para comprobar a súa relación (ou non) con outras patoloxías. A investigadora afirma que o equipo do doutor Alberto Ruano está evaluando se podería ter tamén algunha relación coa Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC), tamén moi asociada aos fumadores, pero da que tamén se sabe que afecta aos non fumadores, pois hai un 40 % dos casos diagnosticados en xente que non é fumadora. "Estase a estudar se o radón pode ter algo que ver nisto, pero, polo de agora, non hai resultados concluíntes nin publicados ao respecto, aínda o estamos evaluando", afirma Martín-Gisbert. Do mesmo xeito que tamén se está evaluando se o radón pode ter algún tipo de vínculo cos tumores cerebrais. "É outro dos estudos en curso, pois aínda que a nosa hipótese é que 'non', estamos evaluándoo, xa que hai certa plausibilidade, como dicimos en epidemioloxía polo feito de que se o radón chega ao torrente sanguíneo e, de aí, ao cerebro, cabería a posibilidade do tumor cerebral", apunta. En calquera caso, e aínda que as investigacións sobre estes outros posibles efectos adversos se están facendo, a investigadora transmite unha mensaxe de tranquilidade á poboación xeral porque "non atopamos evidencias de nada máis que de cancro de pulmón".

Do mesmo xeito que xa fixera Alberto Ruano, Martín-Gisbert pon sobre a mesa o feito de que, "aínda que a nivel de evidencia científica sabemos dende hai moito tempo que o radón é un carcinóxeno (dende que así fora declarado no ano 1988 nos Estados Unidos, onde ademais existe un nivel de referencia moito máis baixo que en Europa: 148 bequerelios por metro cúbico, fronte a 300), non tivemos mecanismos regulatorios ao respecto ata fai relativamente pouco". Ademais, incide en que "en España imos particularmente tarde, porque temos unha directiva europea do ano 2013 na que xa se fala da necesidade de protexer á poboación fronte ao radón, na que se insta aos países membros a ter ese nivel de referencia de 300 bequerelios e a tomar medidas para que os traballadores estivesen protexidos, pero non foi ata 2022 que se traspuxo esa directiva europea, e aínda estamos hoxe esperando a que se faga efectiva". É por iso que denuncia que "agora mesmo non contamos con medidas regulatorias, polo que levamos un enorme retraso con respecto a outros países", de tal maneira que, "agora que por fin contamos cun real decreto que protexe aos traballadores fronte ao radón, aínda estamos agardando a que este se execute".

"A MEDIDA MÁIS EFECTIVA SERÍA REMATAR CO TABAQUISMO: SE A XENTE DEIXA DE FUMAR, O RADÓN TERÁ MENOR CAPACIDADE DE CAUSAR CANCRO DE PULMÓN"

E como se fará? "Agardamos á guía que ten que sacar o Consello de Seguridade Nuclear (CSN), na que se explicará exactamente en que espazos de traballo se deberán realizar medicións, como, cando, cada canto tempo...", explica a investigadora, que destaca que "sabemos xa como vai saír, o que vai tratar, pero aínda non viu a luz". E é que no momento en que esta se publique, "os empregadores de zonas denominadas como zonas prioritarias de radón (en Galicia, practicamente todo o territorio) estarán obrigados a protexer aos seus traballadores ubicados en primeiras plantas ou plantas baixas de edificios, coa toma de medidas e as actuacións oportunas se calquera empleado se demostra que está diariamente exposto a máis de 300 bequerelios no seu posto de traballo". Sen dúbida, como asegura Martín-Gisbert, "isto vai ter un impacto moi grande en Galicia, así como noutros lugares nos que tamén hai moitas zonas declaradas como prioritarias de radón".

Agora ben, a investigadora tamén pide non levarse a engano, pois a mellor precaución para evitar contraer cancro de pulmón por radón é deixar de fumar. "Nós fixemos estimacións de mortalidade atribuída a radón e vemos que a maior parte dáse en fumadores, é dicir, inflúe o feito de que a persoa estea nun ámbito de exposición en altas concentracións ao radón, pero tamén que adquirise un hábito tabáquico", asegura Martín-Gisbert, que resalta que "realmente a medida máis efectiva é rematar co tabaquismo". De feito, nun momento no que a regulación do tabaco e a implantación de novas medidas antitabaco están en auxe, a investigadora considera que isto será moi positivo para reducir tamén a mortalidade asociada ao radón, e que será algo que se deixe sentir nos datos de futuros estudos: "Se a xente deixa de fumar, o radón vai ter moita menos capacidade para causar cancro de pulmón, moitísima menos, quedando reducido a valores mínimos". E é que, como lembra, "o tabaco é un gran carcinóxeno e resulta moi efectivo provocando cancro de pulmón, aínda que o radón lle dea unha grande axuda para causalo". "Seguramente sexan as novas medidas antitabaco as que máis axuden na redución do cancro de pulmón asociado ao radón, pois as medidas para protexer á poboación do radón aínda tardarán en chegar", confesa e lamenta a investigadora.

Investigadores relacionan o radón cun aumento do risco de cancro pulmonar
Investigadores relacionan o radón cun aumento do risco de cancro pulmonar | Fonte: ENAC - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta