Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2024 | Actualizada ás 14:23
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o seu homónima en Asturias, Concepción Saavedra Rielo, asinaron este xoves no HULA un convenio de colaboración que permitirá regular a atención sanitaria na zona fronteiriza de Ibias e Navia de Suarna. Un acordo que chega, mentres no centro de Navia hai problemas pola falla de médicos.
Mediante este convenio, os 40 veciños residentes no concello asturiano recibirán atención sanitaria na localidade galega, que teñen moito máis próxima e de mellor acceso por estrada.
A alcaldesa de Ibias, Gemma Álvarez Cereigido, que asistiu ao acto, explicou que o convenio oficializa unha práctica que xa se está levando a cabo: "Necesitabamos que se plasmase nun papel unha situación que se está producindo no día a día". Para os dous responsables sanitarios autonómicos, este acordo é un primeiro paso para que poida estenderse a outras zonas fronteirizas nun futuro. Ambos defenderon que o obxectivo é ser "eficientes e efectivos coa atención sanitaria".
Gómez Caamaño defendeu a necesidade de cambiar o sistema de traballo "para adaptarse ás novas necesidades dos pacientes, porque a atención a cada persoa é importante".
PROTESTA POR FALLA DE MÉDICOS
A nivel técnico, os veciños asturianos contarán cun cartón de desprazados para ser atendidos no centro de saúde de Navia, unha localidade na que se rexistraron protestas por falta de médicos. Os facultativos galegos, pola súa banda, contarán con acceso aos historiais médicos. Unha vez superada esta primeira atención, en caso de requirirse atención hospitalaria ou especializada, os pacientes de Ibias escollerán con cal sistema sanitario continuarán. O conselleiro de Sanidade lembrou que este tipo de colaboracións mantense noutras zonas fronteirizas, no norte de Portugal e en Castela e León.
Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde do baremo definitivo e os seleccionados no proceso selectivo de estabilización, por concurso de méritos, para o ingreso en diversas categorías de persoal de investigación, proceso selectivo que foi convocado pola Resolución de 27 de decembro de 2022.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.