Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2024 | Actualizada ás 14:56
O prazo de solicitude de axudas para previr danos de fauna silvestre, como xabarís e lobos, abre este mércores, 11 de decembro, e estará operativo durante un mes. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes o aviso da Consellería de Medio Ambiente coas bases reguladoras das axudas de prevención de danos.
O pasado luns, o Consello da Xunta abordou a convocatoria de novos apoios, por un importe global de case seis millóns de euros, para previr e paliar os danos por lobos, xabarís e osos. O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, destacou que hai un incremento do 22 %. En concreto, o Goberno galego convoca este mes oito liñas de axudas, dotadas cun orzamento total de 5,9 millóns para 2025. Así, establécense tres millóns para compensar ao sector primario por estes ataques e outros 2,5 millóns para medidas de prevención, aos que se suman 320.000 euros para actuacións vinculadas coa protección de terreos cinexéticos ou áreas de pesca.
No caso da primeira contía, deses tres millóns uns 900.000 son para indemnizar aos gandeiros polos ataques de lobos. "O dobre que en 2023 porque aumentaron os ataques", remarcou Rueda, quen incidiu no dez por cento máis que recibirá de axuda cada gandeiro. Outros dous millóns serán para medidas de prevención como valados eléctricos ou contratación de pastores. Para os danos ocasionados por xabarís, hai 2,4 millóns e 130.000 no caso dos que provocan osos, sobre todo nas colmeas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.